Dicía Carmen Martín Gaite que “non hai pracer máis elevado cá conversa cando quen fala ten gañas de falar,e quen escoita ten gañas de escoitar”. A min, que coincido coa opinión desta escritora, hai persoas coas que, cando converso, ese proceso non o experimento nunca, hainas coas que me pasa ás veces, e tamén ás hai coas me pasa sempre que me sento a falar con elas. Unha desas persoas, que están dentro deste último grupo, é o deputado do BNG Luis Bará, un tipo lúcido comprometido e cordial co que é un pracer conversar e que sen dúbida é unha das mellores opcións para rematar a análise política deste ano que se acaba en ANP.
“ Hai un importante proceso de cambio social, especialmente na mocidade, que lidera o BNG, e estou convencido de que acabará por traer o necesario cambio político”
Facemos esta entrevista o 12 de decembro. Vas ir o día 15 a Compostela?
Si, por suposto que si.
Por que?
Hai que amosarlle á Xunta, cunha grande mobilización, que hai unha maioría social que non acepta un proxecto como o de Altri, enormemente agresivo para o territorio e para o país. Por outra parte nas circunstancias de tramitación vemos como a Xunta lle está a dar informes favorables de maneira non regular. E non podemos esquecer que pretende darlle unha subvención de máis de 200 millóns de €, o que é un auténtico escándalo.
Hai moitísimos motivos para estar o día 15 en Compostela.
Vindes de celebrar unha asemblea nacional no BNG. Como valoras o seu resultado?
Valóroo de maneira moi positiva. Tanto o BNG como organización como a propia Ana Pontón, como a súa líder, saíron enormemente reforzados. E por último a liña política iniciada no 2016, con ela ao fronte e que tivo tan bos resultados, foi consolidada de maneira rotunda.
Por que houbo tres candidaturas?
O Bng é unha organización plural e democrática con distintas sensibilidades e colectivos organizados que consideraron que para ser representados nos órganos de dirección do Bng éralles mellor presentar candidaturas propias.
O sistema de elección que ten o Bloque favorece moito as candidaturas minoritarias. Quero aclarar que as tres candidaturas non tiñan nada que ver co liderado de Ana Pontón que non era cuestionado por ningunha das outras dúas.
Se tivera existido unha votación separada para o liderado, da que se dá para escoller aos órganos de dirección teño a convicción de que Ana Pontón quitaría preto do 100% dos votos.
Nos días previos á asemblea en importantes medios de comunicación se publicaron artigos que presentaban a situación interna do Bloque case como de inminente confrontación. Esa visión non responde á realidade?
O que acontece é que o PP está moi preocupada polo ascenso imparable do Bng e ten unha estratexia deseñada anti Bng para o que utiliza a maior parte das súas intervencións e enerxías, e eles confunden a realidade co desexo. Gustaríalles que houbese problemas internos no Bloque, pero o certo é que non os hai.
Explícanos as circunstancias da comisión de investigación que impulsastes no parlamento?
O PP viuse acurralado pola iniciativa dunha comisión de investigación que votou en contra e que se viu forzado a participar nela.
Se votou en contra por que se chegou a crear?
Porque hai un artigo do parlamento que permite facelo se un grupo que teña 25 actas o demanda.
E o plan de traballo como se desenvolve?
Está suxeito ás maiorías que haxa, entón o PP deulle a volta e tratou de facela a súa medida e na súa desesperación chama a ex altos cargos do BNG para tratar de crear a ilusión de que todos somos iguais, algo que é totalmente falso.
Non ten nada que ver as relacións do PP con Eulen co que é o funcionamento habitual de miles de empresas galegas que que contratan coa Xunta de maneira regular, sexan con contratos licitados en concursos públicos sexa con contratos menores.
Nós non cuestionamos iso, cuestionamos os apaños.
Falemos do Álvaro Cunqueiro?
Houbo un sobrecuste de 470 millóns de €.
Por que cre o BNG que o houbo? Por ineptitude? Ou por outra razón máis grave?
Por unha decisión de tipo político ideolóxica consistente en facer aos servizos sanitarios obxecto do mercado e da explotación por parte de empresas privadas.
Un deputado voso desenvolveu unha acción moi rechamante desenrolando unha especie de contratos…Explícame en que consistiu?
Foi na comisión da investigación. Nós denunciamos que nos últimos cinco anos a Xunta realizara máis de 1.500 contratos coa empresa Eulen, cuxa directora territorial para Galicia é a irmá de Feijoo, a dedo. Levabamos moitos meses reclamando a documentación deses contratos e a Xunta non nola entrega, e tamén se negaron a que viñeran os responsables da empresa á comisión.
Entón como un acto de denuncia desenvolveu unha especie de performance de desenrolar todos os contratos, dos que só temos o obxecto e o prezo pero non a documentación.
Nesa comisión de investigación como está sendo a actitude do PP?
Desde o principio fixeron un absoluto boicot do traballo da comisión tanto no que se refire á documentación como ás comparecencias, chegando ao absurdo de impedir que viñese o que foi 14 anos presidente da Xunta e pretender que acudise o presidente de Catalunya.
O PP quere darlle carpetazo inmediatamente porque lle resulta moi incómoda e pretende facer unhas conclusións á súa medida, por iso nós presentamos un recurso de amparo no TC porque entendemos que se vulneraron os nosos dereitos.
Canto tempo levas como deputado?
Dúas lexislaturas completas e o que levamos desta.
Non estás canso?
Non, todo o contrario, sigo ilusionado. O histórico resultado das últimas autonómicas é un recoñecemento ao noso trabalo nos últimos anos. A primeira lexislatura, cando só eramos 6 deputadas/os, si que era para estar canso pois traballabamos a un ritmo infernal. Agora temos un equipo moito máis amplo.
Nos primeiros anos de deputado ocupábaste dos concellos do sur da provincia e agora cambiaches aos do norte. Por que mudaches o teu ámbito de actuación?
No primeiro mandato só eramos dous deputados na Provincia de Pontevedra, Montse Prado e máis eu, entón tivemos que repartir a Provincia entre dúas persoas. Agora somos bastantes máis e o reparto das responsabilidades é diferente.
Botas de menos os Concellos do Sur?
A min gústame moito o traballo no territorio e o contacto coa xente. Por exemplo na comarca do Baixo Miño resultoume moi agradable traballar. Igualmente me gustou moito todo o traballo que fixemos e seguimos facendo na zona do Suído. Tamén me coincidiron varios conflitos laborais na área de Vigo , madeiras Iglesias, Ganomagoga…, que son cuestións enormemente duras porque afectan á vida de moitas familias.
Parácheste a contar os quilómetros que fixeches neses anos?
Pois non, a verdade é que non.
Os problemas que percibiches na zona sur de Pontevedra son semellantes aos que ves agora nos Concellos do norte?
Hai algúns comúns, por exemplo os que teñen que ver coa situación de deterioro dos servizos públicos, como a sanidade. E logo hai problemáticas específicas como por exemplo as relacionadas co medio ambiente.
Como ves a situación eólica?
Agora hai unha certa parálise por mor das sentenzas do TSXG que supuxeron a paralización de ducias de proxectos, pero a Xunta está cunha ofensiva lexislativa que ten como finalidade esquivar eses resolucións e tratar de axilizar eses parques e de impulsar unha nova avalancha de proxectos. E iso vai ir acompañado tamén dunha nova ofensiva de proxectos mineiros. Se engadimos o de Altri, ou o da mina de Touro podemos decatarnos de que a Xunta está situando ao noso país nun escenario moi preocupante. O BNG ten que estar preparado para dar a batalla, e como fixo sempre seguir defendendo sen parar os intereses das persoas.
O último informe do IGE sobre o estado de saúde do idioma galego é demoledor. Quero facerche dúas preguntas ao respecto desta cuestión:- Cun 16% de nenas e nenos que se expresan habitualmente en idioma galego é obxectivamente posible que o galego continúe vivo na seguinte xeración?
-O PP presentou un plan de acción en aparencia ambicioso en relación co coidado do idioma, que está baseado en grupos de traballo. A xuízo do BNG este plan ten vontade sincera de tratar de reverter o estado das cousas?
No que atinxe á primeira pregunta, eu creo que debemos confiar na vitalidade do idioma aínda que sexamos conscientes de que a situación é dramática. Cómpre reaccionar de contado e ter unha resposta de país que estea á altura da gravidade do estado de saúde do noso idioma.
O 23 de febreiro, o día de Rosalía, haberá unha grande manifestación que estou seguro reflectirá de maneira abafadora que a sociedade galega quere que o seu idioma siga vivindo.
É imprescindible que todas as institucións e todas as administracións teñan unha posición activa ao respecto.
Creo que a situación reversible, pero para que o sexa é necesario que haxa un goberno no país que se tome este tema coa seriedade debida.
En relación á segunda pregunta a proposta do PP é un timo, unha fraude absoluta e unha tomadura de pelo.
Por que?
Pois porque incumpriron todo o previsto no plan de normalización lingüística, porque fixeron o decreto da vergoña no ensino e agora venden fume porque se queres facer un plan de dinamización do galego e mantés o mesmo orzamento ou incluso o baixas, non é posible confiar na existencia dunha vontade real para salvar o idioma.
Nós propuxemos que os orzamentos se multiplicasen por 3. Se queres realmente mellorar algo que obxectivamente está mal é necesario pór medios, se non os pos non é crible que o queiras mellorar.
Que medidas serían imprescindibles pór en marcha de inmediato?
-A derrogación do decreto da vergoña
-A constitución dunha mesa plural coas organizacións políticas, do ensino e tamén sindicais para elaborar un novo decreto
-O incremento dos orzamentos para a lingua
-A retirada inmediata dunha medida, terriblemente regresiva, na que se abre a vía para que a CRTVG poida utilizar a lingua española.
Na autonómicas subistes de maneira salientable de 19 a 25 actas pero, malia que había expectativas realistas de que chegarades ao goberno, non foi posible. Ti, a noite electoral pronunciaches unhas palabras moi emotivas que referían a necesidade de seguir na liña que inevitablemente, ao teu xuízo, vai levar ao goberno galego. Esas palabras reflectían o que pensabas realmente?, ou estaban dirixidas á satisfacción das vosas propias bases?
Estou convencido de que hai un proceso de cambio na sociedade, especialmente concentrado na xente máis nova. Hai un desexo de cambio, cada vez máis importante, que o está encarnando o BNG, e nós estamos nun proceso de medre continuo, e se seguimos facendo ben as cousas e conseguimos un incremento importante nas municipais do 27, teremos moi serias opcións de conquistar o goberno.
