O proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei ameaza ao corazón de Galicia

ALTRI

A empresa portuguesa Altri pretende instalar no concello de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, unha macrocelulosa que ocuparía unha superficie de 360 hectáreas, 10 veces máis das que ocupa Ence na Ría de Pontevedra, e que usaría 46 millóns de litros diarios de auga do río Ulla, dos que supostamente devolvería 30 millóns de litros tratados. A instalación tería capacidade para producir 400.000 toneladas de celulosa e 200.000 toneladas dunha fibra sintética denominada Lyocell. Para elo precisaría máis de un millón de toneladas anuais de madeira de eucalipto. A zona afectada é dun especial interese medio ambiental pois hai especies vexetais e animais que son exclusivas ou case exclusivas en todo o mundo. A sociedade que presenta este proxecto chámase Greenfiber( fibra verde) e é resultado da asociación de Altri, empresa celulosa portuguesa, con Greenalia empresa galega moi importante no sector eólico e con vínculos evidentes coa oligarquía económica e co PP. O seu presidente é Jose María Castellano que foi un destacado executivo de Inditex, e no seu consello de administración está Beatriz Mato que foi conselleira de Medio Ambiente con Feijoo. O proxecto desta macrocelulosa orixinou unha moi relevante oposición veciñal de colectivos e individuos que ven como a súa comarca, os seus medios de vida e o seu medio ambiente poderían estar seriamente ameazados. Nós conversamos cun voceiro da plataforma “ Ulloa Viva”.El é Xulio Fernández, natural do Concello de Palas de Rei, o epicentro deste proxecto empresarial que se situaría no concello no que o noso protagonista naceu e vive. Xulio ten 44 anos de idade e traballa no Sindicato Labrego Galego. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Xulio Fernández portavoz da plataforma Ulloa Viva

De ser necesario iriamos á vía xudicial, pero imos chegar ata o final para evitar este atentado contra a nosa comarca”

Cando e como chegan as primeiras novas sobre a intención da celulosa portuguesa Altri de instalar esta empresa na vosa comarca?

As primeiras informacións ao respecto chegan hai arredor de dous anos. Pero son novas cuxo contido non ten nada que ver coa realidade, pois falaban dun proxecto de instalación de fibras téxtiles moi verde e ecolóxico que logo a realidade dos feitos amosou que non é así. Nese momento organizamos unhas charlas en Palas de Rei pois comezabamos a preguntarnos en que consistía en verdade o que nos querían chantar na nosa comarca.

Nese instante xa existía a plataforma?

Non, existiamos as persoas que a formamos. Non é posible dicir unha data exacta na que formalizamos a nosa existencia, só que naquel momento, no que comeza a se coñecer a intención de Altri, nós empezamos a preocuparnos e a organizarnos como colectivo pois tiñamos moitas incógnitas.

Esas incógnitas como se foron despexando?

Inicialmente a través das pingas que ían saíndo nos medios de comunicación. Pero cando nos soan todas as alarmas é cando a empresa solicita a Augas de Galicia a concesión para usar 46 millóns de litros de auga ao día.

Ese dato está ben? 46.000.000 de litros ao día?

Si, está ben. Son consciente de que é unha absoluta barbaridade, pero é a realidade. O máis preocupante é que solicitan a captación no encoro de Portodemouros, pois se a pediran no río Ulla alarmariámonos moito tamén, pero menos, porque iso non sería viable. O río non pode dar esa cantidade auga, literalmente acabaría por se secar.

Que superficie abranguería a empresa se finalmente acaba por instalarse?

Inicialmente falábase de que se ía instalar nun lugar que nós coñecemos como a finca de Quintas, pero esa finca ten unha superficie de arredor de 120 hectáreas e o proxecto da empresa esténdese a unha área de 360 hectáreas.

A superficie é enorme. De quen son agora mesmo eses terreos?

A finca de Quintas é dun único propietario particular. Son terras que foi xuntando unha persoa para un proxecto gandeiro, o resto son de moitas persoas propietarias particulares. O número de persoas afectadas, tanto pola captación de auga como pola expropiación de terras para a instalación da industria, se finalmente se acaba por instalar, é moi elevado.

Esa superficie multiplica por dez a que ten Ence na Ría de Pontevedra?

Si,na extensión do terreo que ocupan si.

A comarca da Ulloa fundamentalmente de que vive?

A Ulloa , a Terra de Melide e o Deza son comarcas esencialmente gandeiras nas que tamén xoga un papel moi importante o turismo, en particular o que se refire ao camiño de Santiago. Temos a convicción de que se este proxecto acaba por se instalar ambos eixos esenciais nas nosas economías veríanse seriamente prexudicados.

O marisqueo na Ría de Arousa podería verse afectado se se instala a fábrica?

Si. Nós temos falado coa plataforma en defensa da Ría de Arousa e dinnos que eles xa veñen acusando problemas graves pola contaminación e teñen moito medo de que isto supoña un golpe brutal para a actividade económica do marisqueo.

As captacións de augas para as persoas que vivides na zona veríanse moi afectadas?

E tanto que si. Na miña aldea por exemplo só hai dúas captacións de augas e se finalmente o proxecto se acaba por concretar ambas quedarían dentro da finca industrial.

Quen formades parte da plataforma Ulloa Viva?

Todo tipo de persoas non só da nosa comarca senón tamén de comarcas veciñas comprometidas co ben común e preocupadas pola situación. Hai persoas da Terra de Melide, da Golada , do Deza…..

Supoño que na plataforma haberá persoas e colectivos de todo tipo de adscrición ideolóxica?

Por suposto que si. Na plataforma estamos persoas de todo tipo de vinculación política e tamén as hai ás que a política non lles importa. O único que nos une é a defensa da vida e do benestar da nosa comarca. Cando o PP di que o que hai detrás da plataforma é a loita política non di a verdade. A ver como explican por exemplo que o PP de Melide non vote a favor da instalación de Altri no pleno do seu concello, na moción presentada ao respecto, senón que se absteña.

Da forma máis sintética e concreta que poidas descríbenos en que consiste o proxecto industrial?

É un proxecto para a fabricación de celulosa e lyocell. O que máis nos alarma , polo que temos constatado noutros lugares, é a contaminación e o consumo de auga asociados á celulosa.

Que é o lyocell?

Son unhas estruturas destinadas á fabricación de fibras téxtiles baseadas no eucalipto. O proxecto está deseñado para producir 400 mil toneladas de celulosa e 200 mil de lyocell para o cal precisan usar 46.000.000 de litros diarios de auga.

Eles din que eses litros non serán consumidos senón usados?

Eles din que van coller 46 millóns de litros ao día e a devolver 30 millóns de litros ao día. Esa auga que supostamente vai volver ao río vaino facer tratada co que moito nos tememos que vai volver peor do que saíu. Asemade se collen 46 e devolven 30 , pois 16 millóns de litros de auga desaparecerían cada día. E así é como está recollido no proxecto. Agora saen con outras cousas pero o que pon negro sobre branco é iso: captan 46 millóns de litros de auga ao día e devolven 30.

Por outra banda está o asunto da temperatura da auga?

No proxecto di que a auga vai volver a 27 graos. Eles din qua a auga que volva non superará os tres graos de diferencia con relación á que saia. Eses tres graos é o máximo que permite a lei. O que é evidente é que a auga quente que van botar si que vai ter impacto na auga do río elevando a súa temperatura o que vai facer que proliferen especies prexudiciais.

Como se financiaría a instalación da empresa?

Eles falan de que queren facer unha inversión de 900 millóns de € e din que precisan arredor de 250 millóns de € de fondos Next Generation. É dicir case o 28% do custe sería financiado por cartos públicos. De ser así toda esa partida sería íntegra para este proxecto e non se podería financiar ningún outro. Non me colle na cabeza como uns fondos que son para descarbonizar os comería na súa totalidade unha empresa cun impacto tan negativo na contorna.

Cantos postos de traballo crearía Altri?

A propaganda é moi diversa. Eles falan de 2.500 pero houbo conselleiras que chegaron a mencionar que serían 4.000. No proxecto o que se deduce é que o máximo número de persoas que poderían chegar a traballar aí sexan 500.Cando falan de postos indirectos eles xogan con postos que xa existen.

A que te refires?

Eles din que non vai ser necesario plantar máis eucalipto. Entón de onde se saca a suposta necesidade do aumento de transportistas para transportar a madeira?, porque agora mesmo non hai unha soa plantación de eucalipto que quede sen cortar cando lle toca. No que se refire ás prazas de hotel a comarca está practicamente ao 100% , onde estaría o beneficio?.O emprego que se xere na comarca, se se xera, sería mínimo.

Falastes coas forzas políticas?

Con quen nos quixo atender si.

Quen vos atendeu?

Comezamos polos concellos de Santiso, Melide, A Golada e Antas de Ulla que foron os máis receptivos.

Quen goberna neses catro concellos?

En Melide unha agrupación independente en coalición co Bng, en Santiso o Bng, en Antas de Ulla o PSOE, e na Golada unha agrupación independente .E hai máis alcaldes que amosan o seu apoio ás nosas reivindicacións aínda que non tiveramos falado directamente con eles.

Cos grupos políticos tedes falado?

Si , falamos co BNG, Sumar e Podemos. Os tres amosaron a súa sensibilidade e manifestaron que traballarían nos parlamentos galego,estatal e europeo para tratar de impedir a instalación da empresa.

E o PSdeG?

Si, temos falado. Non teñen unha posición oficial ao respecto pero si hai indicios que nos permiten ser optimistas como por exemplo a posición da Deputación de Lugo que si se manifestou en contra ou a posición dos concellos da comarca nos que eles gobernan.

Co PP falastes?

Non.

Por que?

Non temos as portas abertas para falar con eles.

Que significa iso de “non ter as portas abertas”?

Non conseguimos interlocutor para falar con eles.

Os concellos do PP na comarca son Palas de Rei e Monterroso. Que pasou nestes dous casos?

O alcalde de Palas veu á primeira charla que se fixera en Palas, é certo que marchou antes de que rematara. Tratou de dar explicacións que a nós non nos valen porque el é un avalista dese proxecto. O alcalde de Monterroso fai seguidismo do alcalde de Palas.

A empresa dirixiuse nalgún momento a vós?

Como plataforma non. Eles viñeron a dar unhas charlas a distintos concellos da comarca. Pero deixaron á xente colgada. A varios concellos non asistiron seica porque non podían falar nas charlas pola suposta agresividade dos asistentes.

E existiu esa suposta agresividade?

Eu asistín á charla de Melide enteira e a parte da de Monterroso e foron moi tranquilas. O que aconteceu é que non daban respondido ás preguntas que lles facía a xente. O que non esperaban é que se lles fixeran preguntas incómodas. En ningún caso houbo actitudes agresivas nin faltas de respecto.

En que fase estamos agora mesmo?

Ata o día 17 está aberto o prazo de presentación de alegacións contra o proxecto da celulosa.

Temos constancia a día de hoxe( 08/04) de como vai o volume de alegacións presentadas?

Non podemos saber a cifra exacta ata que se acabe todo, pero temos constancia de que vai haber un número moi elevado de alegacións. Os rexistros dos Concellos están recibindo un volume moi alto de alegacións.

O rexistro do Concello de Palas de Rei tamén?

Non, nese caso Non. A xente sabe que se as presenta alí o alcalde vai fichar a quen as presente e prefire facelo noutros concellos.

No caso de que se estimen as alegacións o proxecto decaería?

Si se estiman na medida que nós estamos formulando si. Temos varios científicos traballando en varias áreas e estamos a presentar alegacións moi contundentes. Se estiman as alegacións máis graves o proxecto tería que decaer.

Se se desestiman as alegacións substanciais que vai pasar?

Pois esgotariamos a vía administrativa e de ser necesario iriamos á vía xudicial. Imos ir ata o final para evitar este atentado contra a nosa a comarca.

En xeral cal é a pulsión maioritaria da sociedade da comarca?

Hai un clamor maioritario na sociedade claramente contrario a este proxecto.