Marcos Santos e Tino Lago.
Continuamos coa xeira da análise da actualidade política redondelá, que iniciabamos o pasado mes falando con Javier Bas, conversando desta volta coa súa alcaldesa, a socialista Digna Rivas. Ela defende con paixón e enerxía a xestión do seu goberno, e manifesta que despois de superadas as consecuencias dun grave problema informático que sufriu o Concello, ábrese un horizonte de claridade que lles permite afrontar o 2025 con perspectivas moi favorables. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ Encaramos o ano 2025 cunhas perspectivas moi optimistas”
Como levas ti o tema da intelixencia artificial?
Lévoo moi ben, e ultimamente lévoo especialmente ben.
Tes accións en Chat GPT?
Ha, ha ha ha…Non, non teño accións en ningunha compañía. O que acontece é que puxeron a Redondela no lugar que merece. É máis eu creo que non é que Redondela sexa o mellor lugar posible da nosa área de influencia pera vivir, Redondela é o mellor lugar do mundo para vivir, e é un mérito colectivo de toda a sociedade redondelá no seu conxunto.
Malia que nas consideracións que se facían había erratas evidentes.
Ben, facíase referencia á solidez das expresións culturais de Redondela, e imaxino que iso non será unha errata?
Non, claro que non. Agora ben, tamén teño que dicir que cando chegamos ao goberno a situación cultural da nosa localidade estaba en estado crítico. Afortunadamente púidose reverter grazas ao traballo e ao bo facer das distintas asociacións e colectivos.
Estás satisfeita das relacións que ten o goberno co tecido cultural redondelán?
Si, moi satisfeita. E cónstame que, en liñas xerais, a satisfacción é recíproca. O noso goberno trata a todo o mundo con equidade con independencia da súa posición ideolóxica.
Fixo algo o Concello de Redondela para buscar o de Chat gpt ou veuvos dado?
Non, non fixemos absolutamente nada. Non o buscamos nin fixemos nada para que se dese esa situación. Eu en concreto coñecina a través da nota dun medio de comunicación que saltou en redes sociais, nota que , insisto, tiña varias erratas.
Xa levamos un ano e 7 meses deste mandato, como o valoras?
Este ano é medio a situación á que nos levou o grave problema informático que padecemos foi bastante complicada. Creo que podo dicir que estivemos á altura nunha situación moi difícil ata o punto de que encaramos o inminente 2025 cunha previsión moito máis optimista.
A situación que describes como “ complicada” responde a razóns económicas? Políticas? Ou a ambas?
A razón da complicación é o problema informático ao que antes me referín. Por mor desa grave incidencia perdemos unha enorme cantidade de datos o que nos orixinou importantes consecuencias negativas durante bastante tempo.
Ese problema informático é a causa de que se perdesen subvencións?
Si, si que o foi. Non tiñamos datos ningúns e os problemas foron moitos, entre eles ese que mencionas.
Estivo Redondela en risco?
Non, nunca. Estivemos nunha situación de contención e control, pero en risco non. O importante é que cando haxa un problema se teña a capacidade para resolvelo. E iso, exactamente iso, é o que fixo Redondela,e a súa alcaldesa está terriblemente orgullosa de toda a administración municipal.
Di o partido popular de Redondela que a situación económica de Redondela é mala e que non só obedece a ese problema informático, senón á nefasta xestión económica do teu goberno. Que tes que dicir ao respecto?
Eu non quero entrar en debates estériles con quen foi alcalde durante oito anos e non sabe manter as formas de cortesía e respecto minimamente esixibles non só na política, senón en calquera relación humana.
A agresividade na política non vai comigo e quen pretenda meterme nesa dinámica que perda toda esperanza, non o vai conseguir. Calquera cousa que digo eu ao respecto da nosa situación económica está avalada por informes técnicos, que constatan a súa veracidade e rigor.
Javier Bas non sabe manter as formas de cortesía minimamente exixibles?
Hai cualificativos que non se deben empregar nunca. Por desgrazas vemos como esa á a dinámica de actuación política do PP a nivel de todo o estado.
Ben, quedou clara a túa posición. Pero prescindindo das formas e cinguíndonos aos contidos: o motivo da intervención foi só o problema informático? ou tamén algún tipo de deficiencia na xestión económica?.
Foi só o problema informático. E volvo repetir que isto está avalado por distintos informes técnicos.
Está resolto de todo?
Imos rematar o ano con tranquilidade e encarar o que ven cunhas previsións moi optimistas.
E hai a liquidez necesaria para podelo facer?
Nunca deixou de habela. O propio PP pediunos os saldos bancarios e cando os tivo no seu poder non lle quedou outra que calar. Nós en mes e medio pagamos 2,7 millóns de € dos nosos fondos propios. Se non tiveramos liquidez non o poderiamos ter feito nin de broma. É máis; que concello pode facer algo como iso?
E os 800.000€ que quedaron?
Foi por falta de tempo.
Falemos da situación política. Como o valoras?
Estou enormemente contenta da relación con AER, o traballo co seu concelleiro é excelente e a valoración non podería ser mellor. En relación ao BNG teño que dicir que nas cuestións de calado saben estar á altura e eu estoulles moi agradecida.
A suba do lixo é un espolio á veciñanza de Redondela?
A alcaldesa de Ponteareas, do PP, sobe o recibo do lixo un 85%.Que opina Javier Bas ao respecto?.Redondela leva 23 anos coa taxa do lixo conxelada e o servizo supón un déficit para o Concello de arredor de 1,6 millóns de €.Esa enorme cantidade é a diferenza entre o que recadamos e o que nos custa o servizo, diferenza que ten que asumir o concello, é dicir o conxunto da veciñanza de Redondela.
Ese é un problema moi serio para as finanzas do concello, aínda así cubrimos, xustos pero cubrimos. E a nosa política tributaria non é de suba xeneralizada de impostos, nin moito menos, por exemplo o IBI non o tocamos. A resposta á túa pregunta, é non, un non rotundo, non é un espolio é unha necesidade, que entre outras cousas está motivada pola suba do canon de Sogama que aplica a Xunta do PP.
Canto sobe a taxa do lixo?
Un 45%, bastante menos do que sobe noutros concellos.
Dicíasme que enfocas o 25 cunhas perspectivas moito máis optimistas. Tes algún proxecto destacado en mente?
Temos moitos, pero se me pides que destaque algún dígoche o máis importante que é o paseo do litoral de Cesantes. É unha actuación que vai transformar Redondela substancialmente, tanto no que se refire á cuestión estética como en darlle á veciñanza máis oportunidades para que poidan gozar do seu lecer,e é unha actuación coa que estou moi ilusionada.
Desde onde ata onde vai?
Desde a lonxa ata a praia.
Pero deste paseo xa se leva falando moitos anos
Si, seino, pero eu son unha muller moi teimuda, que nunca se rende, e estou firmemente decidida a facelo realidade.
En que orientación temporal podemos estar pensando para que estea rematado?
A min gustaríame que na fin do mandato actual estea xa perfilado.
Notaches algún tipo de cambio na relación coa DEPO co goberno actual do PP?
Si, a situación é manifestamente peor. É absolutamente caciquil e populista.
Por que?
O actual goberno da DEPO non ten o máis mínimo respecto institucional cara ao goberno de Redondela, e polo que eu sei cos distintos concellos que non son do PP tampouco a teñen. A situación é e tal calado que chega ao punto de non convidar á alcaldesa de Redondela a un acto que organizou a DEPO na illa de San Simón.
O asesor da DEPO e ex alcalde de Redondela, Javier Bas,foi a ese acto?
Debeu de ir, si.
Parece evidente que a a Avenida de Mendinho necesita ser arranxada. Esa vía é de titularidade autonómica. Na conversa que tivemos o mes pasado con Javier Bas, manifestou que o problema da falta de acordo, que impide operar nesa avenida, es ti, pois non hai unha interlocución adecuada contigo. Que tes que dicir ao respecto?
O PP é especialista en atribuír aos demais as súas propias responsabilidades. E o PP de Redondela ten un máster neste modus operandi. O deste asunto é asombroso: A Avenida Mendinho é autonómica, os responsables do seu estado e conservación son eles pero a culpa de que non se arranxe é miña. É tan disparatada a escusa que se cae polo seu propio peso.
Acaban de darlle unha enorme cantidade de cartos a Baiona para arranxar unha avenida no seu concello. Quen goberna en Baiona? O PP…O PP goberna en Redondela?.Non. Ese é o problema e non ningún outro.
Eu teño vontade política de solucionar ese asunto, teño interese en sentarme coa Xunta para solucionalo e aínda estou esperando.
Rematamos alcaldesa: esta entrevista vaise publicar a finais de mes, pero facémola o día 10, non sei como rematará o teu día hoxe, pero o meu vai acabar ás 20:00h no hotel Coia de Vigo escoitando unha conferencia dun tal Xurxo Martínez que seica coñeces moi ben…
Vaia pois que envexa me dás, porque me gustaría moito poder asistir a esa conferencia de Xurxo. El é o noso técnico de normalización lingüística, é un home brillante e é un luxo para o noso Concello podermos contar co traballo dun home como el. El non é de Redondela pero implícase tanto que para min xa é un choqueiro máis .
