Peixería “Luz María” en Peinador”

Peixeira Luz

A carón do aeroporto de Peinador, xusto onde están as conexións aéreas de Vigo e a súa área co resto do mundo, existe desde hai case catro anos unha pequena peixería, a única de todo o concello de Mos, que posúe un xénero de calidade excelente e que é atendida e rexentada por Luz. Ela é unha muller de Guizán completamente namorada da súa profesión que desenvolve con paixón neste precioso negocio, cuxa visita recomendamos encarecidamente a todos os noso lectores e lectoras pois a satisfacción está absolutamente asegurada.

Luz María Pereira.

Adoro o meu traballo, estou convencida de que este é o negocio da miña vida”

De onde es ti?

Do Santiaguiño, na parroquia de Guizán, moi cerca de onde teño o negocio.

Cóntanos como transcorreron os camiños da túa vida profesional ata chegar a abrir a peixería que rexentas na actualidade?

É unha vida moi extensa, non sei se chegarán as páxinas do periódico……

Ha, ha, ha ha..Ben, entón de maneira resumida

Se algo me caracteriza é que son unha muller moi traballadora. Sempre dou o mellor de min para lograr un resultado óptimo no meu traballo. Traballei en sectores diferentes: panadería, pastelería, frescos, conxelados…sempre como empregada e en sitios moi distintos: Moaña, Pazos, Vigo..

Cando inauguraches a peixería e por que motivo?

O motivo é moi sinxelo: non hai unha soa peixería en todo o concello de Mos.

Ningunha?

Esta é a primeira. Eu dábame de conta de que cada vez que quería mercar peixe tiña que ir a Vigo ou a Redondela e ás veces era realmente complicado. Entón ocorréuseme a idea de dar este servizo á veciñanza de Mos.

Cando foi a apertura?

O 9 de febreiro do 2021, en nada fago catro anos.

Como valoras estes anos?

A valoración é moi positiva. Estiven o ano pasado tres meses pechada por mor dun accidente laboral e tiña medo de que puidese perder clientela. Pero afortunadamente non foi así. Aproveito a oportunidade das páxinas da Peneira para darlle as grazas desde o máis profundo do meu corazón a todas as miñas clientas e clientes pola súa fidelidade e cariño. Nada disto podería ser posible sen eles.

Que é o que máis che gusta do teu traballo?

O trato coa xente. É enormemente enriquecedor. Encántame conversar cos clientes, e preocúpome de verdade polas circunstancias das súas vidas, pois moitos deles máis que os meus clientes son xa os meus amigos e amigas.

E o que menos?

Non hai nada que non me guste, adoro o meu traballo.

Que horario ten o negocio?

De martes a sábado de 9:00 a 14:00..Pero eu érgome moito antes para ir á Ribeira a mercar o peixe.

A que hora?

Ás 3:45 da mañá.

Mi maaaa, todos os días?

Si, todos os días, e todos e cada un dos días o que podemos encontrar na peixería é peixe fresco.

Descríbeme como é o proceso dunha poxa?

Pois eu desde que saio de casa xa estou falando con xente que ten barcos e con provedores para ver como vai a Ribeira ese día e o que podemos atopar. Logo chego e teño que ir ás poxas. Ali están a xente dos barcos que cun micrófonos e van ofrecendo o seu produto, van baixando de prezo ata que alguén para a poxa porque ve un prezo razoable e está interesada en mercar

Son duras as poxas?

A min custoume bastante facer o meu espazo.

Por ser muller?

Non, por ser nova no sector e porque hai xente que leva bastante tempo e se cre que o sabe todo.

Tamén tes marisco?

Si, tamén e da Ribeira. Eu todo o merco alí.

Cal é o produto que ten maior aceptación?

Un pouco de todo:rapantes, mexillóns, chinchos, pescada…( eu traballo a pescada de Burela que é de enorme calidade).

Agora en Nadal venderás moito marisco?

Si,a verdade é que si. Teño tamén por encargo.

O Peixe é caro?

Subiu moito, aínda que quero dicir tamén que no meu negocio haino accesible a todas as economías, e todo o que hai é de calidade.

Por que subiu?

Hai pouco, e estamos nun contexto de encarecemento xeral de todo, e o peixe non é ningunha excepción.

Agora revélanos un segredo: cal é o peixe que máis che gusta a ti?

Ha, ha ,ha ha, tampouco é que sexa nada que non se poida contar…A min gústame todo, se teño que quedarme con un creo que escollo o linguado e os xurelos.

Rematamos: Es aínda moi nova pero véxote tan apaixonada co que fas que non desboto que este vaia ser o negocio da túa vida. Equivócome?

A vida dá moitas voltas e non se pode saber o que vai pasar, pero penso que non te equivocas. Quero que este sexa o negocio da miña vida, e dígoche máis vou intentar crecer.