Rita Pérez Táboas, Concelleira de cultura de Redondela

Rita Pérez Táboas, Concelleira de cultura de Redondela

Natural de Cesantes , Rita é a concelleira responsable de organizar a festa do Choco. Ela é unha moza que defende con moita paixón as súas ideas e o traballo do goberno municipal do que forma parte. Conversamos con Rita para coñecermos como se presenta a 37º edición dunha das festas más importantes de Redondela.

A festa do Choco contribúe decisivamente a levar a Redondela a todos os currunchos do mundo”

Como foi o paso de secretaria da alcaldesa á concellería de cultura?

A diferenza é notable. Son postos moi distintos, ambos con moita responsabilidade pero con enfoques e organización do traballo moi diversos.

Redondela ten un tecido cultural moi amplo. Que supón no teu traballo como concelleira de cultura?

Primeiro como veciña de Redondela un orgullo enorme, desde logo. Dá gusto ser concelleira de cultura dunha vila cuxa sociedade civil amosa tanto interese pola cultura. Por outra parte que haxa tanto colectivo organizando cousas, todas de grande calidade e algunhas con moito tempo de vida, facilita moito o traballo pero tamén supón unha enorme responsabilidade para min, que intento estar á altura do que Redondela merece.

Fainos unha valoración de como está indo o goberno?

Para min ser concelleira de Redondela é unha honra inmensa , supón ter recibido un caudal de confianza tan grande que non sei se poderei devolver. Pero iso non quere difícil que sexa fácil. Están sendo uns meses duros de moito traballo, con pouco persoal e cunha situación aritmética no goberno, 8 de 21, que fai moi difícil o día a día. Ás veces Marcos son ás 11 da noite e aínda estou traballando. E non me estou queixando, que quede claro. Estar na política non é obrigatorio e son consciente de que o servizo público esixe sacrificio e compromiso.

E a vida persoal?

Non é fácil conciliar, non. A verdade é que é sumamente difícil, e para unha muller, por desgraza, éo moito máis aínda.

Se o traballo en xeral é duro, este mes de abril para ti ha de ser demoledor?

Este é un mes fermoso, intenso pero tamén moi duro si: Arte Lixo, Millo Verde,Maios, Choco, Coca, Monicreques…….Temos dous meses terriblemente cargados de actos, que como sempre faremos con toneladas de ilusión tratando de que saian o mellor posible para o goce de toda a nosa veciñanza e dos milleiros de persoas que se van achegar a Redondela a compartir estes eventos con nós. Aproveito a pregunta para agradecer de novo o traballo do océano de persoas que integran os colectivos culturais de Redondela. Sen eles, sen a forza a ilusión e a paixón da sociedade civil do noso pobo organizada, nada disto sería posible.

E cal é a túa opinión sobre o feito de que en Redondela se coloquen as lastras para honrar a memoria dos noso veciños que sufriron o terror nazi?

Non é porque esteas ti diante, Marcos, pero é un mérito superlativo do Colectivo Republicano de Redondela. Para min como muller militante da esquerda política é un orgullo constatar como o noso concello aposta sen matices pola memoria histórica. E para calquera persoa que teña un mínimo de sensibilidade cara ao sufrimento de outros debera de ser un orgullo tamén.

Que significa para ti a festa do Choco?

Eu son neta dun mariñeiro e para min, xa desde nena, a festa do Choco é parte da nosa esencia. A festa do Choco contribúe decisivamente a levar a Redondela a todos os currunchos do mundo. Non hai choco no mundo como o de Redondela e por iso, como seguro saben todos os lectores e lectoras, temos a marca propia de Choco de Redondela.

Como se presenta a festa deste ano?

Teremos a tradicional carpa de degustación onde estarán os restaurantes de Redondela e tamén algún de fóra. Poderemos gozar dos típicos chocos cociñados de maneira tradicional e tamén haberá receitas innovadoras. Por suposto tamén estarán as panaderías coas marabillosas empanadas de choco. E haberá unhas espectaculares verbenas con orquestras tan importantes como O Combo Dominicano ou Gran Parada. O pregoeiro será o cómico e músico Rafa Durán.

Esta é a trixésimo sétima edición da festa. Cres que aínda é necesario a súa promoción? Ou xa é unha festa dabondo coñecida?

O Choco está xa inserido na psique colectiva como parte da identidade de Redondela, iso non é discutible. Pero é responsabilidade de calquera administración municipal responsable, e asegúroche que o noso goberno é moi responsable,dar o mellor de nós mesmos para que a festa saia o mellor posible. Esta é a miña vontade, esta é a vontade da alcaldesa de Redondela e de todo o goberno en pleno.