E ao final….. montouse un cristo…

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta PP A Cañiza

Unha lexislatura máis ven de se estrear, a primeira renovación do presidente Rueda e dos seus conselleiros. E na paralela, un panorama político xeral, que cada día nos anuncia unha morea de novas, que non sempre son todo o boas que nos gustaría. Pero vamos tragando. Que remedio!

Estamos tan afeitos a que iso ocorra, que non somos realmente conscientes do lugar no que vivimos e de que os que nos gobernan aquí, están contendo moitas das salpicaduras dos balbucidos obscenos das altas esferas, ou como o acuñan algúns, “goberno Frankenstein”.

Ao cidadán de a pé, o único que nos importa é que non nos toquen moito no peto, que nos operen nun hospital ben dotado e que non nos pasen a factura ao volver para a casa, que nos deixen vivir tranquilos sen que ninguén se meta co que pensamos ou coa nosa forma de ver a vida. O resto danos un pouco igual, pero só porque vivimos nun territorio onde todo isto é posible, coa súa marxe de mellora, pero é posible.

Por iso, creo que é o seu recoñecer o valor da palabra dada, e ter presente que as promesas da pasada campaña electoral, xa se empezan a materializar. Aínda coa tinta fresca da firma da investidura.

Mentres noutros territorios seguen cobrando soldos sen ter nin tan sequera uns presupostos aprobados, mentres xogan ao “monopoly” cos votos (sete concretamente), mentres interpretan a constitución e as leis en función do que lles conveña ese día, por aquí andamos algo máis tranquilos.

Isto aínda acada de comenzar, e é certo que a cousa non é como empeza senón como remata, e dentro de outros catro anos haberá que facer balance e por nota, pero un bo arranque sempre deixa espazo para a esperanza e a ilusión.

Pero como non podía ser menos, este paraugas de tranquilidade e normalidade, tiña que ter algún burato e non hai máis que volver a vista cara aqueles lugares onde segue gobernando a contra. Mentres uns tiran polo carro para tentar levalo adiante, outros deixan morrer todo ao seu redor.

No noso Concello, o da Cañiza, o alcalde está tan atarefado coas súas leas de xulgados e egos mal xestionados, que aos veciños tenos relegados descaradamente a un terceiro plano, privándoos hasta do entroido e deixando o traballo da xente colgado.

Pero ben, que non se preocupen, que dentro de nada volverán os do Balonmán para poñer ao Concello na primeira páxina do xornal co carnaval de verán e xa terá tempo o alcalde de sacar a foto debaixo dunha nova careta, presumindo de vila a costa do traballo dos demais.

Levamos unha boa racha, a verdade: nin San Xoán, nin magosto, os Reis Magos veñen o día catro en lugar do cinco, sen Entroido, sen Petelo, e agora, segundo as últimas novas, tamén sen Festa do Cristo.

Entendo que o alcalde non estea para festas (co panorama que ten), pero os veciños non temos culpa, ni que pagar polas tolemias dos demais.

Aínda que non podemos queixarnos moito, porque en realidade ese sempre foi a súa queixa: que na vila se facían moitas festas. Como se iso fose algo negativo e non dinamizase a vila! Agora xa non se fai ningunha. Promesa electoral cumprida!

Os veciños que vaian aos concellos da contorna que alí serán benvidos! Eles e os seus euros!

Esperemos que os dispendis do goberno, non impidan mercar os xamóns para o 15 de agosto, porque a este paso, quedamos sen Festa do Xamón!