A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal rexeita por unanimidade no Consello Escolar o traslado da Escola Infantil Santa Marta as súas instalacións

A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal rexeita por unanimidade no Consello Escolar o traslado da Escola Infantil Santa Marta as súas instalacións

Responsables do Claustro de profesores e do ANPA argumentaron a imposibilidade física de acoller á gardería ante a ausencia de aulas libres e, adicionalmente, a incompatibilidade absoluta co protocolo covid

A proposta municipal suporía para o colexio perder dúas aulas en uso obrigatorias por lei, como a de illamento covid (de actividades extraescolares en condicións normais) e a do programa PROA e de convivencia, ademais de renunciar ao único pequeno espazo exterior do que dispón o centro

A Comunidade Educativa do Ramón y Cajal rexeita o peche da única escola infantil municipal do centro e demanda que unha ubicación factible no barrio que respecte a matriculación de novo alumnado e, polo tanto, a continuidade do servizo, polo que suxire ao Concello que valore lugares como os baixos do Auditorio Municipal ‘Mar de Vigo’ ou o actual albergue municipal, creando así un entorno educativo.

Vigo, 20 de febreiro de 2021

A totalidade da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Claustro, representantes de pais e ANPA) rexeitou por unanimidade no Consello Escolar extraordinario deste xoves a proposta municipal de trasladar a Escola Infantil Santa Marta as súas instalacións desde o vindeiro curso. O motivo argumentado ante o representante do Concello é a non existencia de aulas libres e, adicionalmente, a incompatibilidade absoluta co protocolo de seguridade Covid-19 e mesmo co normal funcionamento do centro. Circunstancias todas elas que xa corroboraran nunha visita ás instalacións o propio delegado territorial de Educación, o Inspector Xefe Provincial e o técnico da Xunta.

A Comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal mantén a súa vontade de colaboración co Concello para atopar alternativas que garantan a continuidade deste servizo de gardería esencial para o barrio, pero lamenta que ata agora a única opción dada para a súa pervivencia sexa a súa reubicación neste colexio de reducidas dimensións e sen ningún espazo en desuso. A escola infantil municipal é un servizo básico para o noso barrio, imprescindible para a conciliación de moitas familias e especialmente necesaria na actual situación de crise sanitaria e económica. Sen embargo, a proposta dada semella froito da improvisación e non dunha valoración real do lugar e das necesidades de ambos centros educativos, prexudicando con ela aos dous piares da educación infantil e primaria no barrio.

A continuación, expoñemos polo miúdo a situación do CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal ante a proposta de reubicar a Escola Infantil Santa Marta no colexio:

INSTALACIÓNS INSUFICIENTES:

Actualmente no colexio hai só dúas aulas nas que non se están impartindo clases pero que son de obrigada existencia. Unha delas é a denominada ‘aula covid’ destinada a ‘illar’ a aqueles alumnos que presenten síntomas compatibles co coronavirus ata que sexan recollidos polos seus familiares e que en periodo de “normalidade” funciona polas tardes coma aula de extraescolares da ANPA. A outra clase é a empregada como ‘aula de convivencia’ polas mañás e para as actividades do Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA) polas tardes. Estas dúas aulas son de obrigatoria existencia por lei, privar ao CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal delas suporía unha merma na calidade educativa e unha discriminación para o noso alumnado e tamén para as máis de 80 crianzas de Santa Marta, que estarían hacinadas en dous espazos moi reducidos nos que nin cabería o mobiliario básico necesario (mesas, cadeiras, camas de descanso etc). Todo isto tendo en conta que esta reubicación, xa de por si inviable, inclúe a perda dos alumnos de 0-1 ano ao non permitirse novas matriculacións, motivo máis que suficiente para considerar outros lugares de traslado provisional ou definitivo. Igualmente, o CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal carece de patio exterior e só goza de dous pequenos recunchos en pleno proceso de recuperación e adaptación destinados a horta e espazo de recreo ao aire libre que tamén valora o Concello para a Escola Infantil, deixando así ao colexio sen o único espazo exterior que posúe.

Compre sinalar que o número de alumnado viuse incrementado nos últimos anos pese ao baixón demográfico que sí se notou nos demais colexios (os datos de matrícula aportados polo concello non son correctos, os correctos son: 136 alumnos matriculados). Unha reducción das instalacións conlevaría unha maior limitación da matriculación, sendo este precisamente un barrio con grandes perspectivas de crecemento (a escasos metros estase a construír unha promoción de 150 vivendas).

Actualmente para a xestión administrativa hai unha única oficina e xanela de atención ao público para as distintas xestións do día a día. Resulta evidente que non hai espazo suficiente para atender de forma simultánea aos usuarios do CEIP e da Escola infantil.

PROTOCOLO COVID INCOMPATIBLE

Actualmente a entrada ao colexio realízase por dúas portas de forma graduada, chegando os últimos ás 9:15. Un destes accesos conta con barreiras arquitectónicas (escaleiras) polo que, no caso da gardería, reduciríase a unha única entrada posible (a que está pegada ao Albergue Municipal). Como se garantirían as normas de distancia de seguridade entre persoas se sumamos novo alumnado con horarios diversos cada un deles? Onde deixarían os carros de bebé os pais?

Precisamente por protocolo Covid, existen dúas quendas de comedor nas cales cada alumno ocupa sempre o mesmo lugar (establécense grupos burbulla). Entre unha e outra desinféctanse todas as cadeiras e mesas, polo que é inviable facer unha terceira quenda con máis grupos burbulla e tampouco existe outro espazo no centro para un segundo comedor (o comedor ten actualmente lista de agarda, proba irrefutable de que non tería cabida para acoller a novos usuarios nin en condicións sanitarias normais) e por descontado, o espazo da cociña tamén solicitado é indispensable para o funcionamento do comedor escolar. Por outra banda, as xestións do comedor do colexio e de Santa Marta son distintas, a primeira depende da Xunta e a segunda do Concello.

Temos claro que nin sequera nunha situación sanitaria normalizada habería espazo para a escola infantil debido precisamente á limitación das instalacións, coa aplicación dun protocolo Covid esa realidade é incuestionable desde calquera punto de vista.

NECESIDADES BÁSICAS OPOSTAS

O Concello valora a súa ubicación nas aulas anexas ao único patio cuberto do centro e que se emprega como zona de recreo e de tránsito para acceder ao Ximnasio, Informática, comedor… ou outras aulas. É evidente que este uso é incompatible con crianzas de 0-3 anos que precisan realizar a sesta. As dúas necesidades (pequenos e maiores) son básicas e irreconciliables nestas instalacións pequenas e que carecen de patio exterior ou lugares máis illados entre si. Actualmente existen tres quendas de recreo en grupos burbulla, de forma que non se poden xuntar entre eles, non existe opción a crear máis. E precisamente polo incremento de matrícula destos últimos anos, inténtase recuperar outros espazos para o tempo de lecer.

Por outra banda, a Escola infantil ten horario de mañá e de tarde e, como xa se mencionou, o CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal conta con un aula PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apoio) que, precisamente, se emprega en horario vespertino para este fin e para actividades extraescolares ou obradoiros (pola mañá é aula de convivencia, de obrigatoria existencia tamén). Nin se poden hacinar alí aos cativos nin o centro pode renunciar a este programa básico para moitas familias que se benefician del.

PROPOSTAS ALTERNATIVAS

Por todo iso, manifestamos a intención de colaborar co Concello de Vigo para buscar novas instalacións, provisionais ou xa definitivas, na contorna do barrio, e sen que supoñan o peche de novas matriculacións. Recordamos algúns dos espazos existentes na contorna da actual Escola Infantil de Santa Marta, se ben non todos son municipais, correspondería ao Concello pedir o seu uso transitorio ou cesión:

  • O Auditorio municipal ‘Mar de Vigo’, con todos os seus baixos comerciais baleiros e a moi pouca distancia da actual escola infantil.
  • A nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (rúa Chao).
  • O instituto Municipal de Educación, en Camiño do Chouzo
  • O antigo reitorado na rúa Arenal
  • Reconsiderar o uso do actual albergue municipal como Escola Infantil (como xa o foi) e trasladar o albergue a outra ubicación, sendo máis convinte e complementario concentrar os dous usos escolares un ao carón do outro (recordamos a entrada alternativa que precisamente se fixo en Marqués de Valterra para evitar esa convivencia ante diversos problemas). O emprazamento perfecto para todos sería este porque permitiría centralizar a comunidade educativa do barrio e compartir experiencias e proxectos creando así un vínculo entre ambas escolas de colaboración e unha experiencia única e enriquecedora para todos, incluído o barrio; esa si sería unha mostra de que realmente se pensa no mellor para todos os nenos, tanto da escola infantil coma do colexio.
  • Alugar un espazo provisional na contorna que permita o traslado efectivo de todo o alumnado sen merma de prazas.

CONCLUSIÓN

Os membros da Comunidade Educativa Ramón y Cajal son conscientes do problema que se orixinou pero unha mala ou nula xestión totalmente allea ao centro non pode responsabilizarnos do futuro da Escola. Non somos a única solución nin os responsables, houbo tempo para facer unha Escola Infantil digna coa importancia que merece e esta solución apresurada condenaría ao Colexio e á Escola Infantil, non somos responsables desa xestión nin somos a solución no momento en que esta afecte as nosas familias e alumnado. O noso vínculo emocional con Santa Marta é absoluto porque formamos parte da única comunidade educativa do barrio e parte do alumnado do centro procede desta escola, polo que somos coñecedores de primeira man do bo facer e o cariño que se lle profesa , polo que insistimos na importancia de dar unha resposta digna a ambos centros.

Este barrio merece unha Escola Infantil e un Colexio de Infantil e Primaria dignos e con perspectivas de futuro como únicos representantes do ensino público, motivo xa suficiente como para tratalos co respecto merecido.