Eólicos veñen e van

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Estamos nese punto de falar moito sen escoitarnos entre todos nós, sen parar a considerar. Todo é un alboroto que brama sen sentido. Empezo a crer que a política volveuse iso e dar “largas”. Non pode haber encontro, entendemento nesta polisémica vinganza de non querer saber,  non querer escoitar. Non comprenderse é un síntoma da derrota absoluta. 

E así nos vai, claro! Agora resulta que nos defenden, falo de políticos e asesores de todo tipo, cando nos infrinxen castigo. Agora resulta, abreviando, que nos liberan economicamente cando nos suben o prezo da luz e que nos van facer un favor ao enchernos de parques eólicos, de incineradoras, de lixos e lodos contaminantes. Algúns, xa temos a experiencia de cousas dese tipo, eucaliptos nos ollos enchendo a paisaxe, arruinando esperanzas produtivas e abrasando en potenciais incendios, lodos contaminantes que con nocturnidade botan nos altos e contaminan permanentemente cos seus pesados metais, ou as “vacas tolas” canto  enterraron a vergoña baixo cal e nunhas minas a ceo aberto do señor Villar Mir (Lanzá, Mesía, A Coruña). Si, daquel señor que fora xa ministro de Franco e que ten tantas agarradeiras en partidos de goberno, moi sospeitoso de trampas e de mercar vontades para o seu beneficio coa obra pública e pagos en negro. Aquel señor que xa nos abriu feridas na terra e no corazón coas súas obras de minaría, unha forma de beneficio neto máis, que arrasou fontes e ríos, fragas e toda a natureza da contorna próxima. Aínda se pode ver, están aí os seus despoxos. Hai xente con moito poder que se aproveita de nós. Ninguén lles fixo pagar o dano que infrinxiron. E piden máis, máis chicha e negocio, de costas á quen resulta enganado.

Todo isto, supón un custo ambiental tal, e tan negativo, que dá pena vernos  nos perigos e ameazas. Baixo a forma de inocentes papaventos, que miden douscentos metros de alto, levan os dividendos económicos dos Macro-Parques Eólicos para fóra. Que ninguén se engane, nunca nos rebaixarán os prezos do consumo -como debera ser, xa que os sufrimos! É dicir, permiten que nos rouben tamén o aire! Xa acabaron coa terra, coas augas limpas, agora chegan empresas de lonxe, que veñen, empaquetan e venden. Chegado o día, venderannos a nós como o seu produto, tamén -se chega o caso- como se foramos da súa propiedade. Todo un luxo de apropiación indebida, de roubo consentido. Diso saben moito políticos e continuadores dos que temos na proximidade. Poderíanse dar nomes. Fixéronse expertos en mutacións, transformacións, eufemismos, furtos, raptos, relatos de confusión, de submisión, de subtraccións e estafas en ampla gama. Acoden en protesta anque calan nos foros debidos, onde están non só para dicir senón para alzar a voz e negarse, defender os intereses da xente afectada. Para que foron votados? Para discrepar, para pedir explicacións, para negarse ao atropelo. 

Os aconteceres van así, suceden coma quen non quere a cousa. Acabamos pagando a enerxía que nos roubaron previamente, a prezo igual ou superior a outros. Xa pasa coa enerxía dos encoros, e mirade que temos ben deles! Disto lembro ter falado con Isaac Díaz Pardo referíndonos ao caolín, arxila branca que procede da descomposición do feldespato e necesaria para a louza na súa fábrica de Sargadelos. Tíñalla que mercar aos alemáns, que se apropiaran das minas en Galiza. Pagábaa  a prezos de ouro, vingativos. Isto volverá suceder, chámase invasión, colonización, usurpación, desleixo, abandono de funcións, explotación e unha morea máis de bastardas intencións que se envolven en palabras. Nin en Madrid nin en Galiza volven por nós. Téñennos vendidos. Ao final están unhas portas xiratorias que lles dan abeiro cando outonea. Mágoa estar tan mal gobernados, por xente que o fai en contra de nós, do noso patrimonio cultual, natural e ambiental. Se fose tan bo, non nolo traían!

Alguén dicía, xa na prehistoria dos tempos, que gobernar era mirar polo ben común. As verbas son un eco, resoan nada máis. Levan xa moitos anos indultando a mentira e as atrocidades a respecto da Terra, do Noso -ese todo que somos, cultura, memorias, comunidade. Insúltannos coa afronta dos seus actos, que nos arruínan en silencios que se volven contra a Casa. Veñen e van axudados de leis e xentes vendidas do ramo, de medios de comunicación, que calan e ocultan a verdade, seareiros e asesores, mentireiros de moda que o din en inglés e, seica di moito máis: “fake news”.