María Álvarez, Maruxa para as persoas que a coñecemos desde os cada vez máis afastados días luminosos da mocidade, é unha experta docente da facultade de filoloxía galega da USC, con arredor de 25 anos de experiencia nas aulas compostelás, e que asemade é na actualidade a Secretaria do Instituto da Lingua Galega. Ela é, xa que logo, unha voz máis que autorizada para ofrecer unha diagnose rigorosa e solvente sobre a situación da saúde do noso idioma: terriblemente preocupante para todo aquel que teña ollos para ver ,oídos para oír, honestidade intelectual e non estea contaminado por ningún tipo de apriorismo.
“ A saúde do galego é terriblementepreocupante”
Cantos anos levas dando clases na Universidade?
Creo que comecei en 1997
A ti a vocación docente venche de familia,verdade?
Si, os meus avós maternos eran ambos profesores en Mañufe. Eva, a miña avoa era a profesora das nenas, e Roxelio, o meu avó era o profesor dos nenos na mesma parroquia. O avó era de Oia, e a avoa da Cañiza, compartiron destino na escola desa parroquia de Gondomar e alí se coñeceron. O meu avó paterno, aínda que non exerceu, tamén era mestre.
Xa de nena tiñas claro que querías ser profesora?
Si, eu xogaba a darlle clases ás monecas. Se puidera volver atrás sería mestra tamén, pero de educación primaria.
A vocación pola filoloxía tamén che veu de nena?
Pois non, á filoloxía cheguei un pouco por casualidade. De feito a miña primeira opción foi as matemáticas, tamén estiven preto de estudar francés pero finalmente decidinme por galego.
Remataches a carreira con moi bo expediente e xa quedaches a dar clase na mesma facultade non?
Si, inicialmente tiven unha bolsa de formación do profesorado universitario e logo xa entrei como profesora
Despois dun cuarto de século como profesora universitaria podemos dicir que a túa vida laboral rematará no mesmo sitio que no que comezou ?
A vida dá moitas voltas, pero eu creo que si.
Na época na que ti e eu estudabamos, en filoloxía, había unhas promocións inmensas de máis de 100 persoas por aula. Iso cambiou moito ?
Reduciuse substancialmente o número de alumnas e alumnos si, pero non é fácil determinar unha liña máis ou menos regular pois vai como a saltos. Houbo épocas de máis, e épocas de menos, de moitos menos abofé. Tanto é así que nalgún momentotivemos que artellar un plan de viabilidade porque non chegabamos ao número mínimo que esixía a Xunta. En calquera caso pódese dicir que nos últimos 25 anos os alumnos e alumnas que se matriculan en filoloxía galega reducíronse en máis do 50%
E cal será a razón?
Nós tratamos de indagalo, e a conclusión á que chegamos é que a resposta está nunha combinacións de motivos:
-Os prexuízos sobre as humanidades
-Os prexuízos arredor da carreira en concreto de filoloxía galega
-Apriorismos arredor dos alumnos e alumnas que a escollen( “hippies ou do BNG”)
-A percepción de que é unha carreira que carece de saídas laborais
Ese descenso salientable de alumnos e alumnas que se dá en filoloxía galega tamén se produce no resto das filoloxías?
En filoloxía inglesa non existe descenso, e en filoloxía española é moito menos acusado.
Cando estudabamos nós, a carreira era esencialmente feminina, había moitas máis alumnas que alumnos. E agora?
Segue a ser así
Por que?
É difícil de saber. Será que as mozas son máis “listas “ e escollen unha carreira tan bonita e tan interesante como a nosa. A min dáme rabia cando se estuda a relación da muller coa ciencia como se prescinde absolutamente das filoloxías, rama na que a muller é moi maioritaria e que tamén é ciencia como pode ser a física ou as matemáticas.
As taxas de abandono dos estudos antes de rematar a carreira como están?
Temos un grave problema de taxa de abandono, en boa medida porque hai xente que se matricula en galego pois é das poucas carreiras nas que a nota de corte lle permite entrar. Pasan un ano e logo cambian. Nas filoloxías o abandono é bastante frecuente e en filoloxía galega é especialmente alto.
Pódese establecer un perfil xeral das alumnas e alumnos que deciden estudar filoloxía galega?
En xeral son persoas concienciadas co idioma e coa nosa cultura, galegofalantes en orixe maioritariamente, malia que tamén temos algún neofalante, e son xente especialmente creativa: escriben,fan teatro,compoñen música……Pero tamén os hai que empregan o castelán como lingua habitual aínda que son minoría. A procedencia é fundamentalmente de Vilas e zonas rurais
Ti es secretaria do ILG Maruxa. A discrepancia co reintegracionismo existe aínda?
Eu creo que non é tan intensa como o foi no seu tempo, pero estar segue a estar
Por que consideras que as posicións oficiais son máis adecuadas que as posicións que defenden os reintegracionistas?
Porque están máis próximas á realidade do que fala a xente. O galego normativo ten que achegarse o máximo posible ao galego que existe na fala real. Eu comprendo os argumentos do reintegracionismo, paréceme unha posición perfectamente defendible desde o plano intelectual, pero é unha opinión que non comparto.
Como está a saúde do idioma galego neste momento concreto?
É terriblemente preocupante. Por primeira vez na historia o castelán convértese no idioma máis usado en Galicia, a diferenza global é moi pequena , pero na mocidade o uso do idioma castelán supera de maneira abafadora ao uso do idioma galego. A conclusión é evidente: se os mozos e as mozas usan de maneira absolutamente maioritaria o castelán, ese será o idioma no que eduquen aos seus fillos e fillas, e nun par de xeracións o idioma galego terá unha presenza moi minoritaria en Galicia.
E xa non é só unha cuestión de uso, senón tamén de dominio. Unha porcentaxe elevada de rapaces e rapazas manifestan carecer de capacidade de uso oral e escrito do noso idioma.
Por desgraza, estou absolutamente de acordo contigo Maruxa, de non facermos nada o camiño é a morte inexorable do idioma galego. Esta situación pódese reverter aínda?
Si, si que se pode cambiar. A batalla non se pode dar por perdida e cómpre seguirmos pelexando para tratar de mudar esta situación tan difícil
E que é o que hai que facer para tratar de cambiar a tendencia?
O galego está mal entre outras razóns porque se tomaron decisións políticas que o levaron á situación actual. A súa recuperación só pode vir dada da toma de decisións políticas diferentes que incidan na discriminación positiva en prol do galego que o leve a unha situación de equidade.
Hai que darlle un pulo importante ao galego no ensino, inverter cartos públicos nos medios de comunicación en idioma galego, e crear referentes en galego quen sexan atractivos para a mocidade.