O BNG de Mos esixe responsabilidades pola falsa bandeira azul do paseo do Louro

Durante o mes de xullo, o goberno municipal cometeu un fraude ao exhibir un distintivo ambiental que ADEAC non lle concedeu en 2025

Gustavo Barcia insta á alcaldesa a explicar “se non se cumpriron o requirimentos ambientais ou se directamente non se presentou candidatura”

Mos, 4 de agosto de 2025. O BNG de Mos denuncia que o goberno municipal do Partido Popular cometeu un fraude ao exhibir, no paseo fluvial do Louro, unha bandeira de _Sendeiro Azul_ sen ter recibido este recoñecemento en 2025. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, acusa a Nidia Arévalo de “enganar deliberadamente á veciñanza” e cre que a alcaldesa cometeu esta infracción “de maneira consciente e por puro afán propagandístico”.

A bandeira estivo izada nun dos accesos á senda fluvial, na contorna da ponte da Pesqueira, durante o pasado mes de xullo e foi retirada hai apenas uns días sen que se ofrecera ningún tipo de explicación por parte do goberno municipal. Antes de que o distintivo fose retirado, un membro da executiva local do BNG contactou a título particular con ADEAC, dende onde lle confirmaron que o sendeiro mosense non figuraba na listaxe oficial deste ano. Tamén adiantaron que lle ían esixir ao Concello de Mos a retirada inmediata da bandeira.

Gustavo Barcia insta ao goberno municipal a explicar se este ano o Concello non presentou en tempo e forma a candidatura para obter esta distinción ou se, pola contra, si o fixo e non se cumpriron os requirimentos establecidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), a entidade que outorga anualmente este tipo de recoñecementos.

Ao ondear este distintivo sen autorización, o Concello podería estar incorrendo nunha infracción por apropiación indebida dun símbolo rexistrado como marca e podería estar vulnerando tamén a lexislación en materia de Consumo ao inducir a erro ás persoas que acoden atraídas polo reclamo turístico do _Sendeiro Azul_.

Transparencia

As bandeiras outorgadas por ADEAC distinguen itinerarios que conectan ou poñen en valor espazos naturais, destacando pola súa calidade ambiental, mantemento e valor educativo. En 2025, a entidade concedeu este recoñecemento a 154 sendeiros en todo o Estado, quedando fóra tan só tres das candidaturas presentadas. O BNG esixe transparencia ao goberno local para aclarar por que Mos non está entre os municipios acreditados este ano