Beade di non á nova estrada

Beade di non á nova estrada

No borrador do novo plan xeral vigués está proxectado un vial que nacería na A55, na parroquia de Bembrive, e morrería na zona franca afectando ás parroquias de Bembrive, Beade e Castrelos. Na parroquia de Beade xerou unha moi forte oposición da súa veciñanza pois eles entenden que a estrada non é necesaria, está a VG20, suporía a expropiación de varias casas, algunhas parcelas coa edificación aínda en construción e a hipoteca acabada de asinar, depreciaría o valor de moitas propiedades que pasarían de estar en solo urbano a estar en solo rústico e afectaría gravemente á inmensa riqueza natural que posúen estas zonas da nosa cidade. Nós conversamos con Ana, a presidenta da plataforma de afectados e afectadas de Beade.

ANA PASCUAL PRESIDENTA DE AVIBE

Esta estrada é innecesaria e de executarse afectaría de maneira moi grave á totalidade das parroquias afectadas”

Fixemos varios intentos para reunirnos co alcalde e coa concelleira de urbanismo e nin sequera nos contestaron”

Que é Avibe Ana?

É unha plataforma de afectados e afectadas polo vial de Beade

Entendo que ti vives en Beade claro?

Si, vivo na zona da Brea

Como naceu a plataforma?

Pois como moitas outras cousas na vida de pura casualidade. Todo comezou cunha conversa informal entre dous veciños que foi a espoleta que levou a que coñeceramos que estaba prevista esta estrada de alta capacidade con catro carrís e que , de executarse, romperá as parroquias de Bembrive, Beade e Castrelos. Eu considero que dunha maneira ou doutra toda a veciñanza desas 3 parroquias vai ser afectada

Cantas persoas compondes a plataforma?

No momento actual 173 persoas e subindo. E se multiplicas polo número de familiares de cada persoa pois moitas máis claro

En que data nacestes?

A finais de novembro do ano pasado. Foi todo moi rápido, tanto é así que o 15 de xaneiro remata o período para podermos presentar alegacións contra este vial

Pero as características da obra proxectada están expostas?

Si, son de acceso público. Se entras na web do Concello e pos Plan Xeral alí xa as encontras , pero é unha información moi difícil de atopar. Alguén que non estea familiarizado con este mundo vai ter moi difícil a interpretación da información que alí encontre. Desde logo a información non é en absoluto accesible para a veciñanza afectada

Houbo algún tipo de comunicación por parte do goberno municipal ás AAVV afectadas?

Si, si que houbo. A concelleira de urbanismo visitou as asociacións de veciños , pero foron visitas ás que non asistiu case ninguén. Eu mesma, que son afectada directa, non tiña nin idea deste asunto. E sendo conservadora podo dicir que a máis do 95% da veciñanza pasáballe o mesmo ca min, non sabía nada

Cres que houbo unha vontade deliberada do Concello de ocultar a información aos veciños e veciñas?

Se non a houbo fixeron moi mal as cousas, porque xa che digo que a práctica totalidade da parroquia descoñecía as intencións de construír esta estrada.

E a oposición?

Quero deixar claro que somos unha plataforma sen ningún tipo de implicación política pero o certo é que os 3 partidos da oposición, os 3 por igual, o PP a Marea de Vigo e o BNG si que fixeron, o que non fixo o goberno municipal, informar aos veciños de que nos van meter un vial .E asegúroche que os hai moi afectados

Por exemplo?

Coñezo os casos de tres familias que aínda teñen as súas casas en construción. Recibiron as licencias de obra a principios do 2.021, contrataron as súas hipotecas e agora, sen ter as casas feitas, vanllas a expropiar

Deuvos tempo a presentar alegacións?

Estamos niso. Temos previsto presentalas a semana próxima , antes de que remate o prazo .Contratamos a uns avogados e a uns arquitectos e están traballando nunha alegación conxunta en nome da plataforma para amosar que este vial non é necesario

Onde nacería e onde morrería o vial?

Nacería na A55, máis ou menos onde está o colexio Mosteiro e remata na estrada Clara Campoamor. Logo nunha segunda parte continuaría ata rematar na zona franca.

Coñeces como se xesta esta idea?

No ano 2018 o equipo redactor do Concello fai un esbozo das necesidades que entende deben de cumprirse no novo plan xeral. Nesta redacción este vial non aparece, si a rolda que quería o concello. Cando o equipo redactor que gaña o plan xeral manda o borrador desaparece a rolda e xa nos encontramos con este vial. O alcalde di que é para o hospital Álvaro Cunqueiro, pero iso non é a realidade. Na páxina 14 do borrador do plan xeral, que é onde aparece, non fala nada do hospital e si de PSA.E por outra banda contemplan unha reserva de solo durante 18 anos

É dicir, sexa cal sexa a resolución deste asunto, ides vivir 18 anos coa espada de Damocles enriba das vosas cabezas?

Si, por desgraza é a realidade. Asemade iso leva a outro problema grave porque o solo se recualifica e moitas parcelas pasan de ser solo urbano a rústico dunha maneira completamente arbitraria , xa que logo as parcelas afectadas perden o 80% do seu valor co que á hora das expropiacións recibirían unha miseria de cartos.

Supoño que intentariades reunirvos co alcalde?

Si, claro

E?

Eu téñolle mandado moitos correos tanto ao alcalde como á concelleira de urbanismo pero de momento ningún dos dous nos contestou. Si tivemos unha xuntanza co xerente de urbanismo e co redactor xefe do plan xeral

Quen solicitou esa reunión?

Nós

En que termos se desenvolveu?

Pois nós fillémoslle unha serie de preguntas técnicas e eu entendo que non souberon nin puideron xustificar a necesidade desta estrada. Por outra parte pregunteille polo estudo técnico que avalase a súa necesidade

E?

Non hai. Tamén lle preguntei polo estudo de impacto ambiental

E?

Non hai. Díxome que era un mero trámite

Así mesmo cho dixo?

Así, tal cal

Esta estrada terá, ti pensas, algún tipo de beneficio para a veciñanza das 3 parroquias afectadas?

Eu non lle vexo ningún, tanto é así que non vai ter accesos para Beade nin Bembrive nin Castrelos. Isto está confirmado pola xerencia de urbanismo. Se o queremos coller teremos que ir á A55 ou á estrada Clara Campoamor

Eu entendo que o percorrido lóxico dos acontecementos vai ser que vós recorrades ante o organismo que proxecta a estrada, o concello, que supoño que vos fará caso omiso e imaxino que teredes que acudir á xustiza ordinaria?

Si, eu coincido contigo en que o que vai acontecer é o que describes. Cando vaiamos á xustiza ordinaria agardo que nos dea a razón porque entendo que a temos. Ese vial non é necesario, xa existe a VG20 que ten un trazado semellante e non é unha estrada cun especial volume de tráfico

O proxecto tería incidencia no patrimonio natural das parroquias afectadas?

E tanto que si. Afectaría aos ríos Eifonso e Barxa .Neste último hai un lirio en perigo de extinción, temos tamén unha parella de aguias que xa levan 4 aniñando e que nestas épocas están ensinando a voar a unha cría que teñen. Temos londras, a Bolboreta colibrí, fontes, lavadoiros, unha mina de auga de máis de 200 anos aínda en funcionamento, un muíño…. Terían que facer un viaduto para salvar o Eifonso, tamén un túnel a 30 metros de profundidade .En definitiva, esta estrada afectaría de maneira moi grave a unha enorme riqueza patrimonial que existe no rural vigués

Xa vos tedes mobilizado verdade?

Si, desde que nos creamos todos os domingos nos mobilizamos dalgunha maneira. E seguiremos facéndoo ata que teñamos unha solución a este problema que afecta tan gravemente ás nosas vidas