Conflito laboral no hotel Bahía de Vigo

Conflito laboral no hotel Bahía de Vigo

Alfredo é un histórico sindicalista da CIG, da federación de servizos da comarca de Vigo. Alfredo un exemplo indubidable para amosar que a estupidez tan manida pola dereita sociolóxica de que os sindicatos non serven para nada non é máis ca iso, unha notoria estupidez. Alfredo é un tipo traballador, comprometido , solidario con quen padece inxustiza e combativo contra quen a provoca. El é Sindicalista da UTE zonas verdes do Concello de Vigo e foi escollido Secretario Comarcal da federación de Servizos en xuño do ano pasado. A Nova Peneira conversou con el para, entre outras cousas, coñecermos máis sobre o grave conflito laboral que afecta a arredor de 25 persoas, traballadoras do hotel Bahía de Vigo, afectadas pola ameaza de despedimento inminente.

Alfredo Filgueiras Secretario Comarcal da Federación de Servizos da CIG de Vigo.

A CIG está en absoluto desacordo co ERE do Hotel Baía. É innecesario e incomprensible”

Un histórico sindicalista coma ti, sindicalista de combate de rúa e de faixa, como leva a vida de despachos e xuntanzas?

Ha ha ha ha. Sigo sendo un sindicalista de combate, de rúa e de faixa. Ben é certo que a nova responsabilidade, que asumo con orgullo, leva engadido un compoñente institucional ao que non estaba afeito. Pero voume afacendo aos poucos. Iso si, dedicándolle ao sindicato bastante máis tempo do que lle dedicaba antes. A nosa é unha federación que ten que atender a un sector moi precario, con moitos convenios e con moitos contratos a tempo parcial.

Encontrádesvos con moitos casos de persoas contratadas por un número de horas determinadas que non se corresponden coa realidade das que traballan?

Si, sobre todo na hostalaría é un problema moi frecuente. Nós cando detectamos algún caso levámolo á inspección de traballo desde logo.

E a inspección adoita resolver rápido?

Non, non moito.

Por falta de medios ,ou por falta de vontade?

Eu creo que por ambos motivos.

Cales foron os conflitos máis importantes cos que te encontraches unha vez asumida a secretaría comarcal?

O da limpeza dos residuos en Citroën que tivemos unha folga moi importante na empresa que o leva. E logo o conflito do SAF claro, a raíz do vergonzoso preacordo que inicialmente asinaron CCOO e UGT. Esta foi unha loita encomiable e grazas á presión das traballadoras conseguimos que non se asinara ese acordo que contemplaba unha dupla escala salarial inaceptable para a CIG.

Que pasa no hotel Bahía de Vigo?

A día de hoxe( 20 de xaneiro) só tivemos unha xuntanza coa empresa( a tarde seguinte á redacción deste traballo tiveron a segunda). E nesa xuntanza presentáronnos un ERE extintivo para toda a restauración. Este é un comité de 3 persoas e as 3 son da CIG

A cantas persoas afecta?

A 25 persoas de almorzos, cociña e comedor.

Como valora a CIG ese ERE?

Estamos en absoluto desacordo. Parécenos inaceptable e incomprensible. O hotel acaba de ser comprado por unha nova propiedade hai un par de meses. Van renovar toda a fachada e parte do hotel. O negocio é rendible. Eles din que a restauración non. En calquera caso a rendibilidade xeral do hotel compensaría con creces a suposta non rendibilidade da restauración.

Pero se finalmente se executa o ERE que vai pasar co servizo de restauración?

O Hotel non pode prescindir dese servizo. Aos clientes hai que ofrecerlle almorzos , comidas e ceas. Parece evidente que a intención do hotel é despedir ao persoal e externalizar o servizo.

O ERE en que condicións sería?

Con 20 días por ano e un máximo de 12 mensualidades. O tempo medio que levan nese traballo as persoas afectadas está entre 20 e 30 anos. Incluso hai xente que leva máis de 40 anos nese posto de traballo, e agora quérenos despedir nesas condicións¡¡.

É dicir as persoas afectadas xa non son uns nenos , se levan traballando tanto tempo supoño que andarán polos 50 anos?

Si, practicamente todas superan ben os 40 anos de idade.

A empresa imaxino que vos presentaría algún tipo de documentación?

Si, e nós xa a estudamos .A conclusión é que o ERE non se sustenta. Eles queren ampliar as habitacións en dúas das plantas , o que amosa que non hai motivo algún para despedir a ninguén.

Semella que estamos aínda nunha fase inicial deste proceso?

Si, claramente. E a nosa vontade é non aceptalo ERE baixo ningún concepto. Combateremos tanto sindicalmente, na actualidade estamos a concentrarnos todos os días de 12:00 a 13:00 , como xudicialmente se é preciso.

Que impresión tes da actitude da empresa?

Véxoos moi distantes e carentes da máis mínima empatía.