Almacenes Moliner

Almacéns moliner

No Porriño, no polígono da Granxa están os almacenes Moliner. Eles xa levan 3 décadas nesta vila da Louriña alumeando as vidas de centos de clientes, que lles distinguen coa súa confianza, a través dos sorrisos dos seus nenos e nenas que se achegan á tenda a mercar xoguetes. Moliner é especialista en xoguetes e ten unha longa tradición xogueteira nas súas costas que inaugurara o seu avó nas terras de Pontevedra hai arredor de 60 anos. A min resúltame difícil falar de Jose Moliner sen que entren en xogo as miñas emocións máis profundas, pois xa son moitos anos de compañía nas nosas páxinas. Pero si quixera dicir que Jose Moliner, alén de ter un negocio que vende produto de calidade a prezo moi razoable, é merecedor de dicirlle o mellor que que se pode dicir a un ser humano:É unha boa persoa.

O universo do xoguete 30 anos no Porriño

Cando naceu a empresa Jose?

Non sabería dicilo con exactitude. Fundouna o meu avó paterno hai máis ou menos 60 anos. Xa estamos na terceira xeración. A min , máis que unha empresa, que por suposto tamén o é, gústame considerala case como unha parte da miña familia. Como che dixen xa somos tres xeracións de Moliner os que pasamos por aquí. E son tantos os momentos de afecto, cariño, sorrisos, e algunha bágoa tamén, que vivimos ao longo deste máis de medio século que a miña vida xa é indisociable do almacén.

Almacenes Moliner nace en Pontevedra, verdade?

Si, é o noso lugar de procedencia. De feito aínda estamos alí. Temos dous establecementos:o local de Pontevedra que leva a miña irmá e o do Porriño que levo eu. En Pontevedra coñécennos de toda a vida.

Por que foi o xoguete a liña de negocio que escolleu o teu avó?

Ben, o almacén fundouno el pero antes a nosa familia xa tiña tradición como comerciantes no mundo do xoguete.

Coñeciches ao teu avó?

Si, e aínda gardo algúns recordos pero cando el morreu eu era moi pequeno.

Malia que en Pontevedra sodes moi coñecidos no Porriño estamos no mesmo camiño?

Pois si, a verdade que si. Chegamos ao Porriño no ano 1993, xa son 30 anos os que levamos aquí. E xa é o terceiro local no que estamos.

Despois de 30 anos supoño que xa te considerarás un porriñés máis?

Totalmente si. A miña vinculación emocional con O Porriño é absoluta. E quero dicir que estou inmensamente agradecido á sociedade do Porriño pola súa acollida, compañía e cariño ao longo destas 3 décadas, ata o punto de que eu me considero un fillo do Porriño máis.

Que servizos ofrece Almacenes Moliner?

Venda ao por maior e por menor de Xoguetes, agasallos, material para organizar festas e aniversarios, globos con helio, e tamén algo de utensilios para o fogar. Pero a nosa especialidade fundamental é o universo do xoguete.

Nestes 30 anos cambiou moito o mundo do xoguete?

Si, moito. Non só o noso mundo en particular senón que todo o comercio cambiou substancialmente. A aparición de plataformas de venda on line fai por exemplo que un cliente do Porriño poida comprar , se quere, unha boneca a unha empresa de Malasia. A globalización supuxo un cambio radical na forma de entender as relacións comerciais .

As mega plataformas de venda on line poñen en perigo o futuro do comercio tradicional?

Si, sen dúbida si.

Vós aguantades ben, non Jose?

Si, no mundo do xoguete si. Levamos moitos anos e a xente coñece o noso rigor e a nosa seriedade á hora de traballar o que nos permite manter unha posición solvente.

Que tipo de clientes tedes?

De todo tipo tanto en idades, como no que se refire aos sexos, como no poder adquisitivo. Afortunadamente o abano de clientes que nos visitan é moi elevado.

Cales son as épocas máis fortes para a venda do xoguete?

A época de reis e no verán tamén temos moita demanda de xoguetes de praia e xardín.

Notas diferencia no tipo de xoguete que che piden entre cando vai para un neno ou cando vai para unha nena?

Pois agora non, agora xa non se nota. Pódese vender unha boneca para un neno ou un balón de fútbol para unha nena. As diferenzas no que nos demandan márcaas os gustos non o sexo. O xoguete sexista xa non existe.

Hai algún tipo de xoguete que teña máis demanda que os demais?

Eu creo que o xoguete familiar, o que permite que os membros da familia participen no xogo de maneira colectiva.

Como podemos adquirir xoguetes en Moliner Porriño?

Por dúas vías: -Visitándonos no noso local do polígono A Granxa no Porriño, visitas que atenderemos con moito gusto e con toda a nosa profesionalidade

-A través da nosa WEB jmoliner.es

Que tal funciona a WEB?

Marabillosamente ben. Este Nadal a maioría dos produtos esgotáronse.

Ti tes unha filla. Gustaríache que continuara coa tradición nos xoguetes da familia Moliner?

A min o que me gustaría é que sexa feliz. Se ten que quedar aquí ou buscarse a vida por outros camiños terá que decidilo ela en liberdade cando sexa adulta.