A Rondalla Peña de Freixo supera o cuarto de século de éxitos

Rondalla Freixo

G.Figueiredo

Hai máis de 25 anos un grupo de amigos do barrio do Freixo, na parroquia de Valadares, decidiron mergullarse no universo das Rondallas e alumear coa súa música os camiños e corredoiras da contorna, alén de participar nos distintos certames de Rondallas que son tan habituais na nosa xeografía. Hoxe ,case 100 homes e mulleres fan as delicias de quen escoita a este grupo de músicos e músicas que cantan e fan música tradicional. Eles autofináncianse, non reciben 1 só € do Concello de Vigo, e amósanse moi ilusionados en que o que comezou como a ilusión duns amigos poida transcender á xeración dos seus fundadores e acadar, por que non?o século de historia facendo música. Nós falamos con César, o seu director.

César Dávila Figueroa director

Encántame todo o que teña relación coa Rondalla, pero tocar para xente maior é especialmente ilusionante”

Cando se fundou a Rondalla?

Comezamos en 1996.

Quen a fundou?

Fundámola unha cuadrilla de rapaces da parroquia que formabamos parte da Comisión de Festas. Decidimos facer algo para o Nadal e montar a Rondalla. Foi unha sorpresa cando fixemos a primeira reunión e apareceron unha chea de veciños e veciñas que tiñan interese no proxecto.

Con cantos integrantes arrincastes ?

Entre 40 e 50 persoas. Ese ano fixemos algo moi enxebre para a xente do pobo. Tocabamos polos barrios cun Papá Noel montado nun burro .

Cantos integrantes formades parte da rondalla nestes momentos?

Arredor de 90 persoas.

Cantos homes e mulleres, e de que franxas de idade falamos?

Máis ou menos metade e metade. Temos desde crianzas de 6 anos ata o capitán, que ten sobre 84 anos. Gústanos socializar coa xente do pobo. Pequenos, xente de mediana idade e maiores, todos xuntos en convivencia.

Cal é a túa formación musical?

A min ensinoume o anterior director, que era íntimo amigo meu e faleceu fai uns 15 anos nun accidente. El foi o meu mentor. A nosa base sempre foi a música tradicional tocada e cantada.

Que instrumento tocas ti?

Tocaba a trompeta e agora toco a gaita.

Exercendo de director, tamén tocas a gaita?

Depende da cantidade de gaiteiros que teñamos nese momento. Se fai falta, toco a gaita e se non, non. Nos desfiles, tamén o fago.

Como chegas a ser ti o director da Rondalla?

Despois do falecemento do meu amigo, o anterior director, eu collín o seu legado e, por respecto a el, seguimos adiante despois dun ano de parada. Aí quedei eu como director.

Cada canto tempo ensaiades e onde o facedes?

Ensaiamos no local da Asociación de Veciños de Freixo e comezamos os ensaios desde mediados de outubro ata que empeza o Nadal. Ensaiamos os sábados a media tarde un par de horas ou un pouco máis. Pola semana co traballo e os horarios de colexio non nos é posible ensaiar.

No Nadal saímos a tocar polos barrios. Entre todos decidimos en que certames de rondallas queremos participar e a que sitios imos tocar. Ás veces ata só imos tocar onde os coñecidos a cambio duns petiscos ou do bus se non podémonos mover en coche.

Cal é ou voso repertorio musical?

Temos as cancións básicas de desfile de sempre e, a maiores, cada ano preparamos un par de temas tradicionais novos para cantar e tocar. A nosa rondalla é moi tradicional, levamos saxo, acordeón e gaitas. Nós non levamos abandeirados tampouco, só levamos bandeirola.

Algún concerto que recordes con especial ilusión?

Gústanos moito ir aos centros da xente maior. Son moi agradecidos e, como coñecen as cancións máis antigas, fainos moita ilusión. Sentímonos moi arroupados con eles e cantan connosco.

Como ten que facer alguén interesado en participar na Rondalla para contactar con vós?

Poñemos un cartel na asociación de veciños cando vai ser a primeira reunión para empezar os ensaios e dar as contas. Nesta reunión é onde decidimos que imos facer co diñeiro sobrante. Ás veces imos de excursión, outras facemos unha cea, depende do orzamento, tamén damos un agasallo a todos os participantes no Nadal. O que facemos tamén é deixar un pequeno fondo todos os anos para sufragar os gastos, tanto da compra de instrumentos, como do vestiario e a tinturería.

Aquí funciona o boca a boca. Tanto veciños, veciñas, como xente que lle gusta a nosa rondalla e quere participar nela. Así empezamos todos os anos.

Como se porta ou Concello de Vigo con Vós?

Nós nos autofinanciamos, non temos ningunha subvención de ningún ente público, nin do Concello, nin da Deputación nin da Xunta De Galicia. O que fai o Concello de Vigo é organizar o certame de Rondallas da cidade e un pasarúas polas rúas do centro de Vigo para os que sufraga os gastos do desprazamento. A Xunta e a Deputación organizan, dan os premios e sufragan os gastos de desprazamento do certame de Rondallas do IFEVI. Tamén adoitamos participar nos certames de rondallas do Concello de Redondela e de Gondomar, pero só obtemos beneficio económicos de todos eles se gañamos algún premio.

E a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. Tedes algunha axuda económica pola súa banda para sufragar os gastos de compra de material e de roupa?

Non. Nós non queremos pedir subvencións , autofinanciamos todas as nosas necesidades. Somos unha organización totalmente independente tanto do Centro Cultural de Freixo como da Comunidade de Montes, o que si nos cede a Asociación de Veciños é o local para ensaiar. Pertencemos á Pena Freixo, que é a que organiza tamén o festival Freixo Rock, pero temos contas independentes e estamos desvinculadas de calquera outra asociación de Freixo.