Notas sobre a alcaldesa republicana da Cañiza

Notas sobre a alcaldesa republicana da Cañiza
Alma López Figueiras

María Purificación Gómez González morreu con Alzheimer en Lugo en 1986. Con 80 anos e a memoria persoal fragmentada, contan que ás veces tiña ataques de pánico e berraba “veñen por min!” con verdadeira angustia. Nos últimos anos da súa vida foi posuída polo espírito de 1936 e reviviu aqueles días de outubro nos que esperaba a condena do consello de guerra no cárcere de Príncipe, en Vigo, e temía que dixesen o seu nome. Para evitar a funesta chamada, mesmo chegou a comunicar a familiares e amigos que non a fosen visitar ao cárcere. O tormento comezara meses atrás, cando os militares sublevados o 18 de xullo de 1936 entraron na Cañiza e apresaron a María Gómez, o seu home José Ares e a outros mestres e militantes socialistas como Jesús Eugenio Pérez, Antonio Mojón, Tirso Gómez e Justo Moure no inicio dun período represivo que duraría anos en silencio. María Gómez, que con 31 anos se presentara ás eleccións de febreiro de 1936 pola Fronte Popular en representación da Izquierda Republicana de Manuel Azaña, era alcaldesa da Cañiza desde o 14 de marzo dese mesmo ano, a única muller que encabezaba un Goberno municipal en Galicia naquel momento e unha présa de caza maior para os militares sublevados.

Un país sen memoria

Pasaron case nove décadas daqueles episodios históricos e custa atopar información sobre a vida de María Gómez, máis aínda sobre o seu legado político. No Concello da Cañiza apenas identifican o seu nome cando se pregunta pola alcaldesa republicana da localidade. Malia ser incluída o ano pasado nunha exposición fotográfica sobre a evolución das mulleres no concello dentro da sección dedicada ás que foran pioneiras no seu tempo, a alcaldesa represaliada de 1936 non ten recibido homenaxes públicas e permanece esquecida e ignorada. En ausencia dunha política pública de memoria histórica en Galicia, como denuncia a investigadora e escritora Montse Fajardo, son contadas as institucións que traballan neste eido; e o Concello da Cañiza non é unha delas.

A miúdo, as homenaxes públicas e a recuperación de biografías soterradas e mesmo vilipendiadas pola ditadura franquista e os pactos da transición cara á democracia actual veñen de iniciativas individuais, do empeño de persoas que precisan coñecer a historia silenciada dos seus devanceiros. Desde Cataluña, un neto do fusilado Justo Moure declarou a inocencia que reclamaba o seu avó desde o cárcere e introducíu a súa causa na denominada querella arxentina contra os crimes do Franquismo. A raíz deste proceso, promoveuse un acto de homenaxe pública na Cañiza en 2006 que foi ensombrecido pola programación municipal dun espectáculo cómico o mesmo día á mesma hora. Así o lembra a cañicense Marta Pérez, bisneta do tamén fusilado Tirso Gómez, que se encheu de carraxe para iniciar unha investigación sobre os episodios históricos de 1936 que marcaron á súa familia e presentar o relato nunha peza teatral que leva por nome O Péndulo e se representa actualmente nos escenarios de Galicia. María Gómez, malia non ser a personaxe principal, tamén aparece.

“Durante a investigación fun atopando cousas que non esperaba sobre a alcaldesa”, revela a autora. Para acceder ás fontes históricas dispoñibles e vertebrar o seu relato coa máxima honestidade, Marta Pérez peregrinou por diferentes arquivos e lugares que foron escenario da represión. No Arquivo Militar de Ferrol recolleu o documento de outubro de 1936 no que se ratifica o fusilamento dos catro mártires, incluído o seu bisavó, e a conmutación da pena de morte a María Gómez. Tamén leu documentos nos que a alcaldesa culpaba aos seus compañeiros. “Cando vin que ía contra o meu bisavó indigneime, pero logo fun atopando información contraditoria, as acusacións eran mutuas e quizais respondían a un intento de enfrontalos”, comenta Marta Pérez. Nos procesos de investigación histórica, como lle indicaron profesores da Facultade de Xeografía e Historia da USC cando acudiu ao arquivo do proxecto Nomes e Voces, “unha cousa é o que sucedeu, outra o que eles digan que sucedeu, e finalmente o que ti penses que sucedeu”. A subxectividade impregna todo.

Na peza teatral O Péndulo lévanse á escena escritos de María Gómez nos que relata a súa experiencia frustrada como alcaldesa e a conversa que puido ter no cárcere con Pura Martínez Garrido, filla do alcalde vigués fusilado, sobre a posibilidade de alegar un posible embarazo para eludir a pena de morte, como así foi. “Deixou cartas nas que se resiste a ser manipulada como un boneco e demostra o seu carácter”, afirma a dramaturga. Aínda que a súa é unha trama secundaria na obra de teatro, María Gómez é unha personaxe que reclama protagonismo e memoria histórica pola invisibilidade que sufriu e segue sufrindo.

Como outras mulleres que chegaron a ser alcaldesas nos anos da II República, María Gómez foi unha candidata de consenso nun contexto social e político que avanzaba en dereitos e liberdades para homes e mulleres sen diluír o pouso machista. Segundo Montse Fajardo, que forma parte do programa A memoria das mulleres do Concello de Pontevedra, foi o paternalismo franquista que emerxía do machismo exacerbado do fascismo e o nacional catolicismo o que motivou que mulleres republicanas como a alcaldesa da Cañiza non acabasen fusiladas. “Consideraban que as mulleres estaban manipuladas polos homes; a misoxinia salvoulles da morte, pero non das torturas e das humillacións”, comenta Fajardo.

Sororidade e silencio

Despois de ver conmutada a pena de morte pola cadea perpetua en outubro de 1936, María Gómez foi trasladada a Guipúscoa para ser encarcerada na prisión de mulleres de Saturrarán até 1943, cando se lle conmutou a cadea perpetua. Naquel cárcere, que estivo en funcionamento entre os anos 1938 e 1944, foron recluídas unhas catro mil mulleres de diferentes lugares da xeografía española que estaban consideradas como especialmente perigosas e rebeldes para a nova orde que se pretendía instaurar desde a ditadura franquista. Foi nesas circunstancias, soportando castigos e humillacións baixo as condicións de insalubridade e penuria que impuñan os militares e relixiosos que custodiaban as instalacións, onde María Gómez fixo amizade coa tamén galega Urania Mella, filla do pensador anarquista Ricardo Mella e presidenta da sección viguesa da Unión de Mulleres Antifascistas cando foi represaliada xunto ao seu marido en 1936. Na súa obra Un cesto de mazás, Montse Fajardo recolle a historia de Urania Mella e destaca os vínculos de sororidade.

Tras deixar atrás o inferno de Saturrarán, María Gómez volveu a Galicia, mais non á Cañiza. Acabou instalada en Lugo, onde residiu durante o resto da súa vida sen que ninguén reparara no seu pasado como rexedora republicana. Urania Mella, que foi trasladada a outro cárcere despois do peche de Saturrarán, recuperou a liberdade pouco antes de morrer, en 1945, e pasou os seus últimos días con María Gómez en Lugo. Marta Pérez, autora de O Péndulo, tamén se refire a este vínculo de sororidade cando fala da que fora alcaldesa da Cañiza. Urania Mella, como outras republicanas represaliadas, foi apartada dos seus fillos, que medraron alimentados de mentiras e colleron xenreira a súa propia nai. Cando esta saíu do cárcere e foi buscalos a Vigo, o que recibiu foi rexeitamento: a súa filla negoulle un bico. Unha vez falecida a súa amiga, María Gómez esforzouse por transmitirlles a verdade aos fillos de Urania, que llo agradeceron publicamente nun acto de homenaxe. Sentían culpa por non querer á nai e ter vivido nunha mentira.

A culpa tampouco debeu serlle allea a María Gómez. Pode que o medo a distanciase da Cañiza cando se viu libre para comezar de cero, pero quizais tamén o sentimento de culpa por estar viva. Esta é outra das reflexións de Marta Pérez a raíz das pescudas previas á creación da peza teatral que recupera a historia familiar de represión. “Non hai documento que mo diga, pero debeu sentirse fatal por salvarse mentres os seus compañeiros eran fusilados”. Convivir coas familias daqueles catro homes fusilados o 31 de outubro de 1936 nas proximidades do castelo do Castro, en Vigo, sabéndose unha privilexiada por estar viva, podía ser unha segunda condena. É o dilema, xa clásico no estudo da represión política, que expuso o intelectual italiano Primo Levi despois de sobrevivir a Auschwitz.

A Cañiza aínda ten pendente un recoñecemento público de María Gómez. “Cando fun ao Concello para solicitar documentación histórica, a funcionaria puntualizou que só estivera catro meses de alcaldesa e que as mulleres importantes sobre as que escribir eran as mulleres que cultivaron a terra e nos deron de comer”, lembra indignada a bisneta dramaturga de Tirso Gómez. “Mais a miña avoa, por ser filla dun socialista republicano, non tiña terras nin casa familiar”.

A memoria doe, pero recuperar a historia das persoas represaliadas é darlles unha dignidade que merecen, é axudar a sandar feridas que non cicatrizan ben nin pasadas tres xeracións. O legado político de María Gómez foi ser pioneira, pero tamén merece ser recordada como mestra ou poeta sen ocultar o trauma persoal que lle inflixiu a represión franquista.