Festa dos Callos de Salceda de Caselas 2022

Verónica Tourón Tenente de Alcaldesa de Salceda

Esta festa gastronómica celébrase na Praza do Concello o primeiro domingo de setembro dende 1993. Cada ano máis de 20.000 persoas acoden dende toda a xeografía galega e portuguesa para degustar este saboroso prato e en recoñecemento á tradición que ten este manxar na vila. Dende o ano 2007, na noite do sábado vénse celebrando un serán popular. Máis de 50 persoas voluntarias son as encargadas de que a festa sexa un éxito ano tras ano. Ademais da degustación gastronómica, os e as presentes poderán gozar de diferentes actos lúdicos e culturais e do seu pregón no domingo dos callos, para arrincar o día, e normalmente a cargo dun ou dunha humorista do momento. Non podemos tampouco deixar a e os máis pequechos, para eles e elas sempre hai algunha actividade estes días.

Comentar tamén que a corporación municipal, mandou en xaneiro do pasado ano 2021, unha memoria, aprobado por maioría no pleno da localidade, para solicitar que tanto a “Festa dos Callos” coma o “entroido da Feira e Castro Barreiro” sexan declarados de Interese Turístico Galego, magoa que despois de tanto tempo a veciñanza salcedesa siga a espera de dita resolución por parte da Xunta de Galicia.

A falta de poucos días para volver celebrar esta festa gastronómica tan emblemática desta fermosa vila de interior, conversamos coa súa rexedora, Verónica Tourón

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda

Convido a todas as lectoras e lectores a que se acheguen a Salceda a gozar dunha marabillosa festa dos Callos”

Verónica, como se presenta a Festa dos Callos este ano?

Pois despois de 2 anos sen festa por culpa da pandemia, nesta edición volvemos recuperar o noso formato tradicional que é o que nos gusta, o de ter a todas as persoas tanto do concello, como doutros limítrofes e mesmo do norte de Portugal, como cada ano, na praza do Concello, comendo e compartindo.

En que data exacta cuadra este ano a festa dos Callos?

Empezamos as actividades desde o xoves 1 de setembro ata o domingo día catro.

Tedes pechada a programación?, podes adiantarnos algo?

Aínda nos queda algo por pechar, pero podo adiantarche que o xoves 1 empezamos con actividades Infantís.

Recuperamos o serán popular, pero no canto de facelo o sábado como outros anos, trasladámolo ao venres. Con participación libre tanto de grupos do concello como daquelas persoas que queiran vir participar de fóra.

Para o sábado á noite teremos un concurso de charangas cuns bos premios. Xa para pechar esta noite o concerto de “The Turre`s Band”.

Xa o domingo recuperamos a festa tradicional dos callos, con Frigolouro, na Praza do Concello e, o Pregón, como sempre. Teremos tamén o tradicional paseo polas potas de todas as autoridades e os membros das asociacións da vila. Comezaremos coa degustación dos callos a media mañá, ata que se esgoten. Pola tarde pecharemos a programación desta edición 2022 con algo de animación infantil e o monólogo da persoa que vai dar o pregón no auditorio municipal.

Que significa a Festa dos Callos para Salceda?

Esta é a festa grande xunto coas festas patronais do Cristo que se viven con devoción. A Festa dos Callos fai que tanto para veciños e veciñas, como quen vén de fóra, ata do norte de Portugal, sexa unha tradición. En Salceda xa temos o costume de que os mércores, cando hai mercadillo, varios locais hostaleiros do centro da Vila ofrezan a súa tapa de callos, eu lémbroo desde pequena. Esta é unha tradición ao longo do ano que crece co propio día desta Festa dos Callos o primeiro domingo de setembro.

Esta festa signifícao todo. Ademais, é a primeira celebración gastronómica que facemos desde a pandemia, hai moitas ganas e así nolo traslada á veciñanza.

Que importancia lle dá ou teu goberno a este tipo de eventos?

Moitísima importancia. Quen leva cultura é o meu compañeiro Alex. El está a facer un esforzo moi importante para volver á normalidade. Tanto para Alex, como para min e o resto do equipo de goberno son unhas festas moi relevantes e pretendemos que sexa unha festa de convivencia, da veciñanza, da xente que nos visita dos concellos limítrofes e do norte de Portugal. Ademais de festa, é cultura e unha actividade económica importante para o concello. A xente que nos visita ten o costume de quedar todo o día por Salceda, de visitar as nosas tendas e gozar da nosa hostalería.

A xente, despois destes dous anos de pandemia, ten ganas de saír, de convivir, de festa e de cultura. A Festa dos Callos atrae a moitísima xente do noso contorno e contamos que este ano se superen esas 20.000 persoas asistentas á festa doutras edicións.

Utiliza as nosas páxinas para Convidar aos lectores e lectoras a que visiten Salceda na festa dos Callos.

Salceda ten lugares marabillosos que visitar. Poden aproveitar e, a parte de vir gozar dos callos na Praza do Pobo, gozar dun café ou dunha cervexa entre amigos e familia na hostalería. Pola tarde, pódense visitar as sendas do río, a piscina municipal que xa está aberta e reformada, temos parques e xardíns e o noso monte para dar unha volta se é que fai moita calor. Convido a todos os lectores e lectoras da Peneira, que se acheguen a Salceda, serán benvidos e benvidas e creo que non vai defraudar a Festa dos Callos deste ano.