IV Gala de entrega de premios A Nova Peneira

IV Gala de entrega de premios A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

No ano 1982 celebrouse o mundial de fútbol en España. Eu, que daquela tiña 12 anos, estaba imbuído polo ambiente abafante que, a través da conversión de algo que carece da máis mínima relevancia, unha competición entre dous equipos de 11 persoas que tratan de introducir un obxecto esférico máis veces que o equipo contrario nunha superficie rectangular, nun acontecemento supostamente significativo na vida dos seareiros e seareiras, narcotiza ás masas de tal maneira que o que é en verdade importante, por exemplo naquel momento histórico as cerca de 200 persoas asasinadas en España por violencia política de orixe presuntamente institucional, pase desapercibido. Eu participaba daquela paixón polos Juanito, López Ufarte, Santillana……, si, creo que máis por non sentirme desprazado do meu grupo de amigos, porque en realidade a min nunca me interesou nada ningún deporte, ata que un profesor de Moaña preguntou un día á nosa clase que era Galicia para nós. Todos os nenos e nenas sen excepción contestamos que unha rexión de España. O noso profesor retrucounos, díxonos que estabamos errados e que Galicia é unha nación. El explicounos o mellor que puido e soubo as razóns que motivaban o seu pensamento. Non o debeu de facer nada mal, polo menos aos meus ollos, pois lembro escoitar fascinado as súas palabras que exerceron de catalizador que me levou a iniciar unha viaxe sen retorno polos camiños do nacionalismo galego .

Hoxe , corenta anos despois, teño a honra de dirixir un medio de comunicación, firmemente comprometido co pobo galego , que con humildade e enormes esforzos trata de transmitir a quen teña a bondade de escoitarnos a nosa forma de entender a realidade. Non é nada doado facer un periódico como o noso. Cada corazón conquistado gáñase como se gañan as grandes batallas, despois de moitas derrotas. Cada sorriso arrincado, arríncase como arrinca o mineiro o carbón das minas, manchándose ata o máis profundo. E sen a axuda xenerosa e desinteresada de tantas persoas cuxo compromiso político motívaas a dar todo sen pedir nada, de milleiros de anunciantes e de centos de subscritores e subscritoras un periódico como o noso, totalmente afastado dos circuítos de poder, que nin sequera recibe a publicidade institucional polo 17 de Maio e o 25 de Xullo que dá a Xunta a todos os medios de comunicación, incluso a negocios con forma de periódico que teñen 0 contido de produción propia e que son construídos ad hoc para a captación de subvencións, non tería a máis mínima oportunidade de existir.

Velaí está unha das dúas razóns que explican as nosa galas bienais: queremos recoñecer e premiar a quen fai posible a nosa existencia. A outra xa a sabedes: queremos recoñecer e premiar a quen coa súa traxectoria política, social e sindical contribúe a que este país aínda siga a existir.

O pasado 17 de setembro, como sempre no restaurante Manolo do Porriño, celebramos a IV edición. Premiamos a 5 dos nosos mellores anunciantes: A Pelu de Lara de Chapela, o Café da vila de Redondela, a Perruquería Manel Ribeiro de Goián, a Cervexería Carlete do Hío e a Náutica Gonbelmar de Marín. Premiamos a axuda que nos dá o concello de Fornelos de Montes. Recoñecemos á nosa colaboradora Montse Fajardo, a memoria do noso querido amigo Xose Manuel Pazos Varela, a bondade e xenerosidade de María Xosé García, histórica delegada sindical da CIG, e recoñecemos con admiración infinita toda unha vida de compromiso co pobo galego ao Instituto de Estudos Miñoráns e a Francisco Rodríguez Sánchez. Este último premio, se cadra o de maior carga emotiva: toda unha vida de compromiso co pobo galego, describe á perfección a nosa razón de existir: O compromiso consciente co noso pobo, o pobo galego.