Estamos a vivir tempos difíciles, duros, moitas voces preguntáronse“ quien me ha robado el mes de Abril? E seguiulle maio, xuño, xullo…ata chegar a Novembro, a verdade que é duro que che rouben parte da túa vida.
Foi duro o confinamento dende a miña posición, psicoloxicamente foi un estrés, non poder ver a familia, as miñas amizades, non ir aos bares a tomar un bo Mencía coma a min me gusta, nin cear e ir de troula, encher as rúas coa miña presenza cargada de bolsas ao estilo de Pretty woman,non ver no cine o ultimo estreo, relaxarme no spa nin ir de vacacións. Analizando ben foi un pesadelo vivilo dende a miña casa con tódalas comidades, non me enchía nada, nin Netflix, nin o móbil, nin a bici estática, tampouco me relaxaba facer pilates, nin pasear o can, mercar medio supermercado tampouco me axudaba, nin sequera comprar online e que mo trouxeran á casa, non sei como resistín tanto.
Tampouco me gustaba escoitar ás organizacións de médicos mundiais pedindo a protección sanitaria das mulleres prostituídas e violentadas,da trata de mulleres con fins de explotación sexual , que viron agravadas as súas situacións de exclusión a raíz da pandemia da Covid. Mulleres desprotexidas, sen poder acceder ás medidas básicas de protección social nin sanitaria, mulleres que sofren a violencia de xénero máis invisibilizada.
Que máis da! total solo son prostitutas, a quen lle importa que existan persoas prostituídas?
Dende o confinamento fomos pasando fases de desescalada, ata chegar a “nova normalidade”,estas mulleres non pasaron por ningunha fase xa que seguen sen ter medidas de protección fronte ao virus, cunha tensa situación socioeconómica que as obriga a seguir prostituíndose, no caso das vítimas de trata os problemas medran xa que canto mais duraba o confinamento , máis se alargaban as débedas cos seus explotadores.
Os clubs de carreteira e pisos pecharon, pero estas mulleres prostituídas e maltratadas tiñan que seguir pagando os alugeres, polo que o feche era cara a galería, no interior destes antros continuaba a violencia sistemática do patriarcado, igualmente pasa coas mulleres prostituídas nos polígonos e nas rúas que tiveron que atender peticións de transportistas e outros prostituidores habituais traballadores nos polígonos, para poder subsistir á crise da pandemia.
Mentres a sociedade cantabamos “resistiré” e loitabamos para frear o coronavirus, estas mulleres seguían resistindo a súa invisibilidade, vivindo na vella normalidade da inexistencia de políticas publicas en recursos económicos,
sociais, de formación e emprego para abandonar a situación de prostitución, e non só en tempos da Covid, senón cada día da súa existencia
Podemos pensar, e dicirnos para sentirnos mellor: eu non son culpable de vivir ben!dende a miña posición no podo facer nada!. Nestes novos tempos de mascaras e hidroxel para acabar co virus, deixémonos de vellas escusase poñamos fin á invisibilidade destas mulleres con alma, nome, familia e sentimentos. Cando imos situarnos ao seu carón e desconfinalas?
Marín, 3 de novembro de 2020.