Luciano Otero Portavoz de Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén

Luciano Otero

Pasado o ecuador do mandato achegámonos ata Pazos para conversar con Luciano o líder da oposición ao goberno do popular Andrés Iglesias. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

En máis de 20 anos de alcalde non é posible mencionar unha soa actuación de Andrés Iglesias que mellorase Pazos de maneira substancial”

“Alternativa veciñal vaise presentar ás próximas eleccións con ánimo de gañar, porque o noso pobo non merece un goberno tan malo como o que padece”

Aínda que pareza incríbel o papel político de Eloisa Nogueira empeora ao do propio Severino”

No 2.019 o PP de Pazos conservaba a maioría absoluta de maneira case agónica por moi poucos votos. Pódese dicir que foi unha maioría polos pelos ? ou se cadra foi motivada por outro tipo de razóns?

Vamos ver, eu creo que foi motivada por dúas razóns que sumadas a propiciaron. En primeira lugar habería que falar da fragmentación do voto da oposición en catro listas: a nosa a de Ciudadanos a do PSOE e a do BNG

Ben, eu creo que chamarlle “lista de ciudadanos” á candidatura de Conde é moito dicir?

Foi unha bandeira de comenencia claro. Seguindo coa pregunta anterior fíxate se non foi prexudicial esa división ; o PP tivo 850 votos e a suma das outras catro listas pasou dos 1.100.Só con 25 votos menos non terían a maioría absoluta pois perderían unha acta en favor nosa e a cousa tería sido moi distinta.

Nós consideramos que hai máis de 25 votos dubidosos resultantes de empadroamentos que non nos parecen reais senón fraudulentos. E velaí está a segunda razón que, ao noso xuízo, permitiu que o PP conservase a maioría absoluta ; un suposto, insisto suposto, empadroamento de varias persoas que non residen no concello que se tería feito nos momentos previos ás eleccións

E eses supostos empadroamentos fraudulentos onde se terían feito?

En distintos lugares. Se cadra un dos máis rechamantes é o da residencia da terceira idade de Amoedo .Tamén nos chama a atención que no domicilio de algún destacado político do PP local había 11 persoas empadroadas. E por último creo importante salientar que no 2.018 a media de altas no padrón municipal era de 10/12 ao mes e en 3 días de decembro dese ano déronse de alta 59 persoas

Andrés Iglesias está amortizado como alcalde?

Total e absolutamente, sábeo todo o mundo incluso o PP que está en plena operación relevo. Andrés leva máis de 20 anos como alcalde e non é posible mencionar unha soa actuación súa que mellorase Pazos en algo

Por que dis que “ o PP está en plena operación relevo”?

Dígoo por Eloisa Nogueira que é unha muller con vínculos con Pazos pero que realmente é de fóra que foi concelleira do PP en outra localidade e que ao meu xuízo foi traída conscientemente polo PP para relevar a Andrés.

Eloisa é a que asume o rol protagonista que tiña antes Severino?

Eloisa empeora o papel que tiña Severino, aínda que pareza incrible esa é a realidade. Pero si, é ela a que asume o papel principal do goberno

Por que dis que empeora a Severino?

Unha persoa nova como ela debera ter unha mentalidade aberta e unha posición respectuosa coa democracia e coas institucións. Pero por desgraza é todo o contrario

Algún exemplo?

A nosa moción sobre os vertidos das depuradoras. O goberno vota en contra dicindo que as instalacións están en perfecto estado e que o único que se queixaba era eu. Dicían iso no pleno mentres tiñan unha proposta de sanción de augas de Galicia por un vertido.

De todo o que me dis o que me parece máis grave é o asunto dos presuntos empadroamentos dubidosos. Non pensastes en levalo ao xulgado?

Esa vía non está desbotada. De feito é probable que remate aí. Nós presentamos unha primeira denuncia á fiscalía que constatou a existencia de irregularidades pero acabou arquivando porque entendía que non existía ninguén que se fose beneficiar das mesmas.

Nós discrepamos desa conclusión pero entendemos que a fiscalía deixounos unha porta aberta e non desboto en absoluto que acabemos na vía xudicial

Que nos dis do polígono industrial de Amoedo?

Estaba nunha situación de enorme inseguridade xurídica, bloqueado e nun estado no que non propiciaba que chegaran novas empresas. No momento que no mandato anterior o PP queda en minoría, cando tivo o problema con Lorena, o conxunto da oposición chegamos a un acordo coa comunidade de Montes que se aproba en pleno co voto en contra do PP porque dicía que era ilegal

E vós que fixestes?

Metemos unha cláusula na que se determinaba que o acordo non entraría en vigor ata que a xustiza determinase que era legal, o que finalmente si se produciu anque mentres houbo unha intensa campaña de intoxicación ao respecto do que eles consideraban como un acordo ilegal

O concello perdeu unha importante subvención para renovar o alumeado público?

Si, de 600.000€ unha cantidade moi importante para o noso concello que se perde pola neglixencia do goberno que non contrata as obras a tempo.En Pazos hai unha absoluta falta de xestión e non é algo que digamos nós, que tamén o dicimos, pois o mesmo secretario municipal con ocasión da presentación da liquidación do orzamento o secretario municipal fixo un informe demoledor sobre o nefasto funcionamento do Concello

As portas do Concello están abertas para toda a veciñanza?

Non, só para as persoas que son da corda do PP.

Ben xa falamos do goberno e agora tócavos a vós. Como está a saúde de Alternativa veciñal?

Non podemos obviar que o resultado electoral foi duro para moitos veciños e veciñas e para nós tamén foi moi decepcionante e tamén perigoso pois pode propiciar que se instale na psique colectiva unha sensación de “non hai nada que facer”. Se nin sequera cun goberno nefasto como o que ten pazos, o peor de toda a contorna sen dúbida, as urnas non posibilitan o cambio…..

Pero ben o paso do tempo cura moitas cousas, tamén as decepcións profundas, creo que estamos a facer un bo traballo na oposición e no noso ánimo está demandar con toda humildade a confianza maioritaria da veciñanza porque o noso pobo non merece un goberno tan malo como o que padece. O PP de Pazos é o partido do NON, sistematicamente vota NON a calquera proposta que presentemos nós

Ben supoño que algunha vez votaríanvos a favor dalgunha?

Non, nunca. Incluso chegaron ao absurdo de votar en contra da proposta que presentamos no primeiro pleno que houbo despois do confinamento, unha moción na que non pediamos nada, absolutamente nada, só nos ofreciamos a traballar man con man co goberno para axudar a superar os problemas que puidesen existir derivados de estarmos dous meses confinados. No noso concello o que debería ser normal, unha comunicación fluída entre o goberno e a oposición , non existe en absoluto

E as relacións co resto da oposición como están?

Ben cordiais, tanto cos que están no concello como cos que non están

Conde vai aos plenos?

Si

E fai traballo político?

Se o fai eu non o vexo. Mocións non presenta ningunha, fan algunha pregunta de cando en vez pero nada máis

Se non fose dramático polo que significou, á hora de dificultar as alternativas ao PP, o de C,S ata resultaría gracioso. Eses eran os que viñan a rexenerar a política¡¡

Si, así é. C,S carece de implantación na sociedade, non existe na vida real galega .E o que fixeron para poder presentar candidaturas é” pescar” vellas glorias , aquí pescaron a Conde en Redondela a Paqui Canal…..

Ti apostaches polo espazo das mareas. Ese mundo esvaeceuse todo. O careceres de referente fóra de Pazos non che pode dificultar a presentación dunha candidatura?

Nós nunca estivemos integrados nas mareas. Tivemos diálogo con eles por algún asunto en concreto pero nunca nos integramos. Levamos xa dous procesos electorais facendo política nós sos no noso concello e así temos pensado seguir porque somos unha forza de Pazos, centrada en Pazos.

Ti provés do BNG Luciano. Hai posibilidades de reunificar o nacionalismo en Pazos?

Eu véxoo como algo moi remoto. Para min é unha etapa política que xa rematou