A piques de rematarmos o actual mandato, achegámonos ata o concello de Redondela para conversar coa súa alcaldesa, a socialista Digna Rivas, e coñecer a súa valoración sobre como foi esta etapa de goberno, novamente en minoría, as cuestións máis importantes que atinxen á nosa vila así como as súas expectativas para os últimos meses de mandato. Digna amosouse orgullosa do traballo do seu goberno, esperanzada en que a maioría social do pobo de Redondela o valorase de maneira positiva, e moi decepcionada cunha oposición que, ao seu xuízo, non fixo outra cousa que pór paus nas rodas. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ Estou orgullosa de ser unha alcaldesa do rural de Redondela, socialista e cunha profunda sensibilidade social “
Estamos na fase final do mandato, Digna. Como está a alcaldesa de Redondela?
Con moita forza, ánimo e ilusión. Para min servir ao pobo de Redondela é unha inmensa honra, que deixa unha pegada imborrable na miña alma . Nunca poderei agradecer o suficiente a confianza das miñas veciñas e dos meus veciños. Agardo poder estar á altura cada día, todos e cada un dos días.
Estás pensando xa nas eleccións de maio?
Non. Estou tratando de acabar o mandato o mellor posible, deixando encamiñados os importantes proxectos para Redondela que temos entre mans.
Non podo deixar de preguntarche pola túa opinión do adianto das xerais para o 29 de novembro deste ano?
Considero que é unha decisión acertada. Teño a convicción de que en España somos moitas máis as persoas progresistas que as reaccionarias. Oxalá poidamos chegar ás maiorías sociais para que o próximo parlamento se pareza máis á rúa, e haxa unha aritmética parlamentar de maioría progresista pero reforzada.
Ben, ti diso de gobernar en minoría algo sabes?
É a vontade maioritaria da sociedade redondelá e eu como demócrata que son respéctoa escrupulosamente. Aínda así é obxectivamente comprobable que temos acadado moitas cousas beneficiosas para o conxunto de Redondela.
E para as parroquias tamén?
Para min todos os currunchos de Redondela son igual de importantes, e todos merecen a mesma atención. Desde os cascos urbanos ata calquera camiño de calquera parroquia. Fixemos moito nas parroquias, claro que si, aínda que non todo que a min me tería gustado.
Temos un programa con 2.700.000€ que financiaron actuacións en máis de 70 camiños das 13 parroquias do noso concello.
Por outra parte estamos facendo, por primeira vez na historia dúas rozas ao ano. Eu comprendo que a oposición ten que facer oposición, pero dicir que temos desatendidas ás parroquias simplemente non se corresponde coa realidade.
Que proxecto tes para “Villa Elisa”?
Estamos cun concurso de ideas, que facemos a través do colexio de arquitectos. A nosa idea é facer biblioteca e anexos.
Falemos da Avenida Mendiño?
Teño que dicir, que por pura e dura responsabilidade, aceptei un convenio que é un caramelo envelenado. Ese é un proxecto que tal como o tiña a Xunta non cobre as necesidades de Redondela. Ten en conta que falamos dunha vía que comunica o centro co porto de Cesantes. É unha zona pola que pasa moita xente.
Eu fixen os deberes pois cumprín con todo o que me mandaron, pero non lles interesou, e o tema quedou nun caixón. Cando cambiaron de conselleira, dime que hai que comezar todo de novo. Asemade a licitación foi moi complicada pois tivemos moitos recursos, pero xa está todo bastante ben encamiñado. Estou loitando para conseguir o proxecto que merece Redondela, aínda que non creo que a Xunta nos deixe facer todo o que queremos. Nós queremos un proxecto integral que poña ao peón no centro de todo.
Sobre o museo municipal que nos dis?
Estamos a piques de proceder á súa licitación. É algo polo que loitamos moito, e asegúroche, Marcos, que me dá moita carraxe que Ángel Barros non o puidera ver feito realidade.
Como está a sanidade de Redondela?
Está mal. De aí as mobilizacións. En Redondela faltan médicos, especialistas,a pediatría está fatal…. O estado da sanidade do noso pobo é de permanente declive, o que afecta moi negativamente á veciñanza.
Os que son marabillosos son os profesionais, que aínda estando colapsados dan o mellor de si mesmos para proporcionarnos a mellor atención posible. Pero lamentablemente a Xunta non está á altura.
Cal é a situación do SAF en Redondela?
O SAF , malia a actitude irresponsable da oposición que non fai outra cousa que pór paus nas rodas, está estable. Estamos cos pregos. Eu estiven oito anos na oposición e naquel tempo e o partido socialista nunca votou en contra dos termas importantes para Redondela nin paralizou nada que fose necesario para o noso pobo. Lamentablemente o partido popular non está neses parámetros.
A oposición que vos fai o PP de Redondela é semellante á que fai o PP en Madrid ao goberno de Pedro Sánchez?
Absolutamente si. As dinámicas, salvando as distancias, son as mesmas. Pero quero enviar unha mensaxe moi clara ao PP de Redondela: Perdede toda a esperanza. Eu non me vou cansar. O meu amor por Redondela está moi por riba desas formas tan lamentables de facer política.
É certo que nos teus anos de alcaldesa o concello perdeu 9 millóns de € en subvencións?
Non, claro que non é certo. Pero se hai concellos da contorna nos que o PP pon de exemplo a Redondela sobre como se xestionan as subvencións¡¡
Sobre a suba da taxa do lixo que ten que dicir a alcaldesa de Redondela?
A suba da taxa do lixo é unha obriga para o concello que ven motivada pola suba do canon de SOGAMA. Quero lembrar que cando se produciu, insisto en que ao concello non lle quedou máis remedio, en Redondela esa taxa levaba arredor de 20 anos sen ser actualizada.
E que fai o PP? Facer política como tiña que facer?, pois non, xudicializa o asunto. A xustiza deunos a razón. É que non podía ser doutra maneira porque a suba da taxa do lixo produciuse en todos e cada un dos concellos, en todos sen excepción, incluso nos que goberna o PP. Pero ao PP de Redondela non se lle ocorre outra cousa que xudicializar a suba de Redondela. Asombroso, absolutamente asombroso.
Eu a este respecto quixera dar as grazas á veciñanza de Redondela porque a ampla maioría entendeu perfectamente a posición do goberno.
Vas acabar convertida nunha influencer?
Ben, as redes sociais son unha poderosísima ferramenta comunicativa na sociedade actual, e paréceme que o goberno de Redondela debe de estar onde está a xente .Especialmente a xente nova, que na súa inmensa maioría se informa a través dese tipo de canles.
A min o que máis me gusta do meu traballo é estar na rúa e escoitar á xente, por desgraza non podo facelo todo o que quixera, e as redes sociais son moi útiles para chegar a todos os sitios.
Redondela recibe ducias de miles de peregrinos. Estamos cobrando a taxa turística?
Non. Está aprobada e está pendente da elaboración da ordenanza. Temos moitas cousas pendentes e ás veces non é posible atender a todo de inmediato.
Ti que es toda unha especialista en redes sociais seguro que es capaz de tirar unha mensaxe breve a modo de balanzo do actual mandato?
Aproveito para facer autocrítica e dicir que non nos deu tempo a facer todo o que nos gustaría ter feito. En grande medida por os paus nas rodas que nos puxeron. Pero o balanzo en liñas xerais é moi positivo. Estou segura de que a ampla maioría de Redondela considera que a nosa localidade está bastante mellor agora que antes da nosa chegada. Tanto no que se refire á grande cantidade de actuacións que fixemos, como no que respecta a atención social aos colectivos máis vulnerables. Eu son unha orgullosa muller socialista, do rural de Redondela cunha profunda sensibilidade social que sempre vai ser prioritaria na miña forma de gobernar, porque forma parte da miña identidade.
De feito da atención temperá e do trato aos nosos maiores, con grande cantidade de programas para o seu beneficio, estou especialmente satisfeita. Non estamos no sobresaínte, sempre hai cousas que mellorar, pero con toda a humildade creo que podo dicir que estamos no notable.
Ben, non é que fose moi breve, pero vale igual. Grazas alcaldesa
Grazas a vós

Redacción de Redondela

