Pilar Vicente voceira do PP da Caniza.

Achegámonos ata A Caniza para coñecermos a valoración do PP local sobre o cambio de topónimo, votado polo parlamento galego de maneira unánime, e para que nos contara a situación do PP despois da dimisión do ex alcalde Miguel Domínguez, agora concelleiro non adscrito, para afrontar as eleccións municipais do ano próximo. Falamos con Pilar, a voceira dos populares na localidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A Caniza precisa un cambio, e o cambio so pode vir da man do Partido Popular”

Ti es voceira do PP da Caniza ou da Cañiza?

Do PP da Caniza.

O cambio do nome da localidade foi unha decisión aprobada co voto unánime do parlamento galego. Imaxino que o PP local cumprirá escrupulosamente esa disposición normativa?

Desde logo que si.

Entón por que non cambiades as vosas redes sociais e seguides a pór: “ PP de A Cañiza”?

Non é un problema de falta de vontade. É un problema técnico. As redes sociais son herdadas e eu, que non son administradora, non sei como mudar o nome. Xa tratei de cambialo varias veces pero aínda non fun capaz.

Cal é a túa opinión persoal ao respecto do cambio de nome da localidade?

Unha cousa tan relevante como é cambiar o nome dunha localidade non se fai ao chou. É resultado dun estudo filolóxico profundo a raíz do cal se conclúe cal debe de ser o nome correcto. Se todo o parlamento votou de forma unánime polo cambio, estou segura de que a decisión é correcta. Tamén quero dicir que certa resistencia é normal ao principio porque os cambios sempre asustan e confunden. Pero acabarase normalizado con seguridade.

Fíxate se estou segura de que é unha decisión correcta que a miña nai, que xa faleceu hai 5 anos, sempre dicía Caniza.

Como está a saúde interna do PP da Caniza?

Está moi ben. Estamos traballando con moitas gañas e ilusión por poder recuperar a confianza da maioría da sociedade do noso pobo.

O ex alcalde do PP Miguel Dominguez segue sendo concelleiro non adscrito, verdade?

Si. E vai a todos os plenos.

Que tal relación tendes con el?

Boa.

Como valoras a situación xeral do Concello?

A situación do noso Concello está fatal. A Caniza está morta. Lembro a cantidade e calidade de locais de restauración que había antes no noso pobo, e agora un sector tan importante como ese para A Caniza está practicamente desaparecido.

Nós mesmos, para facer a cea de Nadal do PP na Caniza tivemos serios problemas para atopar local coa capacidade necesaria para acollernos a todos.

Ben, dis que A Caniza está moi mal, e pos como exemplo a situación da restauración. Que outros parámetros che serven para soster ese argumento do suposto mal estado do pobo?

O estado xeral das instalacións públicas é lamentable. O pavillón está deteriorado de tal maneira que é o propio club de balonmán o que está a limpar .

A piscina está mal tamén, as máquinas do ximnasio están en moitos casos rotas. Foron os pais do cole de Valeixe os que tiveron que ir rozar e facer reparacións varias, traballos que lle competen ao Concello.

O colexio da Caniza tamén ten serios problemas, como por exemplo a falta de mantemento que tiñan as caldeiras…e como iso moitas cousas máis.

Recentemente o Consello de Contas emitiu un informe sobre o estado financeiro dos distintos concellos galegos. O informe puña en situación de alerta vermella a saúde económica de 17, entre eles o voso. Que valoración fai o PP?

Nós xa advertimos da situación económica hai tempo. O alcalde contestou cunha rolda de prensa na que contou a súa película. Pero, ao igual que o que dixeron da débeda que supostamente lles deixara Miguel Domínguez, unha mentira por moito que a digas 1.000 veces segue sendo unha mentira.

A situación económica do Concello é moi mala, só hai que molestarse en ver a páxina do Ministerio de Facenda e comprobaremos que a débeda da Caniza nunca foi tan alta como agora.

Pero que fixo exactamente o goberno de Piña para facelo responsable deste suposto aumento da débeda do Concello?

O problema foi o cambio de iluminación. Foi o que puxo ao Concello nunha situación económica moi delicada. Porque a realidade é que no día a día non fai nada que poida explicar onde se van os cartos.

O goberno chúpanos o sangue a impostos e nin se prestan os servizos de maneira adecuada, nin se reflicte na saúde económica do Concello.

Cales serían as receitas do PP para reverter esa suposta mala situación económica?

O primeiro facer unha auditoría para saber cal é a situación exacta. Logo xestionar con seriedade e responsabilidade prestando os servizos de maneira adecuada e non gastando máis do que entra, nin o que non se pode gastar. Por descontado tampouco lle subiriamos máis os impostos á veciñanza.

Cales son as vosas expectativas realistas para as municipais do 2027?

Gañar as eleccións. A Caniza precisa un cambio e o cambio só pode vir da man do PP.

Vas ser a candidata do PP nas vindeiras eleccións?

Eu son unha militante leal e estou ao dispor do que decida o partido. En calquera caso, no que sitio no que me toque estar traballarei sen descanso para que o cambio de goberno sexa unha realidade nas vindeiras municipais.

No caso de que o PP decida que ti sexas a súa candidata no 27 ti estás disposta a asumir a responsabilidade?

Si, si que o estou. Teño moita ilusión e confianza na vitoria e en traballar por mellorar as condicións de vida da veciñanza.

Primer comentario

Deixa a túa opinión