
Casa Cambeiro case un século dando acubillo aos veciños e veciñas de Cela
Na parroquia de Cela xusto a carón da súa igrexa está casa Cambeiro. Este negocio, bar e tenda foi fundado hai case 100 anos por Albino Cambeiro, pai de Pilar, unha muller lúcida de 85 anos de idade que é a nosa protagonista desta reportaxe, e nai de Maica, a persoa que rexenta o negocio na actualidade. O pai de Pilar e fundador do negocio, Albino, era un home moi coñecido en Cela e Zamáns pola súa extraordinaria bondade para cos seus veciños e veciñas. De feito aínda hoxe , medio século despois da morte de “ O Cambeiro” é posible atopar a alguén que nos camiños de Cela se achegue á súa filla Pilar a aloumiñar o seu corazón recordándolle que é filla dun home bo e xeneroso
Pilar Cambeiro Lago
“ Aínda hoxe hai xente que se para a falar comigo do boa persoa que foi o meu pai”
Quen fundou Casa Cambeiro?
O meu pai Albino Cambeiro. Comprou o terreo pouco antes de ir a primeira vez a Buenos Aires. El estivo dúas veces aí. E logo cando volveu foino arranxando aos poucos
Onde naceu o teu pai, Pilar?
O meu pai era desta mesma parroquia, da parroquia de Cela, do barrio do Coto
Cambiou moito a parroquia de Cela nos últimos anos?
Si cambiou claro. Pero aínda podía estar moito mellor, pois aínda hai moitas cousas que arranxar
Cantos irmáns erades?
Eramos 6, agora só quedamos 3.
O seu negocio , Casa Cambeiro, xa foi bar desde o principio?
Si, o meu pai montouno como taberna
Xa o chamou “ Casa Cambeiro” desde o inicio?, e sempre estivo neste mesmo sitio, onde está na actualidade?
Si, o negocio foi Casa Cambeiro desde o momento do seu nacemento, e sempre estivo no mesmo sitio, onde estamos agora a falar. Aínda que o negocio está moi cambiando claro, porque ao longo dos anos fómoslle facendo moitas reformas. De feito nunha parte do que é agora o bar en tempos houbo unha barbería
Sabes exactamente en que ano naceu “Casa Cambeiro”?
Non o podo dicir con exactitude pero creo que foi en 1934, pois sei que en 1922 foi cando comprou, e logo estivo 12 anos en Buenos Aires e penso que ao volver xa o abriu
O negocio sempre o atendeu o seu pai?
Mentres puido si. Logo estivo un tempo a miña irmá máis vella, e despois fun eu. O meu pai morreu en 1971, eu xa lle axudaba antes, pero cando falece xa collo eu o negocio coa axuda das miñas fillas
Sempre foi o mesmo tipo de negocio, bar cafetería?
Durante moito tempo demos comidas pero logo deixamos de facelo. Abriron varios restaurantes en San Cosme e para nós xa era complicado. Podemos facer un bocadillo se fose preciso pero na actualidade o Casa Cambeiro é un bar con servizo de cafetería.
E tamén tendes tenda de alimentación, que tal funciona?
Nós procuramos vender produto de calidade pero é moi difícil competir contra os supermercados que cada vez son máis e chegan a máis sitios. Hai clientes que aínda veñen de cando en vez a facer compra, pero poucos. A maioría acoden por unha necesidade concreta ou puntual
E ti ata que anos levaches o bar?
Ata que me xubilei que foi cando o colleu a miña filla Maica
Como era o teu pai de carácter?
Un home moi sentido, sempre estaba para todo o mundo, sempre axudaba a quen lle pedía axuda pois o meu pai era unha persoa moi sensible á que lle afectaba o sufrimento dos demais.
El tiña moi boa fama na contorna. En Cela e en Zamáns todo o mundo que o coñeceu fala de “ O Cambeiro” como un home extraordinariamente xeneroso co que sempre se podía contar?
Abofé que era así. É imposible escoitar unha soa palabra mala do meu pai. El era un home co que sempre se podía contar, un home ao que moita xente acudía a pedirlle axuda pois todo o mundo sabía da súa xenerosidade e da súa sensibilidade. Aquel era un tempo de moita pobreza. Tamén era unha persoa moi meticulosa, pois calquera cousa que facía tiña o costume de reflectila por escrito
E de que maneira axudaba aos demais?
Con comida ou con cartos. Aínda hoxe máis de 50 anos despois da morte do meu pai hai xente que me para pola rúa para falarme do bo e xeneroso que era e do ben que se portou con alguén da súa familia
Cando á túa filla Maica chéguelle a hora de xubilarse que vai pasar co negocio?
Non o sei, só o tempo o poderá dicir. A min gustaríame moito que seguira claro, e a poder ser que seguira na familia. Este negocio foi o medio de vida da nosa familia durante moitos anos, con Maica xa é a terceira xeración da nosa familia que xestiona o Casa Cambeiro. Aquí houbo momentos moi bonitos e felices, pero tamén moito esforzo e sacrificio e a min gustaríame moito que o recordo de Albino Cambeiro sempre estivera presente en forma de que algún dos seus descendentes levara este bar.