O coronavirus no mundo X: México

coronavirus no mundo México A Nova Peneira

México é outro dos países que soño con coñecer fisicamente, algún día fareino, pero de momento só podo aspirar a mergullarme nos seus encantos de maneira virtual. E, na situación dramática na que nos encontramos, moito máis que interesarnos pola súa situación sanitaria non se pode facer. Nós conversamos con Doris, unha filla de galegos, residente en Querétaro que nos deu, con moita amabilidade, a súa visión da realidade sanitaria do seu país.

DORIS FERNÁNDEZ

O GOBERNO DO PAÍS, AFRONTOU A SITUACIÓN SANITARIA CON POUCO RIGOR”

Cóntanos brevemente a túa historia?

Eu xa nacín en México, son filla de emigrantes galegos, e vivín neste país ata os 18 anos. Nese momento marchamos para España, país no que estiven 11 anos, volvín a México con 29, e agora con 35 pois xa levo 6 anos aquí.

E cal é a zona da que procede a túa familia?

Os meus país son da zona de Carballiño, malia que aquí debo precisar para non ter problemas co meu tío Paco, que a miña nai é da Ermida. 

Na túa etapa na península ibérica, en que zonas viviches?

En Madrid e en Coruña.

A que te dedicas en México agora mesmo?

Eu traballei en hoteis, pero agora teño un bebé e de momento dedícome a coidalo.

En que parte de México vives?

Eu vivo en Querétaro, a zona está no centro do país. É un lugar realmente bonito, ten unha grande presenza da arquitectura colonial e a historia viva respírase en moitos dos currunchos da localidade.

Cal é a vosa principal fonte de ingresos, o turismo?

É importante pero non a única, tamén temos moita actividade industrial.

Como afrontou o goberno mexicano, a situación derivada da pandemia sanitaria, ao teu xuízo?

Eu creo que con pouco rigor, incluso a día de hoxe; (21/04) teño a sensación de que se actúa en función das circunstancias, en lugar de ter iniciativas que afronten a situación a priori. Asemade teño serias dúbidas da veracidade da información que proporciona o goberno, así por exemplo eles din que hai moi poucos mortos e poucos contaxios, pero onte declararon un estado de emerxencia de nivel 3, que suporía a existencia dunha situación epidémica xa non controlable, algo difícil de casar coa información que nos proporcionan.

Antes de López Obrador, quen gobernaba en México?

O PRI, que supostamente é socialdemócrata pero actúa como a dereita.

Cal era a situación social de México antes da chegada de López Obrador?

Sempre foi bastante decente porque México ten moitos recursos, pero o problema é que os niveis de corrupción son elevadísimos.

E desde que gaño a esquerda a situación mellorou, empeorou ou segue igual?

Ao meu xuízo empeorou, eu creo que o posto de presidente, a López Obrador, quédalle grande. Apoiouse nas grandes bolsas de pobreza que existían para gañar as eleccións, dálles axuda que realmente non serven para nada, e vai contra os empresarios.

As porcentaxes de pobreza son moi elevadas?

Si, a nivel federal está no 41%,e nos estados máis pobres Chiapas e Guerrero, anda polo 76% e 66% respectivamente.

O número de persoas infectadas e falecidas coñécese?

Como che dixen antes a información é escasa e eu teño dúbidas de que sexa rigorosa e veraz. Onte(20/4) falaban de 7.500 persoas infectadas e 650 mortes.

Cantos habitantes ten México?

Arredor de 125 millóns.

En que consisten as medidas que tomou o goberno para tratar de conter a pandemia?

O que hai aquí, non son restricións, senón recomendacións de non saír.

Non hai ningún tipo de restricións á mobilidade?

Non, só recomendacións. Coas empresas si que están un pouco máis serios nas restricións, e onte houbo dous gobernadores de estados que tomaron a decisión de facer o confinamento obrigatorio. Jalisco e Michoacan.

Ti, en Querétaro tes total liberdade de movementos?

Si, a día de hoxe, total e absoluta.

E a actividade económica como está?

A restauración está pechada, só funciona o reparto domiciliario, o sector do ocio está tamén pechado. Os eventos deportivos ou sociais que impliquen concentración de persoas, están tamén suspendidos. Aínda que ao meu xuízo tardaron bastante en suspendelos. Os hoteis están abertos pero cun número limitado de prazas, dependendo do estado permíteselles estar entre o 15 e o 25% de ocupación. O que si funciona con normalidade é o esencial para a vida como os supermercados ou as gasolineiras.

A actividade industrial?

Agora mesmo está pechada, pero porque estamos en semana santa, veremos no futuro como se afronta.

O turismo é un pulmón esencial para a economía de México. Agora mesmo, hai restricións á entrada de viaxeiros?

Non, pode vir quen queira, non hai peche de fronteiras, nin aeroportos. As praias si que está pechadas. Non ten moito sentido que se limite a asistencia a hoteis, que se peche a restauración as praias, e non se poñan trabas á entrada de persoas, pero é o que hai.