Bifaces de cuarzo atopados na praia de Canido datan aos primeiros habitantes de Vigo no paleolítico

Bifaces de cuarzo atopados na praia de Canido datan aos primeiros habitantes de Vigo no paleolítico

Devanceiros de veciños e veciñas de Vigo pensaron por primeira vez, fai uns 150000 anos, que este sitio era precioso para vivir, e aquí quedaron. Isto dinnos os restos arqueolóxicos atopados na praia de Canido. Emprazamento que está en perigo por unhas obras de portos polas que se poden destruír as posibles orixes da cidade olívica.

Para saber máis sobre estes restos falamos co seu descubridor, Emilio Rodríguez, máis coñecido como Milucho.

Quero facer un chamamento ás autoridades competentes para realizar as probas necesarias, e así poder protexer este lugar”

Emilio, fálanos un pouco de ti e do tema a tratar nesta entrevista.

Son afeccionado á arqueoloxía desde neno. Levo desde os 11, 12 anos recollendo e coleccionando pedras que son pezas antigas das que fago rexistro para ter un seguimento.

Es colaborador do Museo Mar de Vigo e axudas en escavacións de diferentes restos arqueolóxicos polo mundo adiante. Fálame destes xacementos.

Traballo e colaboro con xacementos arqueolóxicos, sobre todo do paleolítico. Traballei en Porto Maior de As Neves, que é o xacemento máis antigo de Galicia. No das Gándaras de Budiño en Porriño, en Ambrona de Soria ou en Francia.

Fálanos do descubrimento arqueolóxico que fixeches na praia de Canido no ano 2015.

Este achado é o máis antigo de Vigo e dos máis antigos de Galicia. Xacementos paleolíticos de este calibre, como o de Canido, non hai moitos.

Para ver este xacemento ten que estar a marea moi baixa. Eu xa sabía del nos anos 80 que foi cando empecei a atopar e recoller pezas. Logo emigrei, estiven 10 anos en América e ao volver retomei esta procura. Debido á importancia das pezas comuniquei este achado e rexistrouse no ano 2016 na Xunta de Galicia como xacemento paleolítico, e o máis antigo de Vigo. Supoñemos que aquí empezou a orixe da cidade de Vigo, que este asentamento foi o dos primeiros poboadores da cidade.

En que ano se data este xacemento?

Os arqueólogos dátano entre 150000 e 200000 anos.

Que probas facedes para saber a á antigüidade deste achado?

Este xacemento non está escavado. Todo o que se recolleu foi en superficie. Foron pezas atopadas entre as rocas e no areal. Sabemos a antigüidade en base á morfoloxía da industria lítica atopada, por comparación con outras pezas da época.

Parte das pezas deste xacemento están expostas no Museo Mar de Vigo, verdade?

Si. Todo o que recollín despois do ano 1983 foi entregado ao Museo Mar de Vigo. Este material está introducido na exposición permanente que se chama “Mare Nostrum”. Estas pezas son as máis antigas e as que inician a exposición.

As covas de Altamira teñen uns 26000 anos de antigüidade, son coñecidas en todo o mundo e declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Por que non pasa isto con este xacemento en Vigo? Porque non está catalogado e protexido?

Pois este xacemento aínda non está incluído como restos arqueolóxicos na web do concello a pesar de que foi rexistrado na Xunta de Galicia e teñen constancia del. Que non o inclúan e non estea protexido é un problema grave para a súa subsistencia . Obras do porto ten un proxecto encima deste xacemento que o pon en perigo. No ano 2020 estivo unha draga durante 15 días sacando terra e movendo unha chea de pezas que logo as esparexeron pola ría, diante da illa de Ons. Isto, en certo xeito, o que fai é contaminar a nosa historia porque están a mover pezas orixinais de Canido a un emprazamento diferente. Para facer esta dragaxe utilizaron unha carta náutica anterior ao rexistro do xacemento, a do ano 2015. Desde entón está todo parado, non volveron facer nada máis. Nós fomos a patrimonio do Concello de Vigo e de diferentes autoridades a dar constancia disto e de momento non sabemos nada máis.

Cando está a marea alta, este xacemento non é visible. Tanto subiu o nivel do mar nestes 200000 anos? Como era esta zona naqueles tempos?

Fai uns 150000 anos o nivel do mar estaba 120 M máis baixo. As illas Cíes non eran illas. O que agora é a Ría de Vigo, que naceu hai 15.000 anos, era un Val polo que discorría o río Verdugo. A este Val chegaron estes homínidos e asentáronse. Entendemos que porque era unha zona que lles proporcionaba comida e abrigo. Pola cantidade de pezas atopadas, miles, sabemos que estiveron moito tempo e lévanos a pensar que foron os primeiros poboadores da cidade de Vigo provenientes de África.

E como chegaron ata aquí?

Toda a ocupación de Europa vén de África. Estes humanos doutra especie eran nómades e ao longo dos anos, estes grupos familiares fóronse desprazando camiñando, probablemente pola costa de Portugal por onde chegaron a Porto Maior, as pezas atopadas neste xacemento só se atoparon iguais en África.

Fálame da particularidade destas pezas atopadas aquí en Canido, as da foto.

Estas pezas chámanse bifaces, coa particularidade que son de cuarzo. No resto da península as pezas atopadas son de sílex, que era un material fácil de traballar, ten unha rotura concoide e rompe como o cristal. Aquí en Galicia non hai sílex, os nosos devanceiros usaban a calcita que é moito peor de tallar. Por algún motivo o xacemento de Canido ten unha extensión moi grande e moitísimos bifaces de cuarzo, non se atoparon moitos no mundo con estas peculiaridades.

Despois de 7 anos deste descubrimento do que se fixeron eco os medios de comunicación, tanto en prensa escrita como en radio ou a televisión de Galicia, por que estamos a falar agora desde descubrimento?

Porque quero facer un chamamento ás autoridades competentes tanto de patrimonio do Concello de Vigo como da Xunta de Galicia para que poñan os medios necesarios para poder escavar, facer un estudo de luminiscencia, uranio, torio ou as probas pertinentes necesarias da zona para poder verificar con exactitude e protexer este lugar e así parar estas obras de portos coas que se vai destruír a metade deste xacemento fundacional de Vigo.

Queremos falar con Estudos Vigueses tamén e estamos intentando montar unha Fundación para poder protexer estes restos arqueolóxicos e dalo a coñecer entre vigueses e viguesas para que se unan a nós nesta andaina.