No ano 1976, publicado pola editorial Rompente, vía a luz un dos libros máis importantes e de maior calidade de toda a historia da literatura galega. É o libro de poesía “ Con pólvora e magnolias”, de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Esta obra significou un cambio importante no camiño da poesía galega,pois supuxo o redescubrimento das posibilidades estéticas da linguaxe, e dos seus recursos formais e conceptuais. Con pólvora e magnolias é un libro profundamente culto que non renuncia en ningún momento á denuncia social, á protesta é á reivindicación política.

O título da obra reflicte a realidade da mesma: A pólvora é símbolo do valor do revolucionario, da protesta ante a inxustiza, da necesidade de facerlle fronte aos abusos e a calquera tipo de opresión. Pola contra as magnolias son o íntimo, o lirismo e o amor.

As formas estéticas da obra son vangardistas, moi elaboradas formalmente. Pero a denuncia social da inxustiza non desaparece en ningún momento, porque Ferrín sempre foi un escritor dos que toman partido, dos que toman partido ata mancharse.

Medio século despois “ Con pólvora e magnolias” segue a lerse igual que cando se escribiu, e que se lerá dentro de dous e tres séculos, porque esta é unha obra que se converterá nun clásico da literatura universal pois a opresión, a inxustiza e a explotación do home polo home existiron no pasado, existen no presente e existirán no futuro mentres non desapareza o capitalismo.

O pasado 8 de outubro, por mor do aniversario da publicación do libro, celebrouse no salón de actos do instituto Santa Irene de Vigo unha homenaxe ao Ferrín. O sitio elixido para desenvolver un acto ao que tiven ocasión de asistir, e que foi realmente precioso, non puido ser máis adecuado, xa que nese instituto desenvolveu durante décadas o autor o seu traballo como profesor de literatura.

O acto de homenaxe foi organizado pola asociación “Memoria, Verdade e Xustiza” e estivo presentado pola alma mater dese colectivo, o noso prezado e respectado amigo, Xavier Moreda. Abriuse cunhas palabras de sentida homenaxe a Xose Manuel Beiras, pois a celebración coincidiu co día no que finara o histórico líder no nacionalismo galego.

O evento contou coa intervención de distintas persoas que recitaron poemas de Ferrín, e glosaron a súa figura a través do repaso á súa traxectoria vital, política e literaria.

Entre as distintas intervencións gustaríame salientar as de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, pois este home é un auténtico espectáculo recitando poesía, e a do escritor vigués Xurxo Martínez que fixo un discurso especialmente brillante, de alto valor poético, no que desenvolveu un repaso pola historia persoal de Méndez Ferrín.

O acto pechouse coa actuación musical do Guardés Tino Baz, que como fai sempre, logrou emocionar a todas as persoas que tivemos a sorte de escoitalo.

Dentro de 50 anos, cando “ Con pólvora e magnolias” cumpra o seu primeiro século de vida, nós xa non estaremos aquí, pero teño a certeza de que haberá outros e outras que sigan reclamando a liberdade para o noso pobo.