Carta para Moraima

Moraima

Cando quero vivir

digo Moraima.

Digo Moraima

cando semento a esperanza.

Digo Moraima

E ponse azul a alba

…………..

Prezada Moraima

Vasme permitir que comece polo principio, que en calquera conversa entre dúas persoas educadas que non se coñecen debe de ser a presentación; Eu chámome Tino, son de Vigo e non te coñezo de nada, nin a ti nin á túa nai Alexandra, nin ao teu pai Jorge. Pero aínda que non nos coñezamos eu , a diferencia de Siri, si son capaz de entenderche. E sabes o motivo de que poida facelo Moraima?, pois porque ti e eu nacemos no mesmo país e falamos o mesmo idioma, ti eu falamos en galego. O idioma que compartimos serve para moitas cousas por exemplo para comprender o significado deste fermoso poema que se chama igual ca ti, chámase Moraima. Escribiuno un gran poeta que se chamaba Celso Emilio Ferreiro para á súa muller á que quería moito e tamén se chamaba coma ti. Como che contei antes non coñezo a Alexandra, a túa nai, nin a Jorge, o teu pai, pero creo que me atrevería a supoñer que a lectura deste fermoso poema influíu á hora de decidiren o nome que che puxeron. Se me equivoco pídoche desculpas claro, pero teño a intuición de que é así.

Como moitas outras persoas, Moraima, eu vin o teu famosísimo vídeo e, aínda que estou seguro de que estarás un pouco cansa de que tantas e tantas persoas que non coñeces falen contigo dese momento, agardo que me permitas por favor abusar un pouco máis da túa paciencia e contarche que conseguiches chegar ás miñas emocións máis profundas e ás de moita xente tamén. E non creas que iso é fácil Moraima, todo o contrario, é moi pero moi moi difícil. Non sei cantos anos tes calculo que tres ou catro. Xa es unha nena maior, pero cando sexas aínda máis maior poderás comprender mellor a importancia do que fixeches. Cando che vin Moraima , fixéchesme sentir unha enorme tenrura cara á túa persoa, unha inmensa alegría por poder coñecer, aínda que só fose de maneira virtual, a unha nena tan pándega coma ti e certa tristura tamén. Si, Moraima, confeso que despois de ver o teu vídeo sentinme triste porque é moi inxusto que ti, no sitio no que naciches, teñas que cambiar de idioma para que che entendan. Se viviramos nun mundo xusto debería de ser Siri a que aprenda galego para poder falar contigo, e non ti a que teñas que cambiar ao castelán para poder falar con ela.

Algo debemos de facer moi mal as persoas maiores para que esteamos no mundo ao revés e non vos teñamos facilitado ás nenas e nenos a posibilidade de poderdes falar sempre que queirades, en calquera sitio e con calquera persoa ou máquina, no idioma que falaron os nosos pais e as nosas nais , os nosos, avós e as nosa avoas, porque sabes unha cousa Moraima?, antes ca Jorge e Alexandra antes que Claudio, o meu pai, e Carme, a miña nai, houbo milleiros e milleiros de persoas que viviron en Galicia e amaron en galego, riron en galego, choraron en galego, xogaron en galego enfadáronse en galego, bicaron en galego, apertaron en galego, sufriron en galego, aloumiñaron en galego…..

Eu tamén teño unha filla, ela chámase Mariña, é maior ca ti, ten 15 anos. Cando tiña máis ou menos a túa idade procuraba falar en galego comigo pero cando entrou no colexio non lle quedou outra que cambiar ao castelán pois a maioría das materias dábanllas nese idioma e case todas as súas amigas e amigos é o idioma no que falan. Se cadra esa é a razón que explica que o teu vídeo me puxera un pouco triste, pois lembrei o que lle pasara a Mariña ao entrar no cole que foi o mesmo que lle aconteceu a tantas nenas e a tantos nenos ao longo da historia de Galicia.

Pero non te preocupes por favor, a tristura foi moi pequena e a emoción e tenrura que me provocaches foron inmensas, como o máis inmenso dos océanos, e xa que logo quixera rematar dándoche as grazas por emocionarme e expresándoche os meus mellores desexos de que poidas ter unha vida moi longa e chegues a ser unha muller libre e feliz. E se cando sexas maior decides ter algún fillo ou filla ,el ou ela poida falar todas as veces que queira, e con todas as persoas que queira, en idioma galego.

Foi un pracer coñecerte Moraima

Unha aperta fraternal

Tino.

Primer comentario

Deixa a túa opinión