As Pedriñas e a xente normal

As Pedriñas Concello de Mos A Nova Peneira
Tino Lago

Á tarde do sábado 19, unha tarde fría ,gris e chuviosa que convidaba a quedar na casa e gozar da paz do lecer e da familia, vencida tras dura batalla a preguiza, achegueime a Tameiga, ás Pedriñas a escoitar a charla de Adega e da plataforma Auga é vida, e mentres esperaba tomando un café para escorrentar a molladura e a friaxe, familias normais entraban cos seus nenos e nenas, e o amable sorriso dun descoñecido causou en min o efecto que causa en calquera persoa normal a amabilidade e o sorriso:” vimos do centro comercial” díxome el, e logo, xa está construído e eu sen sabelo, contesteille, e a súa resposta deume as chaves unha vez máis da desfeita que un goberno de pirómanos e irresponsables quere cometer no seu concello:” pero é que vimos do centro comercial real, do que se queren cargar, da natureza, de apañar castañas e cogomelos”. E si, non se enganen amigas e amigos, nas Pedriñas non hai nin radicais, nin violentos nin nada que se lle pareza. Só xente normal, que quere aos seus fillos igual que vós aos vosos, que teñen medos igual ca calquera persoa, que se ilusionan como todo o mundo, e que se lles pinchan dóelles do mesmo modo que me doe a min ou a calquera ser humano. A casualidade fixo que a voracidade dos tiburóns voraces se fixara nos seus montes e só tratan de defenderse ante unha flagrante inxustiza: expropiarllos contra a súa vontade para que se poida concretar un proxecto especulativo de manual que só vai beneficiar a quen se lle permita comprar barato para logo vender caro. Desde as nosa páxinas queremos facer un humilde convite a toda a veciñanza de Mos para que nunca esqueza aquel poema de Martin Niemöller

Cando
 viñeron buscar aos comunistas, gardei silencio, porque eu non era
comunista, 
Cando
encarceraron aos socialdemócratas, gardei silencio, porque eu non
era socialdemócrata 
Cando
viñeron buscar aos sindicalistas, non protestei, porque eu non era
sindicalista,
 Cando
viñeron buscar aos xudeus, non pronunciei palabra, porque eu non era
xudeu, 
Cando
finalmente viñeron buscarme a min, non había ninguén máis que
puidese protestar

Hoxe os tiburóns voraces veñen polos montes de Tameiga e pola directiva da comunidade de montes, de Tameiga, non porque sexan violentos , que non o son, nin radicais, que tampouco o son, por favor non vos deixedes enganar, van por eles porque son incómodos, porque protestan e porque non lles deixan chantar as súas gadoupas nos seus montes. Hoxe é Tameiga, e mañá poden vir polos de calquera outro sitio. Antes de entrarmos á charla tivemos a oportunidade de conversar con varios dos amigos de GañaMós, entre eles o seu concelleiro Román, que casualmente foron dos citados a declarar un domingo no cuartel da garda civil en calidade de investigados por un presunto delito de desordes públicos.

Ben, vós os de GañaMos sodes o brazo político da comunidade de Montes?

Non ohh, acúsannos de sermos o “brazo armado”

Que dis, non mo podo crer

Literalmente, iso foi o que nos chamaron, está na acta do pleno

Vós fostes citados a declarar no cuartel da Garda Civil en relación cos episodios acontecidos nun acto supostamente informativo convocado polo concello de Mos, verdade?

Si, para informar sobre o proxecto que o Celta pretende facer nos nosos montes

A citación era para a veciñanza de Tameiga?

Si, foron repartidas pola parroquia

No multiusos, na última semana de setembro

Onde foi a xuntanza?

E vós fostes?

Tentamos asistir

Que pasou nesa xuntanza?

Cando nós chegamos xa había moita xente na porta, e iso que fomos un pouco antes. Nese momento, ignoro os motivos, decidiron que as persoas que querían entrar deberían identificarse co DNI, alén de prohibir introducir as faixas ou calquera cousa alusiva ao motivo que desencadeou esta situación

E comezou a tensión?

Si, moita xente non entendía como tendo asistido a unha xuntanza, por un convite que chegou aos nosos domicilios, que supostamente era para aclarar dúbidas tiñan que ser identificadas pola policía

O convite era nominal?

Non

O multiusos estaba protexido por axentes da policía municipal?

E da garda civil de Mos tamén, de feito nós cremos que estaban ambas plantillas ao completo, incluso as auxiliares administrativas da policía local

Pero a identificación, supoño que se esixiría indiscriminadamente a todas as persoas, tanto ás partidarias do proxecto como as que claramente estades posicionadas en contra?

Ben, iso é matizable porque logo abriron as portas traseiras e por alí só entraron grupos de acólitos da alcaldesa, que foron avisados para que así o fixeran e a eles non lles identificaban

A obrigatoriedade de serdes identificados en actos que organiza o concello vivístela nalgún caso con anterioridade?

Nunca xamais

Describide os feitos que aconteceron na porta?

A xente quería entrar, a policía trataba de impedilo, sacaron as porras e houbo berros e empurróns

Vós agredistes a alguén?

De ningunha maneira, alí non houbo ningunha agresión. O que fixemos, como fixo todo o mundo e berrar as nosas consignas

Puidestes entrar?

Só Román que é concelleiro

E como se desenvolveu o acto?

A alcaldesa suspendeuno

Desde ese día cal foi a secuencia de acontecementos que rematou na vosa citación como investigados ao cuartel da garda civil?

Non pasou nada máis, só chegaron as citacións .A denuncia fíxoa a policía local de Mos, e como todo o mundo sabe esa é unha área, a da policía, que depende directamente da alcaldía, algo que é moi estraño.

Como chegaron as notificacións?

Por vías diversas, algúns por teléfono outros por carta e a outros, que fomos ao cuartel a apoiar aos citados, alí mesmo enterámonos que tiñamos que declarar. Por certo alí puidemos ver a lista, e era moi curiosa porque había nomes que estaban escritos a máquina e outros engadidos a bolígrafo

Quen vos tomou a declaración?

O sarxento da garda civil

E que tipo de preguntas vos fixo?

Aconsellados polo noso avogado acollémonos ao noso dereito a non declarar

E que esperades que suceda?

Pois ou ben nos chegará unha citación do xulgado, ou o que esperamos é que alguén responsable pare este despropósito que non ten máis obxecto que intimidarnos e facer ver que somos violentos, algo que en absoluto se corresponde coa realidade

Despois deste episodio houbo un pleno verdade?

Efectivamente, no que a maioría do PP aprobou a modificación puntual do PXOM, e no que a alcaldesa realizou unhas declaracións absolutamente incendiarias

Fostes ao pleno?

Nós somos xente pacífica e responsable e non fomos porque queriamos evitar altercados, alí só estaban os acólitos da alcaldesa estratexicamente situados detrás da oposición e insultando aos seus concelleiros nas súas intervencións. Foi algo tan agresivo que ata impediron a entrada da prensa

Vedes probable que a alcaldía recúe co asunto do centro comercial?

Non, a única esperanza é que no 2.020 o PP perda a Xunta e un novo goberno pare esta tolemia, ou senón terá que ser a vía xudicial. Ou que neste período de alegacións que estamos agora o ESTADO, AENA OU A COFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA presenten alegacións con peso dabondo para paralo

Cando a alcaldesa dicía na campaña electoral que o centro comercial só se faría con consenso mentiu?

Si, mentiu absolutamente.