Antes que o coronavirus, chegou Vox a Nova York. Chegaron anunciándose a bombo e platillo, como cando chegaban ás nosas aldeas os vendedores de ilusións. Chegaron enfeitados dunha pomposa arrogancia de poderes inútiles. Ían coa voz aberta anunciando un encontro coa administración Trump. Nin eles o crían, non é que non sexan da mesma familia, que o son, de pensamento claro. A diferencia é que Vox, son pouquiña cousa para eles e non lles fan caso. Vox anunciou a súa presentación no circulo español de Queens. Nós chamamos ás directivas para protestar, máis que protestar falar. Dicindo que non era de recibo, recibir a esa xentiña. Vox fixo forza e Nós tamén. Tiñamos a razón. Eles tiñan a razón da fouce, e nos a fouce da razón. Vox tal vez non sabía ou non quixo saber, que o Centro español de Queens, foi fundado por emigrantes, legais e ilegais dos que eles tanto odian.
Está claro que esa minoría da dereita recalcitrante, fai moito ruído por onde vai, e sobre todo son especialistas en inventar o que non hai. Despois do fracaso, correron a outro centro social. A NACIONAL. Trabucáronse estes pequenos políticos, pois atrevéronse a ir á sociedade mais antiga de Nova York . Símbolo de toda emigración española e do exilio. Vox tratou, e Nós fechámoslle a porta. Trataron logo de enganarnos, dicindo que se ía a celebrar nun club privado moi importante, a carón da catedral de San Patricio. Todo conto, ninguén os escoitou nin lles deu creto. Conseguiron unha entrevista nun canal privado do televisión de Colombia, onde o periodista lle cantou algunhas verdades que nin souberon contestar. Falaron iso si de Venezuela, dos cartos de Venezuela, pero non falaron de Iran, nin de onde lle viñan os cartos a eles. Finalmente reuníronse eles e algún tonto útil , nunha cafetería do exilio cubano e aí puideron dicir._ Compay que bien baila usté. Mentiron, mentiron unha e outra vez, dicindo que suspendían os actos de presentación por culpa das ameazas da esquerda radical. Non temos que facerlle caso a esta xente, pois están nas antípodas das democracias, e esperamos que este pesadelo dure pouco.