A agrupación de electores de Redondela ven sendo, desde o 2011, un actor enormemente relevante na vida política local, de feito a aritmética municipal, sempre tan caprichosa, púxolles nos tres últimos mandatos na tesitura de decidiren cos seus votos quen sería o alcalde ou alcaldesa da vila dos viadutos. A piques dun novo proceso electoral conversamos de novo con eles , e como sempre foi unha conversa moi interesante e cargada de contido. Falamos con Roberto Villar, Daniel Boullosa, Xosé Manuel Vila e Cuni Orge . Velaí vai
“ Se o PSOE presenta outro candidato ou candidata, chegado o caso , podería ter o apoio de AER. Se presenta a Digna Rivas AER vaise votar a si mesma, e o PSOE sería o único responsable da posible volta de Javier Bas á alcaldía”
AER naceu no ano 2011, canto tempo levades vós facendo política na agrupación de electores?
Das 4 persoas que estamos aquí : Roberto comezou no ano 2014, Daniel no 2016 e os dous restantes comezamos no 2018
Supoño que entrariades en AER porque vos seduciu a súa mensaxe rexeneradora e as súas proclamas de facer política pensando exclusivamente no ben común de Redondela sen ter en conta ningún tipo de interese partidario supra municipal. Que quedou de todo aquilo?
A esencia e a mesma .Poden mudar as persoas pero a vontade é de facer política da mesma maneira que describes. O paso do tempo o que fixo foi enriquecernos,especialmente coa nosa experiencia de goberno. Agora sabemos como funciona a administración e que non todos os cambios poden ser tan rápidos como a nós nos gustaría. A esencia de AER está na antítese do personalismo. Aínda que muden as caras o que é realmente importante é o colectivo.
Podedes dicir con rotundidade que a esencia de AER 2023 é a mesma cá de AER 2011?
Nós que estamos dentro dicimos con rotundidade que si. Nas asembleas só se fala de Redondela, e poderemos acertar ou non pero todo se debate e todo se decide de maneira escrupulosamente democrática, pensando só no ben común de Redondela.
É Digna Rivas a “ peor alcaldesa da historia de Redondela”?
Alcaldesas só houbo unha e nesa expresión están incluídos tamén os alcaldes. De todos os que coñecemos nós Digna é a peor sen dúbida. Esta é unha valoración política, non persoal, que quede claro. Pero no que se refire á súa xestión Digna é a peor.
É peor que Javier Bas?
Javier Bas ten moita más capacidade política que Digna Rivas. A distancia entre ambos é sideral. Asemade ela é moi botada para adiante e non mide as consecuencias. O exemplo máis claro é a ruptura do pacto de goberno. A metade de mandato quedaron con 7 concelleiros o que para un concello como Redondela é unha barbaridade.
Cal é a valoración dos dous anos vosos no goberno?
Serviunos de aprendizaxe. Decatámonos do lento que van os procedementos administrativos e do difícil que é ter iniciativa e facer cousas. O máis doado sería estar e non facer nada. Nós optamos polo camiño difícil, rompernos a cabeza e tratar de facer cousas revolucionarias para intentar conseguir resultados.
Que intentou AER facer “ revolucionario” nos dous anos que estivo no goberno?
Dicir sempre a verdade. E non tratar de facer promesas que non fosen posible cumprir. Tratar de atender a todos por igual sen considerar as súas simpatías ou antipatías políticas. Arranxar os problemas en base a criterios técnicos e non de interese político. Así o trataron de facer cada día os nosos concelleiros e como exemplo podemos amosar a firmeza que sempre amosou Roberto.
A que vos referides, ao asunto das algas?
Non me gustaría meternos en fonduras no que a ese asunto se refire– di Roberto- Ese tema foi o detonante da ruptura do goberno e non foi máis ca un capricho da alcaldesa. A miña concellería só estaba aplicando a normativa. A directiva Habitat que é unha norma europea. A alcaldesa tirou polo populismo.
Non entendo iso de que “ tirou polo populismo”?
Iso é unha máxima da política desta alcaldesa. Á mínima crítica da veciñanza que se lle ven enriba, recúa ou muda de criterio.
Xa tedes máis ou menos artellada a lista que ides presentar no 2023?
Non. Faremos o de sempre. Será un exercicio escrupulosamente democrático de decisión colectiva.
Con que expectativas e perspectivas ides presentarvos desta volta?
As mesmas de sempre: darlle voz ás veciñas e veciños de Redondela descontentas coas forzas políticas tradicionais. Nós estaremos onde a veciñanza queira colocarnos. O que nos gustaría deixar claro é que os homes e mulleres de AER non estamos na política para buscar un posto de traballo e gañarnos a vida con el. Facer da política unha profesión pervértea, e nós estamos nas antípodas dese modus operandi.
Despois de rachar o bipartito propuxestes ao PP facerdes unha moción de censura a Digna Rivas?
Si, démoslle uns meses ao novo goberno para ver como o facía. Xa vimos que era un desastre e por responsabilidade si, si que llo propuxemos.
E cal foi a contestación do PP?
Dixéronnos algo así como que as mocións traíanlle malos recordos. Nós só podemos especular sobre cal foi o motivo real que lles levou a non aceptar, pero entendemos que valoraron que se a aceptaban a alcaldesa tería que ser Carmen Amoedo, e claro iso dificultaría a volta de Javier Bas.
Ah si. Entón vós entendedes que esa puido ser a razón que levou ao PP a non aceptar a vosa proposta de moción de censura?
Si, entendemos que Javier Bas vetou a Carmen Amoedo.
No suposto, perfectamente verosímil, de que a aritmética municipal sitúe novamente a AER na posición chave de que os vosos votos decidan quen vai ser o alcalde ou alcaldesa , que ides facer?
Se antes non queriamos que Javier Bas sexa o alcalde agora moito menos. Pero tampouco queremos que siga Digna Rivas.
Xa , pero unha terceira opción non a vexo posible, polo tanto se se dese esa hipótese que fariades?
Proporiámoslle ao PSOE que presentase a outro candidato ou candidata, a calquera ,nós non temos problema con ninguén. E se fose así apoiariamos ao candidato do PSOE. No caso de que a candidata sexa Digna Rivas AER vótase a si mesma, e o partido socialista sería o único responsable da volta de Javier Bas á alcaldía de Redondela.
Así de claro?
Así de claro. Digna Rivas non está preparada para ser alcaldesa de Redondela. O seu despacho é unha ditadura: cara amable para fóra e puño de ferro para dentro.
Por exemplo?
Os casos de Marta Alonso e de Leonardo aos que a alcaldesa lles cortou a cabeza. Nós cremos que Carmela Silva ten motivos para estar preocupada por Redondela. Isto é un desastre e non vaia ser que o seu resultado lle dea un susto na Deputación.
Rematamos; que pode encontrar un veciño ou veciña de Redondela en AER?
Unha forma de traballar radicalmente democrática nas antípodas da tradicional política clientelar. Nós presentámonos para facer política no sentido estrito do que debe ser a política: a defensa do colectivo e do ben común.