Festival de Saúde Natural en Mos

Noelia Conde Mos

Os vindeiros 29 e 30 de xuño, no pavillón Óscar Pereiro de Mos, desenvolverase un evento de terapias naturais. O acto comeza o sábado 29 ás 11: da mañá, e remata o domingo 30 ás 21:00. Estará composto tanto por charlas, como por obradoiros impartidos por persoas expertas nas diversas pólas da saúde natural. A organizadora, e alma máter de todo isto, é Noelia, unha moza de Torroso de 36 anos de idade que exerce na súa casa, e en diversos locais nos que colabora, distintas terapias que nos explica na conversa que mantivemos a continuación. Ela é a delegada en Galicia do colexio español de naturópatas. Velaí vai o que deu de si a nosa charla

Noelia Conde, naturópata.

O evento pretende que as persoas asistentes poidan aprender a escoitar ao seu corpo”

Queremos coñecerte Noelia. Como chegaches ata este mundo?

Fixen os meus estudos primarios en Petelos ata o bacharelato, despois estudei en Porriño un ciclo de Administración e Dirección de Empresa. Na familia había unha empresa e dicíanme que tiña que seguir coa tradición familiar, aínda que nunca cheguei a traballar alí. Digamos que xa desde moi pequena notei que tiña unha sensibilidade especial nas mans. E tiña o costume de utilizala para axudar a quen precisara axuda para mellorar o seu estado. Foi no ano 2012 cando empecei a facerme acupuntura á min mesma e no 2015 empecei a estudar Reiki.

Que é o Reiki?

É unha terapia de imposición de mans. Despois do Reiki empecei coa naturopatía e a numeroloxía. Son autodidacta e teño unha biblioteca moi grande, encántame aprender.

E son terapias efectivas e útiles?

Absolutamente si. Por exemplo en relación á numeroloxía dicir que: as persoas somos números, a nosa data de nacemento dinos que personalidade temos ou mesmo que tipo de enfermidades podemos padecer.

Eu pasei por circunstancias emocionais moi complexas e tamén moi duras. E foi a naturopatía nas súas diversas variantes a que me salvou e me permitiu acadar a estabilidade emocional e poder axudar aos demais a que a alcancen.

Dicíasme que tiveches uns primeiros anos de vida emocionalmente complicados?

Si, e continuado na adolescencia. Estiven moi mal, de verdade que moi mal. Incluso cheguei a tomar moitísima medicación como tranquimacín, diversos antidepresivos e unha pastilla para o corazón. Estiven cinco anos con esta medicación o que me ocasionaba problemas diversos derivados do seu consumo. Ata que como antes che dixen: as terapias naturais salváronme.

Podemos dicir que este tipo de terapias axudan a acadar a paz?

Podémolo dicir con rotundidade absoluta. Si, a acupuntura reláxame moitísimo. Foi a acupuntura e terapia psicolóxica que recibín durante un ano e medio as que conseguiron que deixase de tomar tanta medicación.

As infusións son recomendables?

Moi recomendables. Eu empecei a tomar infusións de pasiflora e valeriana tres veces ao día, traballándome a mente co psicólogo e facendo Reiki, fun capaz de deixar toda a medicación para poder chegar ao meu propósito de ser nai, cousa que os médicos dicían que coas miñas patoloxías non ía poder. Agora con 36 anos teño dous fillos.

E segues formándote?

Permanentemente. A raíz de ver como me axudaron estas terapias comezo a estudar en Vigo un graduado de naturopatía, nutrición, herboloxía, numeroloxía, auricurucuntura, que é acupuntura só nas orellas; reflexoloxía cos pés. Fun a Madrid a estudar a acupuntura que só traballa a cabeza, estudo a microbiota, estudo de certas terapias emocionais, kinesioloxía. Calquera problema de saúde hai que traballalo como unha triada: físico, mental-emocional e enerxético .Tamén estudei a biodescodificación.

Isto que é?

O noso corpo, como di a física cuántica, todo é materia e todo é enerxía. Segundo a emoción que teñas, o teu corpo somatiza unha enfermidade. Se me dis calquera dor que teñas, eu dígoche cales son as emocións que están a bloquear o teu corpo.A miña misión nesta vida é de espertar conciencias.

Para ti os remedios químicos atacan as consecuencias pero non as causas?

Si, e benditos sexan os químicos que están aquí para atacar as causas das doenzas nas que a naturopatía soa non chega. As dúas terapias pódense complementar. A quimioterapia, a radioterapia, as urxencias; todas elas salvan vidas. O malo é que temos unha atención primaria na que o tempo dedicado aos pacientes é insuficiente. Estúdase a enfermidade, o funcionamento e o síntoma, pero non o como arranxalo desde o inicio.

Cal é o obxectivo deste evento en Mos?

Con estes eventos pretendo poder facerlle entender á xente como saber escoitar o seu corpo, que é moi sabio e nos fala. FENACO é o único colexio de naturópatas que hai en España, son a delegada de Galicia desde o 2023 e desde aquí decidín poder facer estes encontros de xente. O deste mes de xuño, o 29 e o 30, é a terceira edición, as anteriores foron no Multiusos de Mos e en Ponteareas o ano pasado. Quero que este sexa un evento para todas as idades e que teña charlas, talleres, consultas coas diferentes técnicas e venda de produtos.

Que horario ten?

Sábado e domingo de 11:00h a 21:00H.

Párase para comer?

Si, ao mediodía hai unha pausa, pero vai haber un posto de comida dun restaurante de Vigo para quen queira pasar alí o día.

Fálame un pouco dás actividades?

Estará Eva López, Psicóloga de Vigo; Rubén Rodríguez de acupuntura, unha matrona da Seguridade Social vai facer un taller para entender os ciclos da a menstruación nas nenas. Eu vou facer un taller da caixa de primeiros auxilios da naturopatía e do de como axudar aos nenos con dificultades na aprendizaxe e comportamento escolar.

Que prezo ten asistir ao evento?

A entrada é gratuíta, hai algúns talleres e conferencias que son de pago, hai que reservar a asistencia pola web e os prezos oscilan entre os 5 e os 20€. É mellor reservar os talleres porque teñen un aforo limitado. As persoas que reserven antes do día 21, entrarán no sorteo dunha táblet.

Que acollida tiveron os dous talleres anteriores?

Tiveron moi boa asistencia.

Que expectativas de asistencia tes para este?

Moita maior asistencia. Temos 43 Casetas polo momento e nos están pedindo algunha reserva máis.

Organizas isto todo ti soa?

Si, eu soa.

E como dás abasto?

Teño ese carisma e a verdade é que non sei de onde saco tanta enerxía. Levo desde xaneiro organizándoo. Tamén teremos música en directo a media mañá e pola tarde, un contacontos subvencionado polo centro Cultural de Torroso e escritores con libros, tipos de augas, parches para a dor, aceites esenciais, xabóns naturais…

As persoas que acceden a este tipo de terapias de que abanico de idade adoitan ser?

Este evento está pensado para todas as idades desde nenos a xente maior.

Tes previsto que este evento sexa algo estable e continuado no tempo?

Si, está ben que haxa eventos dedicados á saúde, non só a coches, motos, gastronómicos ou de hostalería. Está ben tomar a pastilla do colesterol ou a diabetes que che está salvado, pero se non cambias a alimentación calquera día só a pastilla non chega e pódeche dar algo a todos os niveis.

Dás terapia tamén no teu domicilio non?

Si, en Rúa Baloutas 74 e, a maiores, colaboro con herboristerías de Pontevedra, Arcade ou Vigo.