O Servizo atención temperá renóvase en Salceda de Caselas e As Neves por dous anos máis

Chove petróleo nos Emiratos Galegos Unidos

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, e o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mantiveron xunto coas concelleiras de Servizos Sociais de ambos concellos, Angela Ledo e Pilar González, unha reunión para renovar o compromiso de prestación conxunta do servizo de atención temperá e avaliar o impacto deste servizo na poboación.

Tanto Xosé Manuel Rodríguez como Verónica Tourón celebraron que a Consellería de Política Social, este pasado mes de xaneiro aprobase a continuidade do financiamento para a prestación deste servizo ata o ano 2024, dándolle estabilidade a este servizo de carácter multidisciplinar.

O gabinete conta cun equipo especializado nos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, que xa atendeu a 111 menores dos cales 82 eran de Salceda de Caselas e 29 de As Neves.

O equipo técnico do gabinete traballa en estreita coordinación co persoal técnico municipal das áreas de educación e servizos sociais, acadando deste xeito unha atención integral ás persoas menores atendidas.

Ambas concelleiras de servizos sociais subliñaron a importancia deste acompañamento no desenrolo persoal e social da poboación infantil. Igualmente destacaron a gratuidade do servizo e a súa calidade o que permite un acceso universal a maioría das familias de ambos concellos.

Verónica Tourón e Xosé Manuel Rodríguez reafirmaron o seu compromiso con este tipo de servizos que melloran a calidade de vida dos nenos e nenas e das súas familias.