A Plataforma reclama “contratación de persoal médico, porque esta situación límite non se soluciona só co regreso das mascarillas”
Marín, 30 de decembro de 2023
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo en Marín, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de denunciar “un remate de ano ao borde do colapso no Centro de Saúde de Marín.
A Plataforma sinala que “a semana pasada denunciamos que en Marín, que debiamos ter 4 pediatras, temos dúas menos dende hai tempo porque concursaron para trasladarse a outro lugar, e dúas pediatras asumiron o traballo de catro. Como unha ten que cubrir á outra porque a xerencia non contrata para baixas e vacacións, neste momento, a situación é peor porque dende o 21 de decembro ata o día 8 de xaneiro só hai unha pediatra para atender máis de 3.500 menores, só van atender urxencias e só ata as 14h. A partir desa hora, as familias terán que ir ás urxencias do PAC Marín, a ver se hai médico ou directamente ao Hospital. Isto significa que non haberá citas normais para controis, nin revisións ordinarias das crianzas o que é gravísimo e tamén a saturación nas urxencias pediátricas do Hospital Provincial.”
22 días de agarda en medicina de familia
A Plataforma sinala que “a semana pasada denuciamos que, cando menos, o luns e o venres pola tarde o centro de saúde de Marín non tivo ningún facultativo cando debera haber tres médicos para atender as 4000 persoas de 3 cupos da quenda ordinaria de tarde. A xerencia limitouse a dicir que era porque había 1 médico de baixa, cando sabemos que hai dúas médicas nesta situación e dende hai bastante tempo. No cupo de Dolores Rivas, solicitando a cita o 21 de decembro non ten consulta ata o 11 de xaneiro o que son 22 días de espera. No cupo de Rosario Vidal, solicitado cita o 21 de decembro non ten consulta ata o 4 de xaneiro, 15 días de espera.”
Dende a Plataforma achacan esta situación a que “non se cobren as baixas con persoal, nin tampouco as vacacións dos médicos que non as colleron todas no verán porque faltaba moito persoal. O que fan é prolongarlle a xornada aos médicos que están pola mañá en Marín ou en Seixo, pero non cobren a axenda completa.” Afirman que a situación nos cupos da mañá “non está mellor” e poñen de exemplo o cupo do Dr Bayón “os pacientes non tiveron medico asignado durante 3 anos e solicitando cita o 21 de decembro non tes consulta ata o 4 de xaneiro, 15 días de espera” e preguntan “que lle queda á xente que necesita ser atendida? Ou agardar ou ir a urxencias do PAC de Marín onde debería haber dous médicos a ver se polo menos hai un? E se o hai que non dea feito atendendo urxencias e saídas na ambulancia e os pacientes agarden 4 horas a ser atendidos ou acaben marchando para as urxencias do Hospital Montecelo?
A Plataforma sinala que “a Xunta segue a precarizar un servizo esencial para 24000 persoas.” Afirman que “no medio dun repunte gravísimo de enfermidades respiratorias especialmente de gripe A e Covid non chega só con volver ás mascarillas, a Xunta debe contratar e rectificar os recortes porque está a poñer en risco a nosa saúde.” Ademais sinalan que “é chamativo que dende o goberno municipal da Sr Ramallo sigan calados” e denuncian “a insensibilidade dos responsables políticos porque no Nadal tamén enfermamos e as fotos non melloran a saúde de quen precisa atención, nin salvan vidas nunha urxencia e se non temos a dotación de persoal necesaria, a Alcaldesa debera denuncialo e moverse porque lle afecta á veciñanza do concello que goberna.”
Por último, informan que haberá “novas protestas no 2024, ademais da manifestación convocada por SOS Sanidade para o domingo, 4 de febreiro en Santiago de Compostela” á que van acudir e convidan “a que todo o mundo se sume, a que fagan reclamacións deixando constancia por escrito da situación e a que contacten coa Plataforma para poder seguir a denunciar os recortes publicamente.”