A Plataforma denucia “a falta de persoal médico para atender as urxencias no PAC de Marín” que levou “aos pacientes a acudir ao de Bueu ou A Parda en Pontevedra para ser atendidos”

falta de persoal médico para atender as urxencias no PAC de Marín

Sinalan que “hoxe en Marín de 14 medicos só hai 6 pasando consulta” e en Seixo levan “15 días cun único facultativo para 2.200 persoas”

Marín, 7 de xaneiro de 2022.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de denunciar “a falta de persoal médico para atender as urxencias no Pac de Marín” que levou “á derivación de pacientes ao PAC de Bueu ou da Parda en Pontevedra para seren atendidos.”

Os medios publicaron que na fin de semana pasada, o PAC de Marín “non tiña ningún persoal médico” para atender as urxencias, pero dende a Plataforma informan “que isto xa ocorreu o xoves, 29 de decembro de 2021, cun cartaz na porta de urxencias” que informaba que “non dispoñían de médico e debían ir ao Pac de Bueu ou a Parda, en Pontevedra.”

Nese sentido, lembran que “a nosa plataforma alertou dos recortes no Pac e de que a Xunta deixase un só médico nun concello con máis de 24.000 habitantes e cun porto de interese xeral do estado” e denuncian que “cando o médico tiña que saír na ambulancia para atender un domicilio ou accidente, as urxencias do PAC quedaban desatendidas, supoñendo un risco para quen precisaba atención urxente, e de feito moitas persoas acababan indo a Montecelo.” Sinalan que “levamos meses esixindo un segundo equipo médico pero agora ese médico que deixaron está en risco.”

A Plataforma denuncia “que isto é máis grave aínda se lle sumamos os recortes na atención primaria do noso concello” xa que “no Centro de Saúde de Marín hoxe só hai 6 médicos de 14 e, en Seixo, 1 único facultativo para 2200 persoas.” Nese sentido indican que “se non hai posibilidade de ter consulta no centro de saúde porque non hai medic@, se pasa o mesmo nas urxencias do PAC, a xente acaba por ir ás urxencias do Hospital Montecelo que están desbordadas. Ao final quen frega as mans é a sanidade privada. Este é o caldo perfecto para que a xente vaia desesperada a engordar os seus petos por unha atención que deberan ter na pública.”

Dende a Plataforma apuntan “á xerencia de Jose Ramón Gómez e a Consellaría de Sanidade” porque “a súa política é a de non contratar, por iso non se cobren baixas por contaxios de Covid19 ou por outros motivos, permisos ou vacacións. O persoal sanitario leva moitos meses ao límite, non hai previsión nin planificación por parte da Consellaría, e a situación acabamos padecéndoa tanto o persoal como as veciñas e veciños” Dende a Plataforma preguntan “onde está a Alcaldesa de Marín, porque segue empeorando a atención sanitaria no noso concello sen que a alcaldesa sinta nin padeza, a diferenza do que ocorre noutros lugares.”

Por último a Plataforma de Seixo fai “un chamamento a veciñanza de Marín, tanto das parroquias como do casco urbano” para que poñan unha reclamación “se non son atendidos cando o precisan, porque é a maneira de que quede constancia e non se poidan ocultar os recortes.” Do mesmo xeito, sinalan “que a sanidade pública non é un agasallo de nadal, senón un dereito” e convidan “a secundar as protestas previstas para que non se siga xogando coa nosa saúde.”