Parece ser que houbo unha proposta no Congreso a favor das linguas minoritarias ou periféricas, como din para si no seu embigo. A dereita bota fume ante tal ousadía, xa están organizando manifestacións en contra. A súa democracia foi sempre de pico para fóra. O que eu non entendo é como se tardou tanto tempo en formular esta proposta e por que aínda non se lle deu o debido respecto ás outras linguas que loitan por ser e estar onde deben, nese terreo da equidistancia e igualdade que nunca consideraron. Para min é unha falta de respecto enorme, non só a quen defende a democracia e a inclusión, senón aos pobos que representan esas linguas. Si, ben sei tamén que nós somos moi papistas, capaces de auto flaxelarnos e des-querernos, negarnos e mesmo pensar que todo o de fóra é moito mellor. É o resultado de tantos séculos de vasalaxe, de colonización desmedida, de abuso. Mais no século que andamos non é de recibo estar nestas, e moito menos que haxa algunha suposta representación política que queira impedir tal feito, no Congreso ou en calquera sitio. Como sabemos moi ben tamén en empresas, organismos e certas materias de obrigado cumprimentos do ensino e administracións que se teñen que actualizar lonxe do sempre cavernista inmobilismo no que se rebozan. Ata aí chegaron na indignidade, abandeirando marchas e protestas en favor de negarse, iso si: pedindo igualdade, con toda a cara! Son os do colectivo “Hablamos Español” e andan co “Bienvenidos a Orense, que en gallego se dice Ourense” e outras frases lapidarias que esconden tanta vergoña. Este sería o lugar de botar algún pecado diante da estupidez enorme na que se perden. Tamén o fixo o máximo representante das institucións, ía diante e moi satisfeito naquela marcha polo bilingüismo ao seu favor. Capaz de negarse a si mesmo e representando ao pobo que fala ese idioma que el nega. Os votos son os votos, todo se mide por votos, todos os votos son bos, anque vendamos a orixe, anque nos vendamos nós. Nas mans levaban bandas con ofensa, afrontas e vergoñas: “Hablemos español y dejémonos de lerias”. Proclaman aínda ese pensar, na retrógrada nostalxia do pasado e do anano. Queren, no seu centrípeto infortunio, unha soa lingua infinitamente rica e saborosa, na esaxeración romántica que se mira no espello e se ve fermosa, se está soa, como única e infinitamente perfecta, lingua máxica que resume a cosmovisión do mundo mundial. Esquecen así, nese empoleiramento, o noso tesouro, aquel que ignoran con teimosía: son cegos por non querer ver!
Cando empregan o galego é por negocio ou beneficio, ás veces por chulería. Eu tamén sinto ese orgullo, anque non desprece a ninguén, e estou infinitamente honrado, médrome na miña lingua e síntome beneficiado no necesario negocio de comprenderme e comprender o espazo no que vivo e esa xeografía humana que me envolve, sen outro aquel. Pero eles non, emprégano no fin perverso de non ser responsables do que fan, sen acadar a culpa de restrinxir o uso dun idioma na súa Casa e fóra dela, nos aeroportos, nas estacións, nos buses, nos billetes, nos impresos, nas moedas e onde cumpra facelo, mesmo debaixo das ilusas pedras que gardan memoria doutros tesouros, como a arte, a beleza, a literatura, o teatro, …etc. A lingua é unha arma poderosa que ninguén debe desactivar, e moito menos restrinxindo o seu emprego porque resulta inmoral e é delito. Dentro duns anos será motivo de burla, cando se volva lembrar aquilo de sangenjos, lascoruñas e puertomarines. A súa obsesión é enfermiza, seica temos que chamarnos e nomearnos como eles digan que nos chamemos e nomeemos. Todo isto sucede 40 anos despois de teren redactado normas nas que -como se ve- poidan evadir a súa recoñecida incumbencia, competencia e responsabilidade, tamén o incumprimento. É unha farsa da que fan bandeira. Non entendo como non pregoan a Nosa Lingua, o Noso con afecto. Pois co Galego nunca se invadiu nin acometeu. Non entendo o hermetismo, a lentitude da lei que obriga a protexer as linguas minorizadas polo centralismo. Non entendo ese silencio invasivo, lento e deturpador. Non entendo ese pensamento nefasto de resistencia ao lóxico e normal, á recuperación aberta e colaborativa, por respecto e dignidade tamén deles, que ocupan cargos e institucións que existen por obra e graza da Lingua que falamos nós, e eles non. Agora, seica, engaden que falar idiomas no Congreso resulta caro e é unha perda de tempo habendo xa unha lingua común. Iso de lingua común inventárono eles para como fai o que rouba cando resulta pillado: repartir urxentemente por ver de chupar algo, antes que reaccionen a paus na evidencia do furto.
Creo deben tomar conciencia de que xa está ben de reprimir linguas, en beneficio do sentido común. Xa está ben de montar no machiño para discriminar e ofender. Deben tomar en serio a diversidade, como riqueza e agasallo. E deben obrar en consecuencia, investindo en tradutores, claro que si porque iso, precisamente iso, é democracia e garante xustiza e equidade. Xa está ben, despois da colleita hai que volver pola fouce!.