Todo pasa e todo queda

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A poesía é tan marabillosa que nela podemos atopar respostas a moitas angustias e dúbidas vitais, tanto as inherentes á propia vida como as que resultan dos fenómenos accidentais que se suceden na nosa existencia como individuos . Neste fermoso verso de Antonio Machado, que recolle con claridade a influencia de Manrique ,cando falaba de que as nosas vidas son os ríos que rematan no mar, alén do tópico latino do Tempus Fugit, condénsanse dúas das leccións que, ao meu xuízo, debemos aprender desta etapa de confinamento social motivada pola pandemia vírica que a humanidade está a sufrir no momento presente.1)Todo Pasa. A epidemia pasará, sen ningunha dúbida, porque malia a existencia de múltiples teorías que fabulan sobre as orixes do virus nas máis variadas conxuracións, a razón, o sentido común e os científicos serios de todo o mundo indican que é un fenómeno biolóxico produto unicamente do azar, como o foron outras pandemias que padeceu a humanidade na súa historia, e todas pasaron. Así por exemplo a gripe española de 1.918, moito máis letal ca esta, pasou. A pandemia de cólera de 1.817 pasou. E o brote de peste que asolou a cidade de Marsella en 1720, matando a un terzo dos seus habitantes, tamén pasou. Non só pasará o malo, os aplausos ao persoal sanitario tamén cesarán, e a consideración maioritaria de que é imprescindible dotar de recursos suficientes á sanidade pública, para que estea preparada para afrontar con garantías ata a máis espantosa das hipóteses que o noso peor pesadelo poida imaxinar, tamén pode pasar. Os axentes comerciais das oligarquías económicas que exercen a súa actividade comercial, baixo a forma de partidos políticos que se din conservadores no moral e liberais no social, pronto comezaran a reemitir as súas mensaxes referentes ás bondades e a suposta eficiencia da xestión privada do que é de todos e todas, e se non estamos plenamente conscientes da enorme potencia infecciosa que ten a fermosa palabra “liberdade” , cando se emprega como eufemismo que en realidade quere defender que quen teña recursos poida facer o que queira, ata imposibilitar a dignidade e a vida de quen non os teña, a conciencia cívica maioritaria de que é capital manter en boa saúde ao sistema de saúde pública, tamén pasará.

2)Todo Queda. Unha situación como esta vai tentar ser aproveitada polos segmentos máis reaccionarios da sociedade para tratar de aproveitar a formidable restrición de liberdades individuais que sufrimos neste momento, para que cando se esvaezan as razóns sanitarias que as motivaron, algunha das restricións permaneza de maneira indefinida. Así como o nacional catolicismo español, os patriotas de pacotilla, carece de escrúpulos para utilizar a morte, o sufrimento e a dor de milleiros de españois co gallo de tirar rédito político, tampouco os van ter para defender que a aplicación de solucións policiais a quen poida ser percibido como unha ameaza, para a súa forma de entender a realidade, convértase nalgo cotiá. Así mesmo a recentralización e a asunción de competencias das comunidades autónomas como fórmula de xestión que escolleu o goberno do estado para afrontar a loita contra a epidemia, un síntoma do gravísimo problema estrutural que padece España, a dereita de España e boa parte da esquerda de España, debe cesar en todos os seus extremos ao día seguinte de que remate o pesadelo sanitario. Porén , non me cabe ningunha dúbida de que amplos segmentos da sociedade española van tentar que todo quede, que a asunción de competencias das comunidades autónomas polo poder central, permaneza de maneira indefinida no tempo.

Debemos de estar moi atentos para que cando a epidemia pase, non pase o sentimento maioritario de apoio á sanidade pública, senón que este permaneza de maneira permanente no tempo, e debemos de exixir con contundencia superlativa que cando pase a epidemia, non quede aceno ningún, nin de restrición de liberdades nin de recentralización.