Cousas de Salvaterra de Miño. Augas termáis, Pedra Furada

Posto Carabineiros Pedra Furada
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

“A Toponimia é a división da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe e evolución; é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para referírmonos ao conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto. A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.” Fonte, Wikipedia.

Ven isto o caso xa que danlle en chamar ás coñecidas termas, na actual parroquia de Oleiros, Salvaterra de Miño, “Teáns”. Tal vez sexa así, pero eu todo o que atopei até o momento indícame que deberíanse chamar PEDRA FURADA, como a ferigresía de tal topónimo que no século XVIII¿?, ficou integrada na actual Oleiros. Vexamos:

Na Gaceta de Madrid, xoves 14 de maio de 1885, número 134, publicábase nas páxinas 435 e 436 o seguinte:

Ministerio de Facenda, Real Orde;

Ilmo. Sr.: Vista unha instancia de D. Alejandro Mon y Landa solicitando que se habilite a barca chamada “PEDRA FURADA” para o tráfico da Alfándega de Salvaterra, provincia de Pontevedra, e que se considere como punto avanzado de dita oficina por concorrer nela iguais condicións para o servizo e vixilancia que a barca de Salvaterra, que é a que se utiliza actualmente na Alfándega.

Vistos os informes favorables emitidos polo Delegado de Facenda da provincia, Administrador da Alfándega de Vigo, Xefe da Comandancia de Carabineiros e Xunta de Agricultura, Industria e Comercio:

Considerando que a índole da concesión non permite que redunde en prexuízo dós intereses da Facenda e que non esixe aumento no persoal administrativo, nin no da forza do resgardo;

S. M. o Rei (q. D. g.), conformándose có proposto por V. I., resolveu que se habilite a barca denominada “PEDRA FURADA” para o tráfico da Alfándega de Salvaterra, e que se considere punto avanzado de dita oficina; debendo ficar dita barca en iguais condicións e coas mesmas facultades que a chamada de Salvaterra, que é a que hasta agora se utiliza exclusivamente para o servizo da Alfándega.

De real orde dígoo a V. I. para os efectos correspondentes. Deus garde a V. I. moitos anos. Madrid 23 de Abril de 1885. *

COS-GAYÓN

Sr. Director Xeral de Alfándegas.

*Sendo Presidente do Consello de Ministros Don Antonio Cánovas del Castillo, quen visitou Salvaterra e Monção o 18 de agosto de 1884, sen dúbida influenciado pola súa amizade con D. Alejandro Mon y Landa. Do libro, Memorias de Monção, Ernesto Portugués, Cámara Municipal de Monção, 2010.

Outra o sur do río grande:

“Na manhá do día 23 de dezembro de 1909 houve uma cheia tam grande que entrou pelas portas das Caldas cobrindo a casa em que vivía o Joaquím Mendonça e chegou as casas de João Barros Gomes ao ir para as Caldas cobrindo-lhe toda a propriedade e a cazeta dos guardas de PEDRA FURADA quase lhe cobriu o cume do telhado, todos os campos das Caldas estevem cobertos com grande altura de agoa, a cazeta dos guardas de Salvaterra, que era de pasta, foi completamente destruida pela cheia que outra igual não acorda aos nascidos fazendo uma razia nas vinhas e árvores da margen do río.”

Cadernos de contas dun barbeiro, Memorias de Monção, Ernesto Portugués, C.M.M., 2010

Como había que repoñer o posto dós Carabineiros, aparece no Diario Oficial do Ministerio da Guerra nº 206, data 21 de setembro de 1910, o que sigue:

Excmo. Sr.: O Rei (q. D. g.) tivo a ben aprobar o proxecto de construción dun garitón * de madeira para a forza de Carabineiros do posto de PEDRA FURADA (Salvaterra), que V. E. remitiu a este Ministerio co seu escrito de 31 de maio último, e dispor que as 1650 pesetas a que ascende o orzamento, satisfáganse cós fondos de que dispón o Ministerio de Facenda para estas atencións.

De real orde dígoo a V. E. para o seu coñecemento e demais efectos. Deus garde a V. E. moitos anos. Madrid 19 de setembro de 1910.

AZNAR

Sr. Capitán xeral da oitava rexión e Sr. Director xeral de Carabineiros.

(Por certo que o mesto exactamente acontecera có posto de Carabineiros de Caldelas, mesmo orzamento e mesma data).

*(Acompáñase fotografía de dito garitón a este traballo, xentileza do seu depositario D. Miguel Mon. Arquivo da casa de Teáns, Oleiros, Salvaterra de Miño).

Pero por si isto fora pouco, transcribo esta acta interesantísima do Goberno Municipal de Salvaterra de Miño da época:

“Augas termáis: A proposta do Concelleiro Sr. Antonio Varela, proponse que pola Alcaldía se denuncien os xacementos dás augas termais que xorden en “PEDRA FURADA” de Oleiros e que se veñen explotando sen autorización polos veciños de dita parroquia de Oleiros, Bonifacio Rivas e Rosa Abril e que polo Sr. Inspector e Farmacéutico se remita informe en unión do de Sanidade, sobre as condicións de ditas augas hixiénicas e medicinais.”

Posto de Carabineiros de Pedra Furada. Xentileza de D. Miguel Mon. Arquivo casa de Teáns

Sesión Plenaria do 09 de outubro de 1932.

Sinando o Alcalde, Manuel Mariño Méndez e os Concelleiros, Manuel Rodríguez Alonso, Antonio Varela, Avelino Vidal, Antonio Díaz Groba, Angel López Aldir, Jesús Pino, Abundio Ledo, Higinio Presa, Antonio Araujo e Segundo Bouza.Secretario, Angel Hermida.”

Bastante coñecida é a fotografía da barca do Acuña e outra máis o sur do río grande, onde poden verse tres gardiñas, unha señora, e máis atrás outro barco con xente, esta foto está coroada pola lenda “PEDRA FURADA”. Practicamente descoñecida é outra foto moi similar no mesmo lugar, onde poden verse varios infantes ben fateados. Existen asemade algún gravado e varias fotos máis de barcos pasando xente por ese lugar.

Coa información precedente espero contribuír a clarexar, ou non, cal debe ser o nome do lugar onde se sitúan as termas en cuestión, que non pode ser outro que PEDRA FURADA. En calquera caso, fica aberta a posibilidade que un estudo en fondura do asunto aporte no futuro máis precisión micro toponímica.

Antón “Xaque”, Salvaterra 11 de outubro de 2021