BNG reclama ao Goberno do Estado que investigue as inmatriculacións da Igrexa na Galiza e anule as que recaian sobre o dominio público

Néstor Rego A Nova Peneira

A organización nacionalista sinala que moitas das propiedades que aparecen no listado que fixo público o Goberno foron rexistradas pola Igrexa de maneira absolutamente irregular, moitas foron apropiadas durante o franquismo, outras carecen de título que acredite a titularidade e outros son bens de dominio público. Por iso o Goberno debe investigar as inmatriculacións feitas e anular, cando menos, as que recaian sobre bens de dominio público.

Madrid, 19 de febreiro de 2021.

O Goberno do Estado ven de facer público, máis dun ano e medio despois, o listado dos bens rexistrados pola Igrexa Católica. Debe lembrarse que por un privilexio outorgado ás autoridades eclesiásticas primeiro no Franquismo e logo ampliado durante o Goberno do PP de Aznar, estes podían certificar que un inmoble era seu e proceder directamente á súa inmatriculación, é dicir, a rexistralo por primeira vez. Isto levou a que a Igrexa se apropiara ilicitamente e sen control de moitos bens dos que non era verdadeiramente titular.

Na listaxe que acaba de coñecer de coñecer a formación nacionalista, dos 34.984 inmobles rexistrados máis do 20% do total atópanse na Galiza, uns 7.131, e destes, máis de 4.000 son inmobles non relacionados co culto, como pisos, fincas, garaxes, chegando incluso a rexistrar carballeiras e campos da festa como propias da Igrexa sen selo, é dicir, pertencendo a persoas particulares ou ao dominio público.

“A información que se fai pública de cada un dos bens é moi escasa, o que dificulta enormemente a posibilidade de identificación e que podan reclamarse polas persoas afectadas, por iso é necesario completar eses datos, sobre todo no referido ás fincas rústicas” incide o deputado nacionalista. Rego tamén exixe ao Estado maior información sobre os bens que foron rexistrados a nome da Igrexa Católica para identificar cales foron apropiados irregularmente e, así, poder localizar e identificar concretamente as propiedades, e permitir a súa reclamación.

Así mesmo, o deputado do BNG sinala que “é necesario que o propio Estado investigue os bens rexistrados a nome da Igrexa para poder determinar cales foron inscritos sen título previo, só coa palabra da autoridade eclesiástica sen necesidade de acreditación documental”. Isto permitiría coñecer cales foron inscricións irregulares e que se podan iniciar os trámites necesarios para devolvelos aos seus lexítimos propietarios. Así mesmo, con esta investigación poderase determinar que bens inmatriculados son realmente do dominio público e deberá nese caso anular directamente a inscrición rexistral e devolvelos aos seus lexítimos propietarios, o conxunto da cidadanía.