Amado Ricón bo e xeneroso

Artigo de opinión A Nova Peneira
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

Ala polo outubro do 33 nacía Amado Ricón, no seo dunha familia humilde do barrio da Esfarrapada, moi novo ingresaría no seminario de Tui, aínda que non chegou a ordenarse deixando os hábitos nos anos 50, a vida non era doada en Galicia, e aproveitando a estancia en Nova York das súas irmáns, coma tantos galegos, emigra cara os EEUU onde comeza a traballar de fregapratos, na mentres na universidade realiza a súa licenciatura de linguas romances. Amadito (asi era coñecido polos seus amigos da Esfarrapada) era unha persoa moi curiosa, sentía paixón pola historia da lingua, pola historia sobre todo de Redondela e o seu barrio natal. Compaxinou o traballo co estudo e o fomento do galego dentro dos círculos de persoas emigradas. Nunha destas accións entra en contacto con Emilio González López, antigo cronista oficial de Galicia i exiliado en tempos de Castelao debido a súa pertenza á ORGA (Organización Galega pola República) que dalgún xeito o apadriña e lle bota unha man na súa tese doutoral sobre Eduardo Pondal, pasando logo a exercer na universidade de Steten Island. Desenrolou un papel destacado como Presidente da casa galega de Nova York xestionando todo o patrimonio galego na zona, fomentala nosa cultura dentro das posibilidades de aqueles anos, nos que se relacionaba con xente de tódolos estratos sociais, arranxando a vida dos que estaban na vila, ou indo ao porto a recoller xente que acababa de chegar dándolles aloxamento ou ben solucionándolles calquera problema administrativo. Xa de volta na vila chega a alcaldía, dende a cal volta a facer unha importante difusión tanto do idioma galego, coma da cultura da vila, chegando a ser presidente tamén do Instituto galego de Artes Escenicas e recibindo en 1993 a Medalla de Castelao.

Amadito foi o alcalde do eterno sorriso, implicado cos problemas do pobo, amigo dos seus amigos , era un amante empedernido da cultura redondelá e de todo o que tivera que ver con Galicia. Deixou pendinte o seu gran proxecto; o auditorio ao aire libre do Carballo das 100 Pólas. Era fillo e amante da Esfarrapada que o mirou alumear, era un ser amable, xentil e ledo que trataba a todas as persoas por igual. Amado Ricón era: “un dos bos e Xenerosos” .

Foise Amado deixando orfa boa parte da xente da súa Redondela e deixando orfa a cultura do país. Amadito, meu amigo que a terra che sexa leve.