A Xustiza respalda de novo á Comunidade de Montes de Tameiga

A Xustiza respalda de novo á Comunidade de Montes de Tameiga
  • O Xulgado do contencioso nº2 de Pontevedra acaba de anular a resolución do Concello de Mos mediante a cal Nidia Arévalo obrigou a retirar unha pancarta reivindicativa dunhas instalacións propiedade da Comunidade de Montes de Tameiga, ademais a sentenza ordea a devolución da sanción imposta polo Concello de Mos.  

A Comunidade de Montes de Tameiga denuncia a campaña de acoso e persecución de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos contra todo veciño ou colectivo que exprese o seu rexeitamento contra a expropiación e recalificación do monte comunal de Tameiga para a construción dun Macro Centro Comercial. Pelotazo urbanístico do que a rexidora do Partido Popular é a principal promotora.

Indican que non é o primeiro intento de Nidia Arévalo de calar á veciñanza mediante denuncias ou sancións municipais facendo abuso do poder que lle confire o seu cargo. A Comunidade lembra que todos os veciños e veciñas que foron acusados por elas foron absoltos pola xustiza que desetimou todas e cada unha das acusacións da alcadesa. Anteriormente foi a Xunta Electoral de Tui quen desestimou as denuncias do Partido Popular pretendendo que se obrigar a retirar as pancartas reivindicativas das casas particulares da veciñanza comuneira.

Sinalan que o despotismo da alcaldesa de Mos topou de novo coa reprobación da Xustiza, quen anulou o procedemento de sanción aberto polo Concello de Mos contra a Comunidade de Montes pola colocación dunha pancarta reivindicativa dentro das propias instalacións da comunidade.

Na sentenza, o xulgado nº2, recalca que a actuación municipal promovida por Nidia Arévalo está vulnerando o dereito de liberdade de expresión, intentando acalar os actos de  protesta da veciñanza, facendo un uso arbitrario da súa autoridade como alcaldesa.

“A xustiza está da nosa parte. Non van conseguir amedrentarnos, a veciñanza comuneira seguirá defendendo o monte comunal a pesar da campaña de acoso que sufrimos por parte da alcaldesa de Mos”asegura o novo presidente da Comunidade de Montes de Tameiga, César Lago.