Paloma Castro Rey deputada do PSdeG e candidata á Secretaria Provincial

Paloma Castro Rey PSG Pontevedra

Paloma é unha deputada autonómica do PSdeG que competirá o próximo domingo 23 pola secretaría provincial do PSdeG contra o actual secretario David Regades. Paloma é unha persoa moi vinculada ao anterior SX Gonzalo Caballero , de feito formou parte da súa executiva. Ela é de Pontevedra e alí nos achegamos nós a coñecela. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Eu son a cara visible dunha sensibilidade moi importante na militancia socialista da nosa provincia que debe de ser escoitada e tida en conta”

Para podermos coñecerche mellor fainos un breve perfil da túa persoa?

Eu son natural de Pontevedra. Son avogada e nese sector , na actividade privada, traballei ata hai un ano e medio. Son especialista en dereito de familia, e violencia de xénero

Que lle diría unha especialista en violencia de xénero a unha persoa que di “ A violencia non ten xénero”?

Que a realidade desminte esa falacia. Os datos de mulleres maltratadas a mans das súas parellas ou ex parellas amosan que quen di iso se equivoca ou literalmente minte.

Como dás o salto á política?

Eu levo toda a vida na política. Xa a miña avoa foi concelleira en Pontevedra e desde moi nena andaba pola sede. Toda a miña familia é socialista e case che podo dicir que a miña vinculación co partido socialista naceu cando eu nacín.

E o paso á política orgánica?

Hai media ducia de anos como concelleira na oposición de Pontevedra

Como valoras a túa experiencia no Concello de Pontevedra?

Moi boa. A min a política municipal gústame moito. De feito creo que é o tipo de política que máis me gusta, pois fala a pé de rúa tratando directamente cos teus veciños e veciñas.

O salto ao parlamento como foi?

Cando Pedro Sánchez foi derrocado, naquel infausto comité federal, a militancia movémonos para tratar de levar ao PSOE polos camiños da esquerda. E en Galicia distintos compañeiros e compañeiras que non tiñamos moito contacto previo comezamos a organizarnos baixo o liderado de Gonzalo Caballero e entre nós creamos un vínculo moi forte. Despois de que Gonzalo gañase a secretaría xeral entrei con el na executiva levando a área de xustiza .Cando foron as eleccións autonómicas Gonzalo propúxome ir na súa lista de número 3 a así cheguei ao parlamento

Naquel “combate” entre o Sanchismo e o Susanismo, no que tanto se significou Gonzalo, onde estivo Valentín?

Toda a xente de Valentín estivo con Susana, de feito o actual S.O, Lage Tuñas, era o representante de Susana en Galicia. Valentín creo que estivo con Pedro pero tampouco o recordo con exactitude.

Pedro Sánchez é un tipo curioso, abanea de tal maneira que non é fácil de interpretar. O movemento deste último congreso de cargarse a moitos que o apoiaron e rescatar a parte do susanismo, incluso a persoas que explicitamente o traizoaron, como o valoras?

Non teño as chaves de Pedro Sánchez e non o podo explicar. Si que teño que dicir que sentín moita mágoa por xente que quedou fóra , e moita sorpresa por xente que agora está en primeira liña

Non é habitual que unha executiva non poida acadar un segundo mandato .Por que perdestes as primarias contra Valentín González Formoso?

Eu creo que por unha suma de razóns varias. Seguro que cometemos erros e que cómpre un exercicio de autocrítica .Pero con toda humildade creo que podo dicir que traballamos moitísimo , fortalecemos o partido en toda Galicia e quitamos resultados excelentes en todos os procesos electorais agás nas últimas autonómicas que malia termos subido non foron os resultados esperados. Entrando na cerna da cuestión eu diríache que hai determinados poderes aos que non lles interesaba a liña política de Gonzalo que situaba á nosa organización dunha maneira clara e nidia na beira esquerda da política

Entón pensas que houbo unha estratexia organizada para liquidalo?

Si, desde o primeiro momento. Gonzalo quería coser as feridas e confiou demasiado en quen non debía. E por detrás foron construíndo unhas estruturas de poder en diferentes territorios axudadas por xornalistas que escriben a dedo contra Gonzalo, que sumadas produciron o resultado final. O argumento que empregaban do mal resultado electoral non foi outra cousa ca unha escusa

Valentín González Formoso ten nivel para ser secretario xeral?

A ver, a verdade Gonzalo é un rival moi difícil, sobre todo nun debate, ten unha formación fabulosa que non ten Valentín, pero ben haberá que darlle o beneficio da dúbida desde logo.

Cunhas primarias moi duras que acabades de vivir cun resultado de arredor do 60/40 , estades en disposición de coser feridas e dar á imaxe á sociedade dun PSdeG unido?

Non queda outra. Ao final foi un exercicio de democracia que hai que respectar e acatar. Creo que temos vivido procesos de primarias máis duras que estas. Desde logo que pola nosa parte non vai faltar a lealdade á nova executiva, aínda que tamén imos fiscalizar o seu labor como non podía ser doutra maneira.

Ben e unha vez que perdedes as primarias que é o que che leva a competir contra David Regades pola secretaría provincial?

Hai unha sensibilidade dentro da nosa provincia cuantitativamente moi importante que debe de ser escoitada e tida en conta. Eu son a cara visible dun grupo moi numeroso dentro do noso partido.

Que diferenzas hai entre a candidatura que ti encabezas e a que lidera David Regades?

A miña vontade é ensanchar as base e tratar de atraer á mocidade cara ao noso partido e liderar unha estrutura máis independente doa poderes institucionais. Ás veces cando os poderes unifican a democracia perde calidade. Para min a estrutura provincial ten que prestar o apoio suficiente ás distintas agrupacións

Esta dirección non presta ese apoio de maneira suficiente?

Ás veces as agrupacións máis pequenas séntense un pouco abandonadas e a militancia ás veces tamén. Semella que só importan nos momentos nos que hai procesos electorais

A votación é o 23, hoxe é día 11, tes pensado percorrer as distintas agrupacións?

Estou niso xa.

Sodes dúas candidaturas pero inicialmente parecía que iades ser 3 pois un grupo de alcaldes descontentos tratou de postular a un 3º candidato, Pacho, que finalmente rematou por retirarse. Vas falar con eses alcaldes para tratar de atraelos á túa posición?

Eu vou percorrer todas as agrupacións e falar con todos e todas desde logo. E as persoas que se queiran sumar serán todas benvidas

Que pasou en Porriño?

O partido socialista non acepta chantaxes e unha persoa allea ao noso partido non pode impoñer unha alteración das nosas listas tal como foran configuradas

Manuel Carrera o concelleiro que coa súa abstención propiciou a alcaldía do PP está traballando na DEP, non entendo como o partido socialista non o convenceu para que votase a favor da vosa candidata?

Non o sei.

A responsabilidade sobre o caso enchufe no concello de Vigo remata no funcionario condenado?

Si. A presidenta da DEP en ningún momento foi nin sequera chamada a declarar, polo tanto entendo que a xustiza deixou claro este asunto

Rematamos Paloma. Como estás de ánimos ante a inminencia do proceso electoral?

Estou enormemente ilusionada con todos os folgos do mundo para afrontar este reto tan bonito e gañalo, imos a por todas. Pero, sexa cal sexa o resultado, comprométome a saber gañar, se gañamos, e a saber perder , se perdemos.