Unha vez máis, Ana Pontón, tivo a amabilidade de achegarse ás nosas páxinas para darnos a coñecer a visión do BNG sobre a situación sanitaria e social de Galicia, así como as expectativas do Bloque nas inminentes eleccións autonómicas, nas que todo apunta que os nacionalistas obterán un excelente resultado
“ O BNG TEN UN PROXECTO CAPAZ DE MELLORAR A VIDA DAS PERSOAS, COMO ASÍ O DEMOSTRAMOS NOS DISTINTOS CONCELLOS NOS QUE GOBERNAMOS”
A primeira, a máis importante; darche os parabéns, Ana, polo recente nacemento da túa filla. E voulle desexar, o mesmo que lle desexo eu á miña; que teña unha vida longa e feliz, e que poida vivir nun país, o país galego, que lle ofreza oportunidades suficientes para que poida desenvolver, se ela así o quere, un proxecto de vida persoal onde naceu
Quero agradecerche os parabéns, a chegada de Icía está sendo un momento marabilloso aínda que sexa nestas circunstancias tan estrañas que nos impiden compartir esa alegría coas amizades e coa familia, pero tamén nos permitiu vivir con máis intensidade estes primeiros pasos da súa vida.
E quero aproveitar que comecei falando da túa nena, para preguntarche por un tema que a min me sensibiliza e preocupa de maneira superlativa, que é a supervivencia do idioma nas xeracións máis novas. A miña filla ten 14 anos, ata que comezou na escola non tiña problema en que se comunicara en galego comigo, ou cos que lle falaban no noso idioma, pero desde que entrou no colexio foi abandonando o seu uso, aos poucos, de maneira que agora resulta imposible que o empregue. A política lingüística da Xunta pon en perigo de desaparición a un idioma milenario como o noso?
É evidente que a política lingüística da Xunta está poñendo en perigo ao futuro do galego, pero non é unha opinión persoal é o que advirten todos expertos e todos os informes e até o Consello da Cultura ou a RAG alertan que o decreto lingüístico do Goberno de Feijóo está poñendo en risco a transmisión xeracional do noso idioma e temos a obriga de preservar este ben tan valioso, que nos da unha singularidade no mundo. Se temos o apoio necesario, o compromiso do BNG é cambiar esa política e garantir mil primaveras máis para o galego.
Explícanos as razóns do voto favorable do BNG no congreso español ás primeiras prorrogas do estado de alarma e o cambio de postura á abstención, na que se votou o 6 de maio?
Fomos a primeira forza en pedir o aprazamento das eleccións porque ante a pandemia o prioritario era salvar vidas e, nese sentido, o estado de alarma foi e sigue a ser un instrumento útil, de aí o noso apoio. Pero tamén é certo que desde o principio tivemos unha posición crítica por como se estaba executando ese mecanismo, pola centralización que aparellaba, pola falta de diálogo e polas decisións erradas desde o punto de vista económico. A abstención é un voto responsable porque seguimos favorecendo que se conte co mecanismo do estado de alarma para combater a pandemia pero ao mesmo tempo tamén expresamos a nosa crítica polo que non se está facendo ben. E desde logo, entendemos que a desescalada debe levarse adiante desde as comunidades autónomas en función da realidade de cada territorio, e en Galiza ter un plan consensuado. Lamentablemente isto non está sendo así por parte dun presidente da Xunta que reclama en Madrid un diálogo e unha cooperación que non practica no país.
-Valora a xestión do goberno do estado en relación coa situación sanitaria nos catro eixos seguintes:
-No eido sanitario?
Centralizar a xestión sanitaria foi un erro do Goberno central porque o Estado non ten competencias en sanidade e polo tanto non ten capacidade de xestión nesta materia, quen mellor coñece o sistema sanitario son as comunidades autónomas que teñen esa competencia transferida.
Goberno do Estado e Xunta foron incapaces de garantir a protección do persoal sanitario que loitou contra o coronavirus en moitos casos en circunstancias que non son de recibo e por iso temos un nivel de contaxios tan alto. Esta pandemia tamén puxo de manifesto que a privatización da sanidade e os recortes son un problema, por iso vemos como a Xunta para cumprir os rateos sanitarios que permitían iniciar a desescalada, como por exemplo o número de camas, tivo que sumar camas inexistentes en hospitais de campaña que se montarían en recintos feirais ou en polideportivos. Se Feijóo non tivese recortado 900 camas nestes dez anos non sería necesario.
Polo tanto, hai que reforzar a sanidade pública, revertendo recortes e privatizacións do PP.
No eido económico?
As medidas son insuficientes e habería que ser máis ambicioso en termos de protección social poñendo en marcha un plan de rescate da economía real, obrigar á banca a devolver os miles de millóns de euros do rescate e máis ambición nas medidas de protección social.
-No eido das liberdades públicas? O BNG albisca algún perigo de regresión neste terreo?
Reducir a mobilidade era inevitable en aras de atallar a expansión letal do virus, pero outras medidas son cuestionables, como o exercito patrullando as rúas ou que se aplique a Lei mordaza. A protección da saúde ten que ser compatible coas liberdades públicas fundamentais.
-No eido competencial? O BNG considera algún perigo de recentralización?
O BNG ten unha gran preocupación con este asunto, máxime tras ver como o presidente do Estado fala de querer lexislar a cogobernanza, que significa isto? Espero que non se traduza nunha centralización da sanidade ou da educación, porque unha das cuestións que quedaron claras nesta crise foi a ineficacia da centralización da xestión, e o Bloque vai estar sempre en contra de perder capacidade de decisión. Por contra, pensamos que somos un pobo que debe tomar as súa decisións e que a política hai que adaptala á realidade de cada país, pois non se pode lexislar como se todo fose o quilómetro cero de Madrid. Iría en contra da recuperación económica e do benestar e progreso de Galiza.
-Como interpretas o pacto do PSOE con C,S para aprobar esta última prórroga?
Preocupación polo feito de que o Goberno de PSOE-Podemos busque apoio a súa actuación nunha das patas da dereita, do trifachito de Colón, porque implicaría un deriva neoliberal e centralista o que sería unha mala nova. Se se vai por aí a crise a van pagar os de sempre. Imos traballar para que haxa un goberno que cumpra con Galiza porque se o pacto de investidura ao que chegamos co PSOE era necesario antes do COVID19, agora é imprescindible.
-O BNG tivo un papel moi importante na investidura de Pedro Sánchez, asinando un acordo con contido moi relevante para Galicia. Malia que agora esteamos na situación na que estamos entendo que estaredes vixiantes para esixir que se cumpra en todos os seus termos?
Son acordos máis necesarios que nunca e imos traballar para que se desenvolvan canto antes e na súa integridade.
-Como debería organizarse a desescalada en Galicia para o BNG?
O lóxico sería un gran acordo de país entre os axentes económicos, comunidade científica e os partidos políticos para facer unha desescalda en clave galega. Resulta preocupante ver a Feijóo actuando como se a desescalda fose unha competición, pero o desconfinamento non é un sprintsenón unha carreira de fondo na que, o importante para chegar á meta e recuperar a normalidade canto antes é que non haxa pasos atrás. Pedimos precaución porque é unha fase moi delicada e fráxil que esixe máxima responsabilidade.
-Cales Serían as medidas económicas para a protección dos segmentos máis afectados, e para a reactivación da actividade económica que se deberan tomar no noso país?
O Goberno de Feijóo non estivo á altura e utilizou o mando único como arma arreboladiza, optando pola confrontación e por tirar balóns fora, cando era máis necesario ca nunca cooperación. Teño a certeza de que todas as forzas políticas suspendemos a campaña excepto Feijóo que utilizou esta pandemia para seguir coa súa campaña e non é admisible en termos éticos nin políticos pensar que pode sacar tallada da pandemia é deixa un retrato terrible do actual xefe do Executivo.
-Como valoras a actuación do goberno galego nestes meses en relación coa crise sanitaria?
O Goberno do PP en Galiza foi incapaz de poñerse a fronte da crise sanitaria, por contra optou por situarse comodamente no centralismo para meterlle a culpa de todos os erros a Madrid. É certo que o Executivo central cometeu moitos erros, pero ante iso Feijóo quedouse de brazos cruzados e non fixo os seus deberes no ámbito sanitario, non está sendo capaz de poñer en marcha medidas de protección da saúde como o reparto masivo e gratuíto de máscaras entre toda a poboación; e non estivo á altura desde o punto de vista económico. Por exemplo, no caso dos 210.000 traballadores e traballadoras autónomas non reciben ningunha axuda directa da Xunta que si teñen en Euskadi, Cataluña e Valencia.
Feijóo mantivo unha actitude de campaña electoral usando con descaro os medios públicos dun xeito partidista sen importarlle estar no medio dunha pandemia.
-Que pasa no interior das residencias de anciáns e anciás de Galicia?
Moi preocupante, é o gran drama desta crise cunha xestión nefasta por parte da Xunta, pensemos que o 46% das vítimas mortais foron nas residencias da terceira idade, é dicir, que un colectivo de 20.000 usuarios e usuarias das residencias soportaron case a metade dos falecementos. Tamén se puxo de manifesto as terribles consecuencias dun modelo privatizado do coidado das persoas maiores, -das 223 residencias só 24 son de xestión pública-, as consecuencias tremendas de converter en negocio o dereito a unha vellez digna. Hai que modificar de raíz o actual modelo de residencia da terceira idade e camiñar cara un modelo de xestión pública onde se prive o dereito das persoas maiores.
-Os recortes en servizos públicos esenciais levan a situacións tan delirantes como por exemplo, por falarmos da nosa área de influencia, a pedir que o exército constrúa hospitais de campaña e ter o hospital Cies e o hospital Rebullón pechados?
Si, son os recortes do PP en sanidade os que nos levan a ter que pensar en hospitais de campaña cando xurde unha crise sanitaria. E temos tamén unha atención primaria que se quedou no chasis cos recortes do Goberno de Feijóo e que agora se pretende sexa a punta de lanza na loita contra o coronavirus, por iso desde o BNG propoñemos un plan de reforzo para a atención primaria dotado con 200 millóns de euros. Non podemos ter confinada á sanidade pública e ao BNG preocúpanlle as listas de espera, as operacións pendentes, as citas aprazadas.
-Hai un par de días EL PAIS publicaba que “A XUNTA tramitaba en pleno estado de alarma proxectos polémicos polo seu impacto ambiental”. Que sabe o BNG ao respecto desta información?
Vemos de novo como a Xunta actúa con opacidade e xusto nun momento no que a crise nos di que hai que preservar a biodiversidade e loitar contra o cambio climático, porque unha das cuestións que permite a expansión da pandemia é a perda da biodiversidade e a contaminación. Desde o BNG imos traballar para que o país avance na preservación do medio ambiente e para que a economía tamén pivote sobre ese elemento de conservación do planeta para as xeracións futuras.
-E seguindo co impacto ambiental quero preguntarche polo proxecto do Celta e do PP de Mos, nos montes dese concello. Como está ese tema ao teu xuízo?
Desde o BNG consideramos que ese proxecto é un despropósito e temos claro que hai que paralizalo.
-Cando prevés que poidan ser as eleccións galegas?, e cando cree o BNG que deberan celebrarse?
Non deberían celebrarse até que se levante o estado de alarma e haxa garantías democráticas e sanitarias porque o primeiro é a saúde. Esa é a nosa posición aínda que todo apunta a que, unha vez máis, a data electoral en Galiza a vai fixar o lendakari Urkullu e que Feijóo se limitará a ir a rebufo convocándonos ás urnas en xullo. É unha temeridade convocar eleccións en estado de alarma sen coñecer como vai evolucionar a pandemia na desescalada, un risco para saúde e podemos botar por terra todo o esforzo realizado até agora.
-Que expectativas razoadas de resultados esperas obter?
O BNG é unha forza política á alza e o cambio político en clave de país é imprescindible porque os que deterioraron a sanidade pública, os que foron incapaces de garantir o impulso económico, os que deterioraron a investigación e os servizos públicos non poden ser os que leven adiante a construción da Galiza do futuro e estou convencida de que as eleccións van traer un cambio de goberno.
-Se eu fora un veciño de calquera das comarcas do interior de Pontevedra nas que se distribúe A Nova Peneira, que non tivese aínda decidido o meu voto, por que debera votar ao BNG?
Porque o BNG ten un proxecto capaz de mellorar a vida das persoas, como así odemostramos alí onde gobernamos, e no caso dos concellos que me citas teñen exemplos ben cerca nos que poden comprobar como o Bloque ten capacidade para transformar en positivo a favor da xente. É o caso da cidade de Pontevedra, pero tamén noutros concellos como Tomiño, Poio, As Neves, Ponteareas ou Barro, entre outros nos que se produce un avance que beneficia ao conxunto da veciñanza, aportando dinamismo económico, social, cultural, desde un urbanismos sostible e pensado para as persoas.
-E por último Ana, fágome cargo de que agora sodes 1 máis na túa familia e que o tes máis difícil, pero que saibas que o 6 de febreiro do ano próximo teremos a IV edición da nosa gala bienal e, se queres e podes, estariamos encantados de que nos volveras a acompañar
Farei o posible para estar nesa cita e moitas grazas polo convite.