Na teima do meu amigo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

O outro día na emotiva entrega dos Premios de A Nova Peneira en Porriño, recibín dunha amizade unha resposta a un meu escrito nestas páxinas, un dos últimos. Un bo amigo ao que coas miñas verbas fixen recapacitar. Xuntos derivamos noutras cuestións, porque cando nos vemos falamos de moitos temas e problemas e, anque non amañamos o mundo, razoamos e combinamos distintas posicións.

El díxome: “O teu artigo fíxome repensar outra vez máis sobre a andrómena esta das crises cíclicas de capitalismo. Son crises ou son inventos de mercado-tecnia? Fannos crer que hai crise e apertamos o cinto, ou dinos que hai “bonanza” e poñémonos a gastar coma se non houbera mañá? Ten en conta que pasa isto aínda que os cartos son os mesmos, estamos nunha nova “crise” ou é a mesma de sempre, a do 2008 que non rematou? Eu non daba respondido a todo. Asentía na súa desconfianza, na mentira que nos fan crer porque ademais de ter que nos apertar o cinto, invítannos ao consumo e sentímonos culpablemente consumidores.

Insistía: ”Como se pode falar de crise cando os ricos enriquecen sen control e os pobres empobrecen máis e tamén sen control?” Tentaba intervir que si, que hai crise do capitalismo e somos nós os que sufrimos as tremendas sacudidas dun sistema podrecido, corrupto e moribundo que se resiste a morrer. O capitalismo está en crise e non funciona, pero quen paga de novo as perdas somos os de sempre. Quizais porque o capitalismo en si, é o desequilibrio e a crise mesma. Tiña razón nas súa teimas enfebrecidas.

Seguía a dicir: “Non entendo a mentalidade dos “amanciortegas” que hai polo mundo adiante. Como poden pensar que é bo construír unha fortuna persoal a base de explotar a súa xente e á doutros países lonxincuos? Que gañan con iso, aparte de cartos? Que necesidade hai de construír fábricas e máis fábricas para alimentar o consumo, o seu beneficio tamén, mais detrás vén a pobreza?”.

Eu abondaba en explicacións sabendo que o consumo faise anormal e deriva en consumismo, en exceso e que contradí conceptos de racionalidade, como o ecolóxico e sostible, tanto desde o punto de vista individual como colectivo.

Pois si, hai que repensarnos, examinar de novo o dano que facemos ao planeta e á inxusta distribución de recursos. Ben pensado, é dunha enorme pobreza o sistema económico que se basea fundamentalmente no consumo desgonzado a quen non lle importa esgotar recursos e desvalixar porvir! Isto, tentaba dicir, débenos facer repensar no sibilino control e manipulación que realizan os grupos de presión e económicos en contra de dereitos básicos da existencia, de liberdade, dignidade ou de sinxelo contacto entre nós e coa natureza e o medio. Non pensemos xa nos erros cometidos, non, pensemos nos que aínda estamos a cometer que rompen a harmonía, o equilibrio tan sensible do mundo. Todo por mor do exceso, abuso de recursos, sobre-explotación. Son horas de reparar os males cometidos, de corrixir erros e de comprometernos para reducir asfalto e cemento, cidades enormes e consumos incontrolados, lixo e contaminación. Eu pensaba tamén en ter que prohibir explotacións de recursos naturais que esgotan a vida e a bio-diversidade. Non podemos mirar só a rendibilidade inmediata e equívoca. Non é certo que pagando máis impostos contaminemos menos, nin nos vai dar máis posibilidades de recuperación ou benestar o feito de pagar máis.

Non podemos caer na trampa de crer en variñas máxicas que saquen a natureza desta gaiola de cristal mentres navegamos sub-realidades desde un móbil, entre a internet e a wifi de última xeración, coma parvos que miramos seguido unha pantalla, ignorando a realidade e caéndosenos o ceo enriba. Imos indo mentres nos someten a programas de evasión e adormecemento. As novas tecnoloxías viñeron para axudar e non para narcotizar e neurotizarnos. Só hai que mirar ao redor, pendentes dunha caixiña pequena á que se lle fala, onde ler sen dar conta, sen criterio, sen poñer en dúbida, sen caer na conta de que antes de todo isto xa a Terra existía, que aínda virán máis cousas novidosas e sedutoras que nos leven onde elas queren levarnos, baixo a intención misteriosa e indescifrable de quen manda.

A vida está fóra deses trebellos que nos fan coñecedores de todo e sabedores de nada, dependentes das coordenadas que nos tracen, das conducións nas que nos meten.

E así cabalgamos un tanto levados da virtualidade, lonxe da realidade, sen límites e co beneficio para os captadores das nosas superficialidades superfluas. Pagarémolo, aínda axudados de tecnoloxías e intelixencia artificial. Virán “drons”, vehículos autónomos, robots e miles de argalladas que nos quererán facer partícipes da dependencia. Nós, cun pouco de sorte, seremos un pouco vítimas da máquina e asegundados delas. Non nos damos conta da delicada vulnerabilidade humana e que, en definitiva, somos unha suma de fraxilidades.