A Plataforma anuncia “novas mobilizacións contra os recortes de persoal médico e asistencia sanitaria” e non descarta a vía xudicial

Mobilizacións Marín

A Plataforma celebrou asembleas esta semana e convoca concentración “diante do Concello, durante o pleno” para o vindeiro xoves 12 de agosto, a partir das 19h.

Marín, 7 de agosto de 2021

Esta semana a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, celebrou asembleas veciñais polas parroquias para informar “dos graves problemas na atención sanitaria á veciñanza previstos para o 15 de agosto polos recortes en persoal médico da Xunta” e, tamén, das mobilizacións “de resposta” que a Plataforma ten previstas.

A Plataforma rexistrou unha moción para ser tratada no próximo Pleno do Concello de Marín do 12 de agosto, para demandar que “o goberno Municipal e a súa Alcaldesa se poñan do lado dos veciños e da sanidade pública, en vez facer seguidismo dos recortes do seu partido” e convocan unha concentración ás portas do Concello a partir das 7 da tarde. Desde a Plataforma sinalan que “en xullo, o goberno municipal de María Ramallo votou en contra da moción da Plataforma que quería facer presión antes de que se producisen os recortes. Agora a situación empeorou no Centro de Saúde de Seixo, os recortes están aí, ao igual que no Centro de Saúde de Marín, polo que non se entende que o goberno municipal siga de costas ás reclamacións veciñais.” 

Dende a Plataforma sinalan “levamos tempo advertindo do que ía pasar. Tanto o Conselleiro, como o xerente e a Alcaldesa tentaron enganar á opinión pública dicindo que o Centro de Saúde non ía pechar e acusaron á Plataforma de mentir. O Conselleiro non aclarou no Parlamento como se ía cubrir a xubilación e as vacacións dos facultativos porque xa tiñan en mente os recortes. Está claro quen mentía e non somos quen estamos defendendo unha atención sanitaria digna.” Nese sentido, engaden “a estratexia do Sergas é ir pechando ou desmantelando Consultorios pequenos para ir concentrando todo nos grandes núcleos, onde tamén hai recortes de persoal. Como o noso Centro de Saúde non poden pechalo ás bravas, queren ir acabando con el pouco a pouco.”

Dende a Plataforma sinalan “faremos todo o que estea na nosa man para parar estes recortes” e non descartan a vía xudicial, así sinalan que “agora, só vai haber 4 horas de médico para un só cupo e o resto do tempo non haberá ningún facultativo, e máis de 1.000 persoas quedarán sen posiblidade de solicitar unha cita.” E engaden “de que serve que deixen o Centro aberto se non vai haber médico que nos atenda cando o precisemos? Como pode ser posible que unha veciña pida cita o 4 de agosto para axustar unha medicación de súa nai maior e lla dean para o 1 de setembro? É este o xeito de garantir a atención sanitaria que anunciou o Conselleiro no Parlamento?”

Dende a Plataforma anuncian que a partir do día 15 de agosto estarán axudando a cubrir as reclamacións que a veciñanza queira presentar polos recortes no persoal e non descartan chegar á vía xudicial se é necesario. Ademais, “facemos un chamamento á veciñanza de Marín” a acudir á Concentración do 12 de agosto diante do Concello, dado que estes recortes “conlevarán maiores problemas no Centro de Saúde de Marín e peor asistencia sanitaria en todo o Concello. Nas parroquias temos claro que non imos agardar a que pase algo grave para saír á rúa e agardamos que a veciñanza do resto do concello nos apoie, porque se trata de defender unha boa sanidade pública para todas e todos.”