A cantidade de mortos, os moitos feridos e os doentes foron a causa de diminuír moito o exército, mandou entón El Rey D. Felipe reforzalo con novas levas recuperando así dous Tercios que se formaron.

Na Praza era maior o perigo e o traballo, porque os mortos e feridos eran moitos e as doenzas grandes, as subministracións tan poucas que o Gobernador mandou cortar a ración, pero como a necesidade facilita imposibles, o vinte cinco de Novembro saíu da Praza un axudante con vinte soldados pola parte do corredor, que levaba ó Forte de riba da fonte, por ter visto que naquel lugar pastaba algún gando, que servía no tren de artillería. Capturaron oito bois, dous cabalos e tres prisioneiros que conduciron a presa até a Praza, cubertos pola artillería e a mosquetería.

Polos prisioneiros soubo Lourenço de Amorim, que no corredor que levaba o Fortin de S. Francisco, non se traballaba pola grande aspereza do terreo, e que no tempo que persistiron nel perderan os inimigos cantidade de soldados e deron tamén outras noticias mui útiles a os sitiados.

Morreu nese tempo o Capitán Mor de Monção, Felis Pereyra de Castro, do gran traballo e moito cansazo que tiña padecido. Foi elixido no seu lugar, Francisco da Cunha da Silva, e noutros postos que ficaron libres, proveeu Lourenço de Amorím en persoas destacadas. Considerando que os doentes e feridos eran unha gran carga que tan solo gastaban provisións, embarcaron a setenta e lanzáronos polo río abaixo, esperando foran socorridos noutros lugares, pero foron detectados e dende o Forte de Aytona, acudiron rápido uns soldados de Infantería ate preto do embarcadoiro, e a mosquetazos obrigaron a os miserables enfermos a recollérense en Salvaterra onde todos acabaron lastimosamente a vida.

Nos carreiros que conducían o Forte, enriba da fonte, traballaban os inimigos na construción dunha mina que unha vez acabada, debaixo dun ángulo do baluarte, se esperaba abrira unha brecha por onde acceder o interior do recinto. Previdos os Tercios para o asalto polo Mestre de Campo Xeral, montada a cabalería, polas once horas do día déuselle lume a mina que abriu unha brecha que facilitou o asalto que se produciu con moito ímpeto e valor. O primeiro que acudiu a defender a brecha foi o Capitán Francisco de Castro de Araujo, que mandaba aquel Forte, seguido do Capitán Francisco Soares Malheyro e do Alférez Domingos Nogueyra. Acudiu por outra parte o Capitán Francisco de Sousa de Lucena e os Alféreces Roque Gonçalvez e Matheus Alvares Galè, que axudados de outros Oficiais e soldados detiveron valerosamente o ímpeto con que os inimigos intentaban conseguir o asalto.