Nas municipais do 23 o PSOE recuperou a representación institucional no concello de Pazos de Borbén, na persoa de Anselmo Táboas. Aínda que non é oficial , parece máis que evidente que volverá repetir e será novamente o candidato dos socialistas de Pazos. Nós falamos con el. Na conversa, amosouse esperanzado de que o seu traballo nestes catro anos permita que os socialistas de Pazos suban representación nas municipais do ano próximo.
“O noso é un proxecto a longo prazo. Queremos consolidar a agrupación socialista de Pazos, para no futuro ter opcións realistas de acadar a alcaldía”
Anselmo vas ser o candidato do PSOE á alcaldía de Pazos nas vindeiras eleccións municipais do 2027?
Imos facer a asemblea para decidir a candidatura este mes ou, como moi tarde, a principios do seguinte. Serán os compañeiros e compañeiras, na asemblea, os que teñan que decidilo.
E se se dá o caso de que os compañeiros e compañeiras depositen en ti a súa confianza, a túa disposición é positiva?
Si. Eu quero ser o candidato.
Que valoración fas do goberno de Luciano Otero neste período?
Prometeunos uns cambios que non fixo, e a forma de traballar do concello é igual que a que tiña o PP, con favoritismos.
Non mudou a forma de traballar do anterior alcalde. En decembro do 23 firmamos un acordo para cambiar esta maneira de traballar e non o cumpriu. Non fixo nada relevante tampouco, e só deu continuidade ao que xa estaba.
Acabou o contrato do lixo e soliciteille por escrito unha valoración para avaliar o custo de remunipalizar o servizo ou contratar cunha empresa privada. A día de hoxe non temos valoración algunha.
Ao teu xuízo mon mellorou nada o modus operandi do novo goberno en relación co anterior do alcalde Andrés Iglesias?
Nada, segue sendo un goberno de amiguismos e favoritismos.
Por exemplo, ten un asesor de comunicación que non é tal. E está subministrando a roupa dos operarios e máis material sen ningún tipo de contrato. Factura mes a mes e pacta de palabra co alcalde.
Este asesor xa traballara antes co concello?
Non. Comezou con Luciano.
O servizo de recollida de lixo mellorou?
Si, pero non se sabe o custo real do servizo.
Entón este goberno tamén ten problemas de transparencia?
Si, nós temos solicitado documentación desde hai meses polo arranxo do concello a consecuencia do temporal Martiño e non nos dá acceso.
Cal é a túa valoración da acción política do goberno local sobre a estrada de Nespereira?
Debería de chegar a acordos coa Deputación en vez de andar con enfrontamentos. Eu creo que aquí hai dúas cuestións:Por unha banda a vontade da DEPO de atrasar o asunto, e pola outra a nula capacidade do goberno municipal para acadar consensos con ninguén.
Cres que a deputación ten parada a obra porque Pazos non está gobernada polo PP?
Si, claramente.
Cres que se en Pazos gobernara o PP as obras irían con maior axilidade?
Probablemente. Máis adiante, na Arrufana, (concello de Mos) hai unha estrada provincial onde se está facendo a mesma intervención e se vai empezar xa. A Deputación traballa dunha maneira cos concellos de PP e cos que non son afíns, traballan de outra.
Como valoras o estado do polígono de Amoedo ?
Está mal. É unha situación que vén de atrás, mal feita polo PP. O polígono desenvolveuse sobre terreos que inicialmente non estaban consolidados como terreos industriais, e houbo que ir facendo diferentes actuacións para poder desenvolvelo como polígono.
Tamén existe un convenio coas comunidades de montes relacionado coas instalacións realizadas por parte do concello, págaselle cada tres meses unha cantidade dos alugueiros que se lles cobra ás empresas. O problema é que, desde que entrou o actual goberno, esas cantidades que debían pagarse ás comunidades de montes non se foron aboando e agora Luciano reclama ás comunidades toda esa cantidade acumulada, nun só pago.
Isto supón un problema importante, porque estamos falando de cantidades que afectan directamente aos veciños comuneiros. Ademais, hai cuestións pendentes relacionadas coa documentación do polígono no plan parcial para consolidalo como definitivo, pero aínda faltan infraestruturas.
Cal sería para ti a solución?
Tería que buscarse unha solución que permitise afrontar esa situación sen poñer nunha situación de dificultade económica ás comunidades de montes nin ao propio concello. Podería pasar por chegar a acordos coas empresas e buscar algún tipo de financiamento que permita resolver o problema.
Outro dos asuntos que xerou polémica foi o topónimo de Moscoso – Moscoxo. Cal é a túa opinión?
Semella que os filólogos defenden a forma Moscoxo como correcta.Pero tamén considero importante escoitar os veciños. Para min, a opinión maioritaria da veciñanza debería ser tida en conta. Eu faría unha consulta popular para saber que quere a maioría.
Se falamos xa das eleccións municipais, que expectativas realistas tes?
O obxectivo é mellorar os resultados que tivemos no 2023.Penso que fixemos un traballo importante que nos avala. O noso é un proxecto pensado a longo prazo que ten como obxectivo a consolidación dunha agrupación socialista potente en Pazos, que no futuro nos permita ter opcións realistas de acadar a alcaldía.
Presentamos 24 mocións. O 90% delas foron aprobadas, pero ningunha delas foi executada. Ese é un dos problemas que vemos: presentar iniciativas, conseguir que se aproben e que despois non se leven á práctica.
Por que cres que non se executaron estas propostas?
Non o sei. Iso habería que preguntarllo a quen ten a responsabilidade de executalas. Pode haber diferentes motivos, pero non podo dicir cal é a razón.
O que si se ve é que existe unha confrontación constante. Hai confrontación cos diferentes grupos políticos, coa Deputación, co PP, co BNG e tamén co PSOE que somos quen o apoiamos para estar de alcalde. Nós entendemos que se poden facer as preguntas, fiscalizar e defender as nosas propostas sen que iso teña que impedir chegar a acordos cando sexa necesario.
A situación que resulte despois das eleccións do 27 só ten dúas saídas realistas: Ou o PP recupera a maioría absoluta, véxoo pouco probable, ou é necesario un novo pacto entre as forzas de esquerdas. Cal é a túa disposición se se dese esta última hipótese?
Un pacto coma este non se daría. A única opción que contemplaría o PSOE de Pazos para facer de novo alcalde a Luciano sería entrando no goberno.
E se tivésedes a posibilidade de gobernar, como sería Anselmo Táboas como alcalde de Pazos?
Cambiaría bastante a forma de gobernar e, sobre todo, a relación cos veciños. A prioridade sería gobernar sen depender de favores. O alcalde debe intentar facer as cousas pensando nos veciños e non nos favores.
E despois hai cuestións moi concretas que consideramos prioritarias. Unha delas é o transporte público. É unha cuestión que xa foi obxecto dunha moción aprobada e que consideramos que debe ser atendida.


