As mans dun macho

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Creo que foron 9 mulleres inicialmente, e 11 nun segundo momento, as que acusaron a un famoso tenor español de acoso sexual e ou de comportamentos sexuais inadecuados. Aos poucos de ter saído á luz pública estas denuncias sobre as presuntas prácticas de acoso que realizaba este afamado intérprete de ópera, embaixador da marca España no ano 2009, púñase en marcha unha campaña paralela para defender a súa imaxe, de feito a esta redacción chegou un artigo de opinión dunha axencia de comunicación madrileña ,que nunca xamais traballou con nós nin antes nin despois, asinado por unha muller, que defendía con intensidade na expresión pero cunha paupérrima densidade argumental ao suposto acosador, presentándoo como un home familiar e respectuoso, tese que sostiña só cun único “argumento”; unha vez, supostamente, compartiu un almorzo con el, e esa foi a impresión que tirou. Porén non parece propio dun home familiar e respectuoso o que conta unha das denunciantes xa que presuntamente o famoso tenor entrou nunha ocasión no seu camerino, e, sen o seu permiso, deslizou as súas mans desde os seus ombros ata os seus peitos. Este episodio foi utilizado polo presidente de Tabarnia, Albert Boadella, referente do “constitucionalismo español” para defender ao suposto acosador, xa que segundo o dirixente tabarnés a muller debería terlle propinado unha labazada ao que era o seu xefe, e se non o fixo, pois claro , isto xa é unha elucubración miña, pero na mente do macho tabarnés, se non lle deu a labazada a aceptación para o encontro sexual estaría implícita. Alguén contestoulle ao macho de Tabarnia que se cadra as mans do tenor deberían ter estado quietas ,e o macho contra argumentou da seguinte maneira: “LAS MANOS DE UN MACHO NO ESTÁN PARA ESTAR QUIETAS”.

As mans son uns marabillosos apéndices cuxa evolución biolóxica permite que sirvan para moitas cousas, e poden non estar quietas si, e tamén poden estalo. As mans de Chopin, un macho, non estaba quietas cando aloumiñaba o seu piano interpretando os seus fermosos nocturnos. As mans de Gabriel Celaya, outro macho, non estaban quietas cando escribiu aquelas palabras de sublime beleza que dicían:” la poesía es un arma cargada de futuro”. As mans de calquera macho que pinta, que escribe, que constrúe, as mans dos proletarios que súan, non están quietas, as mans dun macho que acaricia con amor a un fillo non están quietas, as mans dun macho que ama a unha muller que quere ser amada, que exploran con delicadeza e tenrura todos os continentes da súa xeografía non están quietas, tampouco o están as mans dun macho que non ama pero que practica sexo cunha muller que libremente decide practicalo desa maneira. Porén cando unha muller non quere ser tocada, as mans dun macho teñen que estar quietas, deben estar quietas, non teñen máis remedio que estar quietas porque no caso de que non o estean e toquen contra a vontade dunha muller que non desexa ser tocada, esas mans serían as dunha porcallada de macho, como o son as mans do macho tabarnés.