A Asemblea Republicana de Vigo interpuxo unha querela contra Dolores Delgado, fiscal xeral do estado, e contra Jesús Gascón, director da Axencia Tributaria, por suposto trato de favor ao anterior xefe do estado. O avogado vigués Antón Beiras é quen presentou a demanda no Tribunal Supremo. Nós achegámonos ata o seu despacho a conversar con el. Velaí vai o que deu de si a nosa visita

Antón Beiras

ANTÓN BEIRAS.AVOGADO

No Cerne desta querela non está o debate entre a monarquía ou a República. Está a existencia dunha monarquía que non funciona cos estándares esixibles. Un monárquico demócrata ten que apoiar a querela”

Esta entrevista facémola no mes de abril, supoño que un mes moi bonito para un home que leva a bandeira da República prendida na chaqueta?

Abofé que é así, pois o 14 de abril é o aniversario da instauración da República

Estás de acordo con aquela afirmación de Julia Otero cando dicía que “racionalmente só se pode ser republicano ”?

Si, estou de acordo claro. O feito de que a xefatura do estado recaia de maneira permanente nunha persoa, que sexa hereditario para a súa descendencia e centrándonos no caso de España que se lle dea preferencia ao varón sobre a muller é un anacronismo absoluto.

Porén, en Europa hai sociedades nas que a monarquía parece consubstancial .Ti cres que tamén neses estados acabará por desaparecer?

Probablemente si. Pero eu creo que nas monarquías parlamentarias avanzadas, que non é o caso de España, ten unha connotación ritual. É unha tradición simbólica, como tantas outras , na que a figura do xefe do estado é meramente decorativa.

A monarquía española está tocada polo estigma da súa orixe, procedente do dedo dun ditador fascista?

Evidentemente. A forma do estado non puido ser consensuada na transición política, pois nas posicións políticas do exército e da igrexa algo diferente era impensable e de ningún modo tería sido negociable, de aí que Felipe González e Carrillo renunciaran á aposta republicana.

Por que non foi un escándalo aquela confesión de Suárez a Victoria Prego na que recoñecía a fraude que supuxo meter a monarquía no medio do texto da “Lei para a Reforma Política”?

Eu creo que eran tan grandes as ansias de liberdade que unha vez morto o ditador a transición foi un acordo de mínimos e eu penso que as forzas de esquerda renunciaron á pelexa pola República como un mal menor. Entendo que o que di Suárez non responde á realidade, a razón non é que perderan os monárquicos, senón que en realidade non estaba no paquete negociador.

A arquitectura do estado en forma de monarquía era intocable?

Absolutamente intocable. O que dixo Suárez é unha forma de eludir dicir a realidade : que as forzas vivas do exército, igrexa e gran capital non permitirían outra cousa.

Antes de entrar na querela, Antón, quero falar da xustiza. O mundo da xudicatura española está, en xeral, politizado en posicións dereitistas?

Os xuíces son fillos de familias podentes. E por regra xeral a xudicatura é unha institución conservadora

Iso implica unha mingua da súa capacidade de impartir xustiza de maneira ecuánime?

Non. Eu creo que por enriba da ideoloxía, que si é maioritariamente conservadora, a inmensa maioría dos xuíces son neutrais, imparciais e administran xustiza o mellor que poden e saben

Falemos da querela, ti preséntala en nome de?

A Asemblea Republicana de Vigo

Contra quen te querelas?

Eu quero aclarar que a querela non pretende pór enriba da mesa o debate entra a monarquía e a República senón pór en cuestión o que entendemos como un pésimo funcionamento de dúas institucións básicas en calquera estado de dereito como son a fiscalía xeral do estado e a axencia tributaria. Son as dúas institucións cun poder máis grande de inxerencia nas vidas e nas facendas dos cidadáns. E ambas institucións miraron para outro lado no caso do anterior xefe do estado. Todas as querelas preséntase contra persoas físicas e neste caso facémolo contra a máxima responsable da fiscalía, Dolores Delgado, e contra o máximo responsable da AT, Jesús Gascón

En que te baseas para afirmar iso?

Levan dous anos dicindo que o están investigando, filtrando novas á prensa pero sen emprazalo. A AT o que ten que facer cando ten indicios da existencia dunha fraude é emprazar ao presunto defraudador. Ese emprazamento inmediatamente interrompe a prescrición das obrigas tributarias. Como sabes son catro anos os que se poden investigar, pero se non emprazas ao suposto infractor os feitos que puidesen ser delituosos van prescribindo. Nin a AT emprazou, nin a fiscalía denunciou de maneira que entre eles dous converteron un dereito, o dereito a regularizar a situación tributaria mentres sexa unha regularización espontánea, nun privilexio para o rei emérito

Por que?

Porque a través da prensa a mensaxe que se lle estaba dando aos avogados do emérito era: Regularizade xa

Serían só mensaxes indirectas a través da prensa, ou tes constancias dalgunha mensaxe directa en contactos co equipo xurídico do emérito?

Na querela non acusamos de negociacións prohibidas porque non temos a proba.

Ante que tribunal presentas a querela?

Ante o TS pois Dolores Delgado é aforada. Se se admitise a trámite non é descartable que se desgaxe, e a acción contra o director da AT vaia a un xulgado ordinario para que puidese ter dereito a unha segunda instancia.

Está presentada?

O 18 de marzo

Temos algún tipo de resposta?

A día de hoxe,9 de abril, non

Obxectivamente que expectativas tes?

Obxectivamente os feitos teñen que ser investigados. En calquera monarquía parlamentaria avanzada estes feitos non serían imaxinables.

E pensas que a querela vai ser admitida a trámite?

Eu creo que a posición intelixente do TS debe ser admitila a trámite, porque non facelo sería máis do mesmo. Mira para outro lado a AT, mira para outro lado a fiscalía e agora mira para outro lado o TS

Se non se admite a trámite mudarías a túa posición intelectual de que a maioría dos xuíces españois administran xustiza de maneira imparcial?

Non, porque o TS non é a maioría dos xuíces

Ha ha ha ha moi boa resposta. Se non se admite vas recorrer?

Si claro, ante o plenario

E se si se admite a trámite sorprenderíache que chegara a abrirse xuízo oral?

Sinceramente si. En España unha acusación contra dúas institucións tan importantes sería sorprendente

No caso de que levaramos unha sorpresa e se chegase ao xuízo oral a Asemblea Republicana de Vigo sería acusación particular, pero entendo que a fiscalía non acusaría?

Non claro, sería absurdo que a fiscalía se acusase a si mesma

Sería surrealista que a fiscalía acusase á propia fiscalía?

Sería absolutamente kafkiano. Nós temos claro que a fiscalía vai negar a existencia de delito

Se finalmente a querela non se admite a trámite daríaste por satisfeito se serve para crear conciencia social sobre a inxustiza que supón que a institución monárquica reciba, presuntamente, trato de favor?

Creo que si, que me daría por satisfeito. Porén eu insisto en que no cerne desta querela non está o debate entre monarquía ou República senón a existencia dunha monarquía que non funciona cos estándares esixibles. Eu entendo que esta querela tena que apoiar un monárquico demócrata

Eu teño serías dúbidas de que ese perfil “ monárquico demócrata” exista

O Psoe é demócrata e é o principal sustento da monarquía

Estou absolutamente de acordo contigo en ambas proposicións , pero na cuestión referente á forma política do estado eu creo que existe unha distancia quilométrica entre a abafadora maioría de militantes socialistas e as súas diferentes executivas?

Absolutamente. Os militantes do PSOE e unha gran maioría dos seus votantes son republicanos pero asumen a monarquía como un pacto necesario. Isto nos levaría a unha conversa demasiado técnica sobre como os constituíntes, posiblemente por medo á involución, deseñaron un mecanismo de modificación constitucional absolutamente imposible.