RAMA

Elevaciones Rama

A Empresa de Sanguiñeda líder do seu sector en Galicia

Elevaciones Rama

No concello de Mos na parroquia de Sanguiñeda está Rama. Eles son unha empresa cunha experiencia de 25 anos no seu sector. Naceron como empresa de alugueiro de plataformas de elevación de persoas, e abriron enormemente o abano cara a moitos máis tipos de maquinaria. Teñen dúas delegacións en Galicia, a principal que está en Sanguiñeda e outra para cubrir a zona norte que está en Bergondo. Achegámonos ata as súas instalacións de Mos para coñecer un pouco mellor a unha empresa situada no noso pobo e que ten unha posición tan relevante no mercado galego. Falamos con Lino Portela do departamento de marketing e con Vítor Diéguez do departamento comercial

Lino Portela e Vítor Diéguez

Os nosos clientes dispoñen dunha atención integral de 24 horas ao día e 365 días ao ano”

Cal é actividade principal da empresa?

Desde o ano 2.017 estamos camiñando polo que no argot noso se coñece como “ xeneralismo” que consiste en adaptar a nosa oferta á demanda que cada cliente poida ter. Para cada necesidade nós procuramos ofrecer unha solución. A solución líder no mercado en relación calidade prezo.

Entendo entón que dispondes de varios tipos de familias de maquinaria?

Efectivamente dispomos dun abano moi amplo de maquinaria; desde maquinaria de man para un traballo por exemplo de carpintería, ata maquinaria pesada para por exemplo unha escavación, ou incluso para traballos de elevación enormemente específicos

Temos algún produto que destaque sobre os demais?

Ofrecer a maior calidade posible é unha das razóns de ser de Rama, en consecuencia todos os nosos produtos son de enorme solvencia. Se cadra o noso produto ,digamos , estrela, é a mini escavadora. E cando sae o sol a plataforma tamén é moi importante para nós

De feito vós nacestes no eido da elevación, verdade?

Si, nós nacemos no campo do alugueiro de plataformas elevadoras. E malia que abrimos moito o abano, a elevación segue sendo moi relevante na nosa empresa, e temos unha enorme experiencia e solvencia nesa área

Supoño que o clima terá algunha influencia na vosa actividade?

Si claro, hai traballos que só se poden facer en verán

Vós vendedes e alugades, non?

Facemos as dúas cousas. Aínda que o alugueiro é a nosa actividade principal , de feito pode ser arredor dun 80% aluguer e un 20% venda

Cal é o voso ámbito xeográfico?

O máis forte está en Galicia. Tamén temos clientes no norte de Portugal. E casos nos que algún cliente carga a máquina aquí para levar a outras zonas do estado. E nós dámoslle o soporte técnico

Como adquirides a maquinaria?

Nós comprámolas aos principais fabricantes de cada marca. Somos moi rigorosos á hora de escollermos as máquinas que mercamos. Non estamos pechados a ningunha, escoitamos todas as propostas. Pero o soporte técnico que teñan é importante á hora de decidir. Escoitamos as novidades sempre, e imos ás feiras de maquinarias máis importantes do mundo. Temos ido ata a feira de La Vegas en USA. Somos expertos en re acondicionalas cando é para venda. É moi importante salientar que nós temos un servizo para atender aos clientes de 24 horas ao día e 365 días ao ano, pois é un valor engadido respecto á competencia

Hai moita competencia no sector?

Si, a verdade é que si

E cal é a posición de RAMA no mercado?

Na nosa área de influencia a nosa posición é de liderado

Cales poden ser os motivos que expliquen esa posición?

A nosa estrutura loxística, a nosa estrutura mecánica, o noso activo de maquinaria de enorme calidade. E como che dixen antes a atención integral e persoal permanente

Cantos traballadores ten a empresa?

Algo menos de 50

E de que tipo de perfís?

Moi variados. Pero todos e todas tanto os técnicos como os mecánicos como o persoal de administración e comercial son especialistas na súa área e grandes profesionais. En referencia a túa pregunta anterior debemos precisar que os recursos humanos de Rama son unha das razóns que explican a nosa posición no mercado

Cales son as canles a través das que unha persoa que teña interese no voso servizo pode contactar con vós?

As redes sociais son moi importantes para nós, e logo , a nosa ampla experiencia no mercado fai que sexamos moi coñecidos e o boca a boca trae tamén a moitos clientes onda nós. Traballando ben o boca a boca sempre funciona

Acabamos. Esta é a empresa definitiva para vós?

A vida dá moitas voltas, pero esa é a nosa idea. Quixeramos aproveitar a oportunidade das vosas páxinas para agradecer ao principal motor da nosa empresa, os nosos clientes, a súa confianza. Sen a súa fidelidade e xenerosidade nada disto sería posible. Aquí nos teñen para o que precisen sempre