
A formación explica que o seu eixo principal será o de reivindicar o papel do público para mellorar a vida da xente e gañar o futuro
Santiago de Compostela, a 3 de xaneiro de 2023
Podemos Galicia vén de explicar as súas liñas de traballo para 2023. Durante unha xuntanza á que asistiron o Deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, o Coordinador Nacional, Borja San Ramón e a voceira da organización, Verónica Hermida, fixáronse as liñas chave de cara organizar o traballo político da formación durante os próximos meses. Os principais enunciados de traballo para Podemos Galicia no 2023 pivotan sobre a xestión e calidade dos servizos públicos, especialmente a sanidade e os coidados, co obxectivo de acadar unha “sociedade corresponsable”. A mobilidade tamén será unha liña de traballo prioritaria para a formación que propón un pacto de país para a mobilidade sostible do que saia unha mesa entre administracións para a coordinación, a intermodalidade e a vertebración de Galicia. Ademais, Podemos Galicia reivindica o “dereito a habitar Galicia”, incluíndo aquí liñas a desenvolver como traballo e vivenda, pero tamén a xestión e autonomía sobre os recursos, e cuestións como innovación e transición enerxética. “A reivindicación do papel do público será a nosa principal liña de traballo durante o 2023”, afirma o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, quen argumenta que “cando dicimos isto estamos a falar dos servizos públicos, da xestión da sanidade e da educación, pero tamén de que o público e as administracións deben ser dinámicas e ter iniciativa para xerar benestar e futuro”. Nese senso, San Ramón indica que bota de menos “a existencia dunha estratexia de transición enerxética para Galicia” e considera que a súa planificación non se pode deixar exclusivamente en mans privadas. “Deberíamos estar falando de participación pública nas infraestruturas que favoreza a creación de comunidades enerxéticas e unha maior capacidade sobre os nosos recursos, pero o goberno de Rueda carece dun plan nin está na súa axenda”. “A nosa estratexia para 2023 pasa, precisamente, por poñer propostas transformadoras na axenda galega tal e como estamos facendo no Goberno do Estado”, explica Antón Gómez Reino, quen valora moi positivamente a labor de Unidas Podemos no goberno de coalición como responsable das políticas máis valentes do executivo e impulsando un cambio de paradigma. “Estanse facendo políticas e temos debates sobre cuestións que antes parecían intocables. Impostos ás grandes fortunas, aos bancos, ás enerxéticas. O tope do gas, ou a regulación dos alugueiros ou dos alimentos. Algunhas xa se acadaron, outras están en proceso ou se están falando. En Galicia temos un goberno sen proxecto e iniciativa que está a limitar o enorme potencial deste país”. Gómez Reino subliña a necesidade de que a Xunta reformule a súa posición en dúas cuestións chave como vivenda e emprego. “Vemos como as partidas da Xunta en materia de vivenda son escasas pero vólvense case inexistentes cando falamos de execución”, continúa o deputado no Congreso quen insiste na necesidade de aumentar o parque público de vivenda, “algo que debería ser prioritario no desenvolvemento urbanístico” e afea as intencións da Xunta de recorrer a lei de vivenda tras a súa aprobación. O tamén presidente da Comisión de Traballo no Congreso lamenta “ a escasa execución das partidas para políticas activas de emprego dos sucesivos gobernos de Feijóo” e pídelle a Alfonso Rueda que “non siga o exemplo do seu antecesor ”ademais dunha monitorización das mesmas”. Gómez Reino considera que “a aposta pola innovación e formación debería ser un dos piares que garantan o emprego de calidade e con futuro para Galicia”. “O progreso e un maior desenvolvemento económico e social de Galicia pasa por unha mobilidade acorde ao século XXI”, salienta a voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida. A formación impulsará “un pacto de país pola mobilidade sostible e a vertebración de Galicia” e unha “mesa entre as administracións para a intermodalidade e accesibilidade”, posto que consideran que para articular unha rede de transporte con estas características é imprescindible a colaboración entre as administracións e a participación social. “Os abonos ao transporte impulsados polo Goberno do Estado supoñen unha oportunidade por situar a mobilidade como un dereito”, continúa Hermida, “polo que cómpre traballar por un modelo de transporte público cuxos eixos sexan a vertebración territorial, a accesibilidade e a sustentabilidade, de cara ao 2024”. “Obviamente, o municipalismo será clave neste 2023” recorda Borja San Ramón quen insiste en que “estou seguro de que daremos a sorpresa e Podemos será a garantía de gobernos de transformación en moitos concellos”. San Ramón finaliza explicando que este traballo se desenvolverá en contacto cos colectivos e axentes implicados de maneira sectorial. “A alternativa que queremos construír non se limita ás organizacións políticas, nin ás alianzas entre partidos, senón que a nosa alianza principal debe ser coa xente”. Podemos Galicia irá fixando xuntanzas cos colectivos e sociedade civil “como partícipes que son da Galicia que vén”.