Os que non calan

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Véntanse malos tempos ao redor da guerra, da inflación, do virus, das alarmas de todo tipo e de insultos nos que gobernan e nos que gobernar quixeran. Como é costume recíbense acusacións das de sempre, das que xa -por desgraza- sabemos. Esas que comezan poñendo en dúbida as fontes informativas para favorecer a uns, os propios, e prexudicar cun castigo a outros. Son ordinarias formas de socavar información e confundir, moi habituais nestes tempos e nestes espazos que nos habitan. Unha boa parte da xente pica, cae nesas prospeccións de porcentaxes e descualificacións que, realmente o que fan, é programarnos inventando e roubando as nosas decisións, adiantándose a elas e marcándonos o camiño. Son descualificacións sibilinas que veñen parapetadas de afrontas e que obvian o evidente ocultando o que interesa. Cáese na incerteza, despois da dúbida. Primeiro e despois obrígannos aos xuízos de valor, eses que se executan tan axiña que non dan pé á confrontación de pareceres, sequera á exposición de probas. Non, non hai tempo e xa se executa a sentenza programada. Neses xuízos faise moi arriscado andar en previsións e mentres, esquecemos o carácter excepcional dos tempos que nos levan. Todo vai indo e nós imos levados desas angueiras. Estes tempos raros e convulsos nos que o mundo anda de sorpresa en sorpresa. Pero a nós, as fontes informativas dannos de alimento a parte que cren conveniente. Ao mesmo tempo, os partidos desoen a lei que obriga a preguntar, a saber, que obriga a unha democracia práctica, a unha busca de solucións ou de entendemento. Eu creo que se perden en obscenas necedades, sen ter lei e sen recurrir a ela. De tal forma que esta faise innecesaria e os poderes xudiciais un adorno de siglas. É así, deste xeito tan insultante, como non se senten obrigados a cumprir cos que os elixiron no seu día. Por iso acontece que moitas persoas dignas e decentes caian no silencio. Son persoas limpas e claras, persoas que reflexionan e non ocultan a verdade, para sorpresa de moitos. Non comparten o café para todos, e moito menos calar. Son xentes que debaten e teñen criterio, que resultan imprescindibles para concluir nunha sociedade madura e, xa que logo, encamiñada á esperanza dunha democracia que nos libere, que nos resolva os problemas segundo veñen. Son xentes admirables, íntegras, que non se deixan levar das aparencias, que na súa carraxe erguen contra calquera inxustiza, mesmo contra determinadas siglas que desde calquera parapeto adoptan posturas incoherentes. Son aquelas, persoas que non calan, din o que pensan e néganse a esta homoxeneidade que nos apaga, nefasta para as culturas, esa que “ningunea aos demais” mentres os de arriba, para evadirse, sanciónannos porque soñamos, soñamos ser quen somos, nesta utopía gozosa e antiimperialista que -segundo eles- nos precipita en decadencia. Son esas persoas tan admirables como necesarias e construtivas, valentes e que non se esconden. Normalmente residen no silencio, como dixen, pero débense recoñecer como honrosas excepcións que se negan a dicir meee e seguir ao rabaño. Persoas que critican aos “intelectuais mansos”, que se fixeron fieis a algunha parte e que non resultan incómondos xa para ninguén, agora van pegados ás elites e renuncian á intelixencia e teñen o medo dos verdugos, puxéronse do lado dos que mandan e administran, sabendo que nos levan -eles tamén, co seu silencio- a unha morte social que nos invade. Son de moita discreción, ben pensantes e repoludos vitoriosos que dispoñen desa conxectura optimista que nos persegue desde a autoridade. Ben deitamos dos que, de calquera xeito, non calan!